Igrexa, Casa Real e Concello de Santiago, piares institucionais doutro 25 de xullo coa Xunta de espectadora

Rueda e Feijóo, durante a ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago o 25 de xullo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A axenda do presidente volveu incluír un único punto, asistir á Ofrenda ao Apóstolo na Catedral compostelá, onde o rei estivo representado polo presidente do Parlamento, coa alcaldesa da cidade como anfitrioa da comitiva

A axenda do presidente da Xunta incluíu un único punto o pasado 25 de xullo. "Acompañado doutros membros do Goberno galego, asistirá á Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago e á Santa Misa na Catedral de Santiago de Compostela", indicaba a convocatoria oficial para as dez da mañá. Mentres na compostelá Praza do Obradoiro comezaban os rituais previos á cerimonia relixiosa, as contas de Alfonso Rueda nas redes sociais divulgaban un vídeo no que o xefe do Executivo felicitaba o Día de Galicia, sen apelidos.

Como é sabido, esa "Ofrenda Nacional ao Apóstolo" é allea ao Día Nacional de Galicia. Trátase dun acto político-relixioso na Catedral de Santiago instituído pola Casa Real española no século XVII, mediante o que o monarca formula no templo diversas peticións á divindade. As máis das veces dende a restauración democrática, o rei realízaa a través da figura do "delegado rexio", que neste 2026 foi outra volta o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, actuando como anfitrioa da Ofrenda ao Apóstolo na Praza do Obradoiro © Concello de Santiago

Esa cerimonia realízase durante unha Eucaristía solemne. Nela, o arcebispo de Santiago emprega a homilía para responder a ofrenda da Casa Real e abordar, tamén, asuntos da actualidade dende a perspectiva da Igrexa. Desta volta, por exemplo, Francisco José Prieto, falou da necesidade de protexer a poboación máis feble nun discurso enmarcado na recente encíclica do Papa León XIV, ademais de solidarizarse coas vítimas dos incendios en Castela, entre outras cuestións.

Dous conselleiros acudiron á Misa de Rosalía, acto relixioso con vertente civil e de innegable raizame galeguista, pero allea á institucionalidade do Día Nacional

Nesta liturxia e na parada militar que a antecede o papel da Xunta é de mera espectadora. Ao mesmo nivel que, por exemplo, o delegado do Goberno de España, Pedro Blanco, ou o ex-presidente e agora líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo. Mesmo por tras do Concello de Santiago, institución que a través da súa alcaldesa, Goretti Sanmartín, exerce de anfitrioa do delegado rexio -ou do rei, cando acode-. Primeiro atendendo a súa chegada á Praza do Obradoiro e tras a misa, cunha recepción na parte municipal do Pazo de Raxoi, sede do consistorio.

No remate desa recepción finalizou o papel institucional do presidente no Día Nacional de Galicia e do groso das conselleiras e conselleiros. Sen ningún acto promovido pola propia Xunta ao que ter que atender, nin en Santiago nin en ningún outro lugar. O único evento que a Xunta liga ao Día [Nacional] de Galicia, a entrega das Medallas de Galicia, sempre en Compostela, volveu ser celebrado o día 24. Nas xornadas previas tamén outros concellos, como Vigo ou Ames, celebraron con cadansúas conmemoracións polo 25 de xullo e algúns outros, como A Coruña, emitiron bandos sobre a celebración.

Feijóo conversa con Rueda durante a misa na Catedral, con Santalices como delegado do rei; e tradicional foto de familia tras a Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval CC-BY-SA Xunta

No propio 25 algúns representantes do Executivo aínda acudirían, non obstante, a outros dos eventos colaterais ao Día Nacional: os conselleiros de Cultura e Educación, José López Campos e Román Rodríguez, asistiron á tradicional Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval, cerimonia relixiosa con parte civil anexa que comezou a celebrarse na II República e que durante a ditadura serviu como reduto de reivindicación galeguista -mesmo a policía política da ditadura chegou a controlala e reprimila-. Un acto, este si, ligado á festa maior de Galicia, pero non á institucionalidade do autogoberno galego -actualmente promóveo o Foro Galicia Milenio.

Alba de Compostela para Camilo Nogueira

Un dos galardóns cos que o Concello compostelán conmemora o Día Nacional foi para o histórico dirixente nacionalista, clave no impulso ao autogoberno e unha das voces no acto co que a Xunta preautonómica tentara dar corpo institucional ao Día Nacional

Xa contra o serán, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, acudiu no nome do Executivo á Alba de Compostela. Trátase do acto instituído polo actual goberno local de Santiago no que o Concello combina a entrega de distincións a persoas e entidades coa propia celebración do Día Nacional. 

Neste ano a homenaxe recaeu na activista veciñal Concha Rozas, no historiador Ricardo Gurriarán, na ourive Susi Gesto e en Camilo Nogueira, histórico dirixente nacionalista e ex-eurodeputado do BNG de quen o Concello de Santiago recoñece a súa dilatadísima traxectoria política e e profesional. Salientando dentro dela que foi "unha das figuras máis recoñecibles no desenvolvemento do autogoberno galego".

Camilo Nogueira recibe a Alba de Compostela de mans da alcaldesa de Santiago e ante representantes de todos os grupos municipais do Concello © Concello de Santiago

Dáse a circunstancia de que precisamente Camilo Nogueira, nos anos da pugna pola recuperación da autonomía tras a ditadura, foi un dos dirixentes que interveu no primeiro intento da Xunta preautonómica por dotar o Día Nacional, que ela mesma declarara como tal, dunha celebración institucional de seu. Foi o 25 de xullo 1978 e Nogueira, na altura representando o Partido Obreiro Galego, reivindicou no seu discurso a necesidade dun Estatuto "nacional e progresista". 

Nos anos seguintes sería clave no impulso do Estatuto. E, como deputado de Esquerda Galega no inicio da andaina da autonomía, impulsaría iniciativas clave para artellar o autogoberno, caso da Lei de Normalización Lingüística, nunha liña que sostería dende 1993 dende o Bloque. [Camilo Nogueira, o arquitecto da nación]

Igrexa, Casa Real e Concello de Santiago volveron ser así un ano máis, piares institucionais do 25 de xullo por incomparecencia da Xunta, quen outra volta volveu obviar o apelido "nacional" do Día de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.