Euskadi logra o salvamento marítimo que o Estatuto galego contempla e o PP rexeitou pedir

Un dos dous helicópteros de salvamento marítimo da Xunta © Avincis

Dende o pasado 1 de xullo a Xunta ostenta as competencias sobre a xestión das autorizacións de concesións e usos no dominio público marítimo-terrestre. Ese traspaso da ordenación do litoral, acordado co Goberno de España previo litixio no Constitucional gañado polo Goberno galego, foi o primeiro logrado en 17 anos. A Xunta non sumaba competencias dende 2008, con PSdeG e BNG na Xunta e o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa.

A Xunta logrou neste 2025 a primeira transferencia de competencias tras 17 anos de seca total

Tras lograr esa transferencia o presidente Rueda e o PP galego dixeron estar dispostos a reclamar outras das pendentes e avaladas implícita ou explicitamente polo Estatuto, tales como a meteoroloxía, aeródromos e heliportos que non son de interese xeral ou autorizacións iniciais de emprego para migrantes. Tamén a da AP-9, que segue bloqueada no Congreso. Nesta liña, os populares levaron ao Parlamento iniciativas para apoiar a reclamación que recibiron o apoio de BNG e PSdeG.

Un helicóptero de Salvamento Marítimo do Estado © Avincis

Esta viraxe fronte á seca total no incremento do autogoberno que marcou a era Feijóo, único presidente da historia da autonomía co contador das transferencias de competencias a cero, deixa así e todo fóra traspasos que noutrora os populares galegos si apoiaran e que terían ampla relevancia política. A máis senlleira é, posiblemente, a da Policía. Mais, cando menos de momento, tamén manteñen fóra do taboleiro unha reivindicación que é posible adxectivar como histórica e que o Goberno vasco vén de lograr: o salvamento marítimo.

En 2019 o BNG forzou unha votación no Parlamento para volver reclamar o traspaso de salvamento marítimo e o PP negouse alegando que "o importante non é a competencia, senón a coordinación"

O artigo 29 do Estatuto atribúe ao Goberno galego a "execución da lexislación do Estado" en varias materias, unha delas é o salvamento marítimo, que exerce só en parte e "en colaboración" coa Sociedad de Salvamento y Seguridad Marítima do Estado (Sasemar). En numerosas ocasións e, sobre todo, tras a catástrofe do Prestige, a reivindicación do traspaso colleu forza e estivo incluída en reiterados paquetes de competencias pendentes, en varias ocasións tamén co voto a prol do PP.

Nesta liña, o pasado 2019 o BNG forzou no Parlamento unha votación para volver formular esa reclamación formalmente. E o PP rexeitouna alegando que "o importante non é a competencia, senón a coordinación".

O lehendakari, Imanol Pradales, reunido con Pedro Sánchez na Moncloa este 15 de xullo CC-BY Goberno Vasco

Agora, aínda que con obvio atraso, Euskadi si asumirá unha competencia que tamén avala o seu Estatuto de Autonomía. "Permitirá unha atención máis directa e cercana da seguridade dos arrantzales [pescadores], navegantes, turistas e traballadores do mar ao integrarse o salvamento marítimo no sistema vasco de seguridade pública", destaca o Goberno vasco, en referencia ás ligazóns coa súa propia policía.

O acordo político quedou pechado de vez este martes nun encontro na Moncloa entre Pedro Sánchez e o lehendakari, Imanol Pradales, no que ambos tamén pactaron a transferencia ao Goberno vasco das prestacións non contributivas da Seguridade Social -como a de maternidade, paternidade e acollemento- e a xestión integral do seguro escolar. Galicia tampouco conta con estas competencias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.