“A emigración non se toca: quen ataca a Lei de Netos, atácanos a nós”, defende Besteiro desde Bos Aires

Un momento da intervención de Besteiro desde Bos Aires no acto do PSdeG en Rianxo este 25 de xullo de 2026. CC-BY-SA PSdeG

Besteiro pronunciou desde o Centro Galicia de Bos Aires unha mensaxe conectada co acto tradicional do PSdeG en Rianxo, vila natal de Castelao, na que uniu as dúas beiras do Atlántico e situou a Galicia exterior no centro do presente e do futuro do país 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este Día Nacional de Galicia o papel decisivo da emigración na construción do país e advertiu de que os socialistas defenderán con firmeza os dereitos recoñecidos aos seus fillos, fillas, netos e netas a través da Lei de Memoria Democrática.

Besteiro pronunciou desde o Centro Galicia de Bos Aires unha mensaxe conectada co acto tradicional do PSdeG en Rianxo, vila natal de Castelao, na que uniu as dúas beiras do Atlántico e situou a Galicia exterior no centro do presente e do futuro do país. “A emigración, que axudou a construír Galicia e a manter viva a nosa identidade no exterior, non se toca. Quen ataca a Lei de Netos ataca a nosa historia”, proclamou.

O líder socialista lembrou que Bos Aires foi durante décadas unha das grandes capitais culturais e políticas de Galicia e que, cando na terra non se podía falar con liberdade, foron os galegos e as galegas do exterior quen conservaron a lingua, a cultura, a memoria democrática e a esperanza no autogoberno.

Besteiro, no Centro Galicia de Bos Aires, xunto con emigrantes galegos e familiares. CC-BY-SA PSdeG

“Galicia sobreviviu, soñou e avanzou dentro das súas fronteiras, pero tamén desde América. Marcharon, pero nunca se foron de todo”, afirmou Besteiro, quen recordou que foi en Bos Aires onde Castelao pronunciou, o 25 de xullo de 1948, a súa histórica Alba de Groria.

Besteiro salientou que miles de homes e mulleres partiron con moi pouco, traballaron arreo e contribuíron a construír países como Arxentina e Uruguai, sen deixar de axudar as súas familias, as súas aldeas e a propia Galicia. “Galicia sería outra sen a emigración. Débelle unha parte esencial do que foi, do que é e do que poderá chegar a ser”, asegurou.

O secretario xeral do PSdeG defendeu a coñecida como Lei de Netos como unha medida de xustiza e reparación histórica, fronte aos intentos da dereita e da extrema dereita de cuestionar a nacionalidade dos descendentes da emigración e do exilio.

O secretario xeral do PSdeG rexeitou con firmeza a campaña do PP facendo seguidismo a Vox contra o dereito á nacionalidade dos descendentes 

“Non é unha concesión nin un pasaporte regalado. É un dereito que estamos recoñecendo e facendo realidade para tantos netos e netas e para emoción de tantos avós e avoas”, explicou.

Besteiro rexeitou con firmeza a campaña do PP facendo seguidismo a Vox contra o dereito á nacionalidade dos descendentes. Neste sentido, acusou a Feijóo de atacar unha conquista histórica e reprochoulle a Rueda que, “posto a escoller entre defender a emigración galega ou someterse a Feijóo, volvese escoller a Feijóo”. “Avergóñanos que coas súas declaracións e cos seus silencios, desprece aos emigrantes e a todas as familias que os viron partir e que non entenden que sexan tratados como cidadáns de segunda”.

“É posible que Feijóo coñeza emigrantes, pero non os entende, non os respecta nin os defende. O que merecen os emigrantes son responsables políticos que estean ao seu lado. E para iso estamos os socialistas”, afirmou.

Membros do PSdeG durante a ofrenda en Rianxo, a terra de Castelao. CC-BY-SA PSdeG

Propuxo abrir unha nova etapa no autogoberno galego mediante a reforma do Estatuto de Autonomía 

Besteiro comprometeu a “fortaleza e a firmeza” do PSdeG para garantir que a lei continúe aplicándose e que ningún cambio político poida arrebatarlles aos descendentes da emigración os dereitos xa conquistados. “Ninguén ten dereito a quitarlles o que lles pertence. E nós non o imos permitir”, sentenciou.

Defendeu tamén que o Día Nacional de Galicia non debe servir unicamente para lembrar de onde vimos, senón tamén para decidir cara a onde queremos avanzar. Por iso propuxo abrir unha nova etapa no autogoberno galego mediante a reforma do Estatuto de Autonomía.

“Galicia necesita un novo salto no seu autogoberno: máis competencias, máis recoñecemento político e máis capacidade para decidir. Pero máis autogoberno só ten sentido se serve para gobernar mellor e para mellorar a vida da xente”, explicou. 

O secretario xeral do PSdeG defendeu tamén que o novo Estatuto blinde dereitos fundamentais como a vivenda, a sanidade, a educación e a atención á dependencia, para evitar que queden condicionados pola vontade de cada goberno.

O líder socialista reivindicou tamén un galeguismo “fresco, plural, feminista e aberto”, ligado á defensa da lingua, dos servizos públicos, da igualdade e do territorio. “Non queremos un galeguismo que levante muros, que exclúa ou que reparta carnés de pureza. Non queremos facer o mundo máis pequeno. Queremos facer Galicia máis grande”, proclamou.

Besteiro defendeu unha Galicia orgullosa da súa identidade e capaz de dialogar con España, con Europa e con América, convencido de que a identidade galega “non debe ser unha fronteira, senón unha ponte”.

Besteiro desexou que este 25 de xullo represente “unha nova Alba de Groria: o amencer dun país máis xusto, máis libre, orgulloso de si mesmo e aberto ao mundo; un país que sabe de onde vén e que non ten medo de decidir cara a onde quere ir”. 

No acto, que incluíu a tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao no paseo rianxeiro, interviñeron tamén a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o portavoz socialista no Concello de Rianxo, Óscar Rial, e a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Ana Alvite.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.