Tal día coma hoxe de hai 45 anos foi o primeiro 25 de xullo co actual Estatuto de Autonomía en vigor. Fora promulgado en abril daquel 1981, tras o escasamente entusiasta visto e prace en referendo a finais de 1980. O que dende había dous anos era oficialmente Día Nacional de Galicia chegaba nun país, coma o resto do Estado, aínda co medo no corpo polo intento golpista do 23F e cunha Xunta que aínda era preautonómica. O primeiro Parlamento e, polo tanto, o primeiro Goberno co aval das urnas -marcadas, como no referendo estatutario, pola abstención- non chegaría ata finais de ano.
O 25 de xullo de 1981 foi o primeiro co Estatuto de Autonomía en vigor, cando xa apenas ecoaba o fustrado intento preautonómico de artellar unha celebración cívica, institucional e política en torno ao Día Nacional
Naquel 25 de xullo de 1981 xa apenas se escoitaban os ecos do intento frustrado de artellar unha celebración cívica, institucional, política e cidadá en torno ao Día Nacional. Lanzárao Antonio Rosón, primeiro presidente preautonómico, tres anos antes, en 1978. Consistira nun acto na Praza do Obradoiro de Santiago no que Rosón, da UCD, se arrodeara de líderes políticos e sindicais do ámbito progresista -PSOE, Partido Comunista, Partido Obreiro Galego ou os sindicatos Comisións Obreiras e UGT- e figuras simbólicas coma o galeguista Avelino Pousa Antelo en torno á reclamación dun Estatuto de Autonomía "nacional e progresista".
Aquel primeiro intento tivo un resultado máis ben agre. Polas protestas que emerxeron entre parte da concorrencia ata, sobre todo, porque a celebración oficial tivo menos asistencia que a mobilización promovida polo Bloque Nacional-Popular Galego a escasos metros, na Praza da Quintana. Se ben as cifras oficiais apuntaran a unhas doce mil persoas no acto da Xunta preautonómica e arredor de dez mil na manifestación do BN-PG, múltiplas fontes calcularan que a convocatoria soberanista triplicara en asistencia á oficial.
Daquela Xunta que o tentou ficou o soporte institucional que aínda hoxe fai que o 25 de xullo sexa, oficialmente, Día Nacional de Galicia en virtude do primeiro decreto da historia do Goberno galego, ditado tendendo pontes cara ás Irmandades da Fala
Aquel primeiro fracaso, unido á remuda de Rosón como presidente preautonómico por José Quiroga en 1979 e, sobre todo, ao clima político xeral, foi esvaecendo a vontade de artellar unha celebración cidadá ampla en torno ao 25 de xullo. Daquela Xunta que o tentou ficou, non obstante, o soporte institucional que aínda hoxe fai que o 25 de xullo sexa, oficialmente, o Día Nacional de Galicia.
A denominación débese a un decreto que, se ben saíu á luz no primeiro Diario Oficial de Galicia da historia, o 1 de xaneiro de 1979, estaba aprobado dende o 10 de xullo de 1978 e foi, formalmente, o primeiro da historia da Xunta por proposta do conselleiro de Cultura, Marino Dónega, quen fora presidente das Mocidades Galeguistas en 1936. O aprobado e aínda hoxe vixente -toda vez que nunca foi derrogado- foi: "Tendo en conta a relevante significación galega do día 25 de xulio, sinalado no seu tempo polas Irmandades da Fala como simbólica data conmemorativa dos anceios, arelas e degaros do pobo galego, axiña fortemente enraizada sin distinción de credos nin de ideoloxías na conciencia colectiva da nosa comunidade, tanto na Galicia territorial como na emigrada, esta Xunta, sin máis cousa que sancionar tan evidente feito, dispón. Artigo único: Declárase Día Nacional de Galicia o 25 do mes de Xulio de cada ano".
Tan certo é que aquel histórico decreto segue vixente como que a atonía e mesmo o desleixo en torno ao que dispón foi practicamente total na maior parte destes 45 anos. Os primeiros gobernos saídos das urnas -os do popular Gerardo Fernández Albor e o do socialista Fernando González Laxe- empregaron a denominación Día Nacional nas súas campañas institucionais; o fraguismo reduciuna a Día de Galicia e o Executivo de coalición de PSdeG e BNG deu en retomar a denominación completa ao tempo que bosquexou un novo acto institucional sobre a data, A Véspera, consistente nunha recepción a colectivos sociais na residencia oficial de Monte Pío e o izado da bandeira galega cun discurso do presidente cada 24 de xullo, mentres que o 25 se celebraba a entrega das Medallas de Galicia.
Co retorno do PP á Xunta desapareceu 'A Véspera' e o apelido "nacional" da conmemoración. Tamén, dende 2013, a entrega das Medallas de Galicia, trasladada ao día 24, no marco dunha atonía en torno á data que este ano se agudiza coa 'reciclaxe' da campaña institucional polo 25 de xullo
Co retorno do PP á Xunta en 2009 desapareceu a A Véspera e esvaeceu o apelido "Nacional" da conmemoración -unicamente figura como tal na referencia aos días festivos no calendario laboral-. E de 2013 en diante desapareceu tamén o único acto oficial do Goberno galego no propio Día Nacional, a entrega das Medallas. Alberto Núñez Feijóo decidiu trasladala en 2014 ao día 24 en recordo do accidente de Angrois que acontecera un ano antes -contra o criterio dunha parte significativa das vítimas- e nesa data permaneceu dende aquela coa única excepción de 2021, cando o gabinete de Feijóo decidiu que retornasen puntualmente ao día 25 para aproveitar a presenza do rei co gallo do Xacobeo.
Neste 2026 a atonía volve ser a nota dominante, mesmo con maior intensidade que noutras ocasións. Así, por exemplo, a Xunta deu en reciclar a súa habitual campaña publicitaria en torno ao 25 de xullo, empregando por segunda vez a divulgada en 2025 baixo o lema Toca celebrar, que na súa versión audiovisual inclúe unha interpretación da música do himno galego en diferentes versións e, como adoito, a versión recortada da denominación, Día de Galicia.
Do mesmo xeito, a axenda oficial do presidente Rueda e do seu Goberno non inclúe acto ningún de seu polo Día Nacional. Por este motivo, outra volta, o protagonismo político da xornada volverá recaer, sobre todo, nas forzas da actual oposición; especialmente no BNG, que desenvolve en Santiago a súa tradicional manifestación do Día da Patria con Ana Pontón á fronte. Tamén na axenda do PSdeG, que este ano celebra a súa habitual ofrenda a Castelao en Rianxo mentres desenvolve actos coa comunidade emigrante e a súa descendencia na Arxentina, dende onde intervirá José Ramón Gómez Besteiro. O PP, pola súa banda, celebrou un acto polo Día de Galicia o pasado xoves en Trasalba.