Tras as 12 derrotas de Feijóo ante Zapatero, Rajoy e Sánchez, Rueda viu recoñecidas as competencias sobre o litoral pero fracasou ao secundar ao PP estatal en recursos contra a lei de vivenda, o imposto ás grandes fortunas ou a amnistía en Catalunya
O Tribunal Constitucional vén de desestimar un recurso interposto polo Goberno galego contra a lei estatal de vivenda secundando unha campaña xeral do PP de Feijóo contra esa norma impulsada desde o Goberno de España. É a derrota número 16 da Xunta ante o Tribunal Constitucional desde 2009, fronte a tres vitorias, a última delas a que recoñeceu a competencia galega sobre o litoral. Se con Feijóo na presidencia houbo 12 derrotas en 14 preitos cos gobernos de Zapatero, Rajoy e Sánchez, con Rueda vai unha vitoria fronte a catro derrotas.
Cando as comunidades autónomas e o Estado discrepan sobre unha norma aprobada pola outra administración o habitual é que se abran negociacións entre as dúas para corrixir ou matizar a redacción ou interpretación da norma en cuestión. Así se resolven a gran maioría de conflitos sobre competencias. Pero se malia iso non hai acordo -e nalgúns casos mesmo sen negociacións- uns poucos conflitos chegan ao punto de que unha administración presente un recurso de inconstitucionalidade contra a norma aprobada pola outra parte.
No caso de Galicia, desde que Feijóo chegou á Xunta en 2009 o Goberno galego presentou dez recursos contra normas estatais e só gañou un, mentres que o Estado presentou nove recursos contra normas galegas e gañou sete. Os cadros que acompañan esta información inclúen as sentenzas emitidas polo Tribunal Constitucional e resumen brevemente o motivo de cada recurso.
Recursos da Xunta contra o Estado
Feijóo tivo dúas vitorias e cinco derrotas ante Zapatero no Constitucional, catro derrotas ante Rajoy e tres derrotas ante Sánchez
Dos dez recursos que presentou contra o Estado, a Xunta só logrou a estimación parcial dun, presentado tamén por Estremadura, Madrid e Catalunya contra un real decreto-lei de 2009 aprobado polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero para a reestruturación bancaria e das caixas de aforros, do que o alto tribunal só corrixiu unha frase que afectaba ás competencias autonómicas.
Tanto nese como noutros casos, cando o Constitucional emitiu as súas sentenzas xa desapareceran algúns dos motivos de conflito entre as administracións, pero non todos. Deste xeito, o alto tribunal declarou en varias ocasións a "perda" ou "desaparición sobrevida" do obxecto de parte de cada recurso. Pero como estes adoitan impugnar varias cuestións, entre elas o xeito de aprobación das normas recorridas, o Constitucional tamén analiza eses outros aspectos e adoita desestimar as queixas sobre eles.
Canto a quen estaba en cada goberno, a única vitoria da Xunta ao recorrer unha norma estatal produciuse con Feijóo e Zapatero, perdendo o galego outros seis recursos contra o Estado (un ante Rajoy, tres ante Zapatero e dous ante Sánchez). O seu sucesor, o actual presidente, Alfonso Rueda, presentou tres recursos de constitucionalidade e perdeu os tres ante Sánchez: contra a creación do imposto ás grandes fortunas, contra a amnistía en Catalunya e o agora rexeitado contra a lei de vivenda.
Recursos do Estado contra a Xunta
Pola súa banda, os gobernos de España presentaron desde 2009 outros nove recursos de inconstitucionalidade contra normas impulsadas por Galicia. Nun dos casos o Constitucional non chegou a pronunciarse xa que aínda que Xunta e Estado non acadaran un acordo previamente e o caso chegara a ser analizado polo tribunal, o Goberno galego desistiu antes de que se emitise a sentenza e corrixiu a súa norma como pedía o Goberno de Sánchez. Foi o caso da reforma da lei sanitaria galega durante a pandemia da COVID-19 coa que Feijóo quixo impoñer a vacinación obrigatoria en determinadas circunstancias.
Dos nove recursos do Estado contra a Xunta esta gañou dous: un que avalou un catálogo galego de medicamentos para reducir gastos en 2010 e o que ratificou as competencias galegas sobre o litoral
Dos outros oito casos de recursos do Estado contra a Xunta nos que o Constitucional si chegou a emitir sentenza, en dous desestimou os recursos presentados. O primeiro foi un de Zapatero contra unha norma galega que estableceu en 2010 un catálogo priorizado de medicamentos co que Feijóo quixo reducir en plena crise a factura farmacéutica que paga cada ano a Xunta. O Constitucional considerouno compatible coa normativa estatal e validou a lei galega.
O outro recurso do Estado desestimado polo Constitucional foi o presentado por Sánchez contra a lei galega que atribuíu á Xunta as competencias sobre o litoral. Formalmente a decisión do tribunal foi unha estimación parcial do recurso, pero as cuestións anuladas na sentenza foron menores en comparación co aval por unanimidade que recibiu a gran maioría dos preceptos da lei que supuxo o traspaso a Galicia de importantes competencias sobre a costa.
Á marxe destas decisións, o Constitucional tamén estimou parcialmente, pero neses casos no fundamental, seis recursos presentados polo Estado contra normas galegas. Deles, tres foron recursos gañados por Rajoy, dous por Zapatero e un por Sánchez, contra o intento da Xunta de Rueda de limitar a 15 anos o prazo para actuar contra obras ilegais na costa.
Ata comezos de 2023 o Constitucional tivo unha composición considerada maioritariamente conservadora e desde ese momento maioritariamente progresista
Ademais de todas estas sentenzas xa emitidas, o Constitucional ten pendentes de resolver dous recursos: un do Estado contra a Xunta pola lei 5/2024 de acompañamento dos Orzamentos de 2025 na que se incluíron medidas que poderían afectar a competencias estatais sobre eólicos ou dependencia, e un recurso da Xunta contra o Estado por un Real Decreto-lei que estableceu zonas de aceleracións de enerxías renovables que podería afectar a competencias galegas. Este recurso foi anunciado por Rueda en xuño pero aínda non figura na lista de conflitos constitucionais da web da Xunta.
Canto ás composicións do Tribunal Constitucional, este considerouse con maioría conservadora ata comezos de 2023, cando mudaron os seus membros e pasou a ter unha maioría considerada progresista.