As derrotas de Feijóo no Constitucional: perdeu 12 dos 14 recursos interpostos entre Xunta e Estado desde 2009

Feijóo e Sánchez nunha reunión en 2018 e datos sobre os recursos de inconstitucionalidade interpostos entre Xunta e Estado CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Nos seus 13 anos á fronte do Goberno galego presentou 7 recursos de inconstitucionalidade contra o Estado e só gañou un, mentres que o Estado presentou outros 7 contra a Xunta e gañou 6

Alberto Núñez Feijóo vén presentándose como firme defensor da Constitución, tanto durante os seus 13 anos á fronte da Xunta como no ano e medio que leva á fronte do PP estatal. Porén, durante o tempo que foi presidente do Goberno galego colleitou moitas máis derrotas que vitorias ante o Tribunal Constitucional cando decidiu recorrer normas estatais ou cando o Estado recorreu normas galegas por vulneraren respectivamente as competencias atribuídas a cada administración pola carta magna ou por considerar que a outra parte aprobara ditas normas de xeito inconstitucional. 

Dos sete recursos de inconstitucionalidade que a Xunta presentou contra o Estado, só un foi estimado parcialmente. Pola contra, tamén o Estado presentou sete recursos de inconstitucionalidade contra a Xunta, e no seu caso só un foi desestimado.

Cando as comunidades autónomas e o Estado discrepan sobre unha norma o habitual é que se abran negociacións entre as dúas administracións para corrixir ou matizar a redacción ou interpretación da norma en cuestión. Así se resolven a gran maioría de conflitos sobre competencias. Se malia iso non hai acordo -e nalgúns casos mesmo sen negociacións- uns poucos conflitos chegan ao punto de que unha administración presente un recurso de inconstitucionalidade contra a norma aprobada pola outra parte.

As dúas únicas vitorias de Feijóo no Constitucional foron ante Zapatero, mentres que ante Rajoy perdeu tanto o único caso que abriu a Xunta como os tres que abriu á inversa o Goberno central do PP contra Galicia

Desde que Feijóo chegou en 2009 á presidencia da Xunta esta presentou sete recursos contra outras tantas normas aprobadas polo Goberno de España. Os cadros que acompañan esta información resumen brevemente o motivo e o resultado, con enlaces ás sentenzas do Tribunal Constitucional publicadas no BOE.

Dos sete recursos, a Xunta só logrou a estimación parcial dun, presentado tamén por Estremadura, Madrid e Catalunya contra un real decreto-lei de 2009 aprobado polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero para a reestruturación bancaria e das caixas de aforros, do que o alto tribunal só corrixiu unha frase que afectaba ás competencias autonómicas. 

Tanto nese como noutros casos, para cando o Constitucional emitiu as súas sentenzas xa desapareceran algúns dos motivos de conflito entre as administracións, pero non todos. Deste xeito, o alto tribunal declarou en varias ocasións a "perda" ou "desaparición sobrevida" do obxecto de parte de cada recurso. Pero como estes adoitan impugnar varias cuestións, entre elas o xeito de aprobación das normas recorridas, o Constitucional tamén analiza eses outros aspectos e adoita desestimar as queixas sobre eles.

Canto ao color do Goberno central cando a Xunta de Feijóo recorreu ante o Constitucional, a súa única vitoria produciuse con Zapatero, mentres que unha das derrotas foi fronte a un executivo de Mariano Rajoy, tres ante Zapatero e dúas ante Pedro Sánchez. Estas dúas máis recentes rexeitaron as pretensións de Feijóo de que as herdanzas en vida en Galicia tributen menos e de que as concesións privadas de terreos públicos no litoral duren máis do que as restrinxiu o Goberno de Sánchez.

Dos 14 casos que chegaron ao Constitucional, nun a Xunta desistiu antes de que se emitise sentenza e corrixiu a lei galega que impuña vacinacións obrigatorias

Pola súa banda, os gobernos de España presentaron outros sete recursos de inconstitucionalidade contra normas impulsadas pola Xunta de Feijóo. Nun dos casos o Constitucional non chegou a pronunciarse xa que aínda que Xunta e Estado non acadaran a un acordo previamente e o caso chegara a ser analizado polo tribunal, o Goberno galego desistiu antes de que se emitise a sentenza e corrixiu a súa norma como pedía o Goberno de Sánchez. Foi o caso da reforma da lei sanitaria galega durante a pandemia da COVID-19 coa que Feijóo quixo impoñer a vacinación obrigatoria en determinadas circunstancias.

Dos outros seis casos de recursos do Estado contra a Xunta nos que o Constitucional si chegou a emitir sentenza, só nun desestimou o recurso, presentado daquela polo Goberno de Zapatero. Foi por unha norma galega que estableceu en 2010 un catálogo priorizado de medicamentos co que Feijóo quixo reducir en plena crise a factura farmacéutica que paga cada ano a Xunta. O Constitucional considerouno compatible coa normativa estatal e validou a lei galega. 

Porén, os outros cinco recursos do Estado foron estimados parcialmente. Deles tres foran presentados por gobernos de Rajoy e dous por executivos de Zapatero.

Estas sentenzas emitíronse con composicións do Tribunal Constitucional consideradas maiormente conservadoras, aínda que nas súas resolucións hai en ocasións votos particulares. A composición do tribunal mudou a comezos deste ano e xa se considera progresista. Con esta nova composición emitiu a sentenza que desestimou o recurso de Feijóo contra a norma estatal que afectaría ás herdanzas en vida en Galicia.

Sede do Tribunal Constitucional © Tribunal Constitucional

Con Rueda xa na Xunta o Constitucional vén de avalar o imposto estatal ás grandes fortunas e ten pendente pronunciarse sobre o recurso do Estado contra a lei galega do litoral

O Constitucional tamén vén de pronunciarse, coa súa nova composición, avalando o imposto estatal ás grandes fortunas fronte a recursos de varias comunidades gobernadas polo PP, entre elas Galicia. Neste caso o recurso da Xunta foi o primeiro que se presentou por Alfonso Rueda como presidente tras a marcha de Feijóo a Madrid.

Ademais, o Constitucional tamén ten pendente un recurso do Goberno de Sánchez contra a Xunta pola lei galega, tamén aprobada xa con Rueda na presidencia, coa que quere xestionar o litoral sen que o Estado lle transferise expresamente as competencias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.