O Constitucional pecha de vez a porta á mina en Corcoesto

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

O Tribunal Constitucional vén de facer pública a súa sentenza na que estima parcialmente o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra dous artigos da Lei 12/2014 de medidas fiscais e administrativas de Galicia. O ditame declara a nulidade dun dos artigos da norma recorrida, pero considera acorde coa Constitución e co Estatuto o artigo 84, tamén recorrido nunha iniciativa estatal que, de ter saído adiante, favorecía os intereses mineiros en Corcoesto e as posibles reclamacións millonarias da empresa Edgewater, impulsora dun proxecto megamineiro que foi rexeitado finalmente pola Xunta. 

O alto tribunal, xa que logo, confirma de maneira efectiva que a Xunta actuou conforme a dereito ao retirarlle a Mineira de Corcoesto / Edgewater a competencia sobre as súas concesións Emilita 1221, Cidade de Landró 1454 e Cidade de Masma 1455, que conformaban o groso do seu proxecto aurífero en Bergantiños

O TC rexeita o recurso do Estado contra a 'cláusula Corcoesto', que introduce a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que non se aprobe o proxecto

Este artigo 84, ou cláusula Corcoesto, fora incorporada polo Goberno galego para introducir a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que un proxecto non fose aprobado. Sinala que os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente "polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante", tal como ocorreu con Edgewater, á que a Xunta de Galicia comunicoulle oficialmente a cancelación do proxecto o 11 de marzo de 2014 pola súa falta de solvencia técnica e financeira.

Os cambios introducidos na norma, ademais, aclaran que "unha vez que a resolución denegatoria sexa definitiva na vía administrativa, o órgano mineiro competente incoará de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos, que, unha vez que finalice, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia".. 

O recurso poñía en perigo a fin definitiva do proxecto megamineiro na Costa da Morte e, segundo colectivos como Salvemos Cabana, "podería facilitar as millonarias reclamacións económicas de Edgewater e mesmo, en última instancia, a recuperación dos seus dereitos mineiros na zona". O artigo impugnado polo Estado establece as causas de caducidade das explotacións mineiras que, pola data da concesión, quedaron reguladas na disposición transitoria primeira da lei de minas de 1973.

A modificación da lei permitiu retirar os dereitos mineiros "polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica"

Agora, a sentenza explica que o competente para establecer as causas de caducidade das concesións previas a ese ano é o Goberno central e que, cando a norma recorrida se refire á "denegación da autorización por calquera das causas legais" non está engadindo  unha nova causa de caducidade ás xa reguladas pola lei de 1973, como denunciou a Administración central, "polo que non incorre en inconstitucionalidade", tal e como aclara o alto tribunal. 

O Constitucional aclara que a Xunta limítase a "regular as actuacións previas para poñer en marcha a normativa estatal", que data de 1973

Segundo explica o pleno do Constitucional, hoxe en día "aínda hai concesións reguladas por aquela lei preconstitucional que, sen ter cumprido os requirimentos que nela se exixían, non foron obxecto dunha resolución administrativa que declare a súa caducidade". Ademais, asegura que en materia mineira Galicia ten atribuída a execución da lexislación estatal, polo que corresponde á Xunta facer cumprir o disposto na lei de minas de 1973. Segundo o alto tribunal, a Xunta está a cumprir "coa súa competencia executiva" que habilita a comunidade autónoma a ditar unha norma como a recorrida, na medida na que se limita a "regular o conxunto de actuacións previas para a posta en práctica da normativa estatal e, polo tanto, resulta amparado pola competencia executiva da lexislación estatal" que atribué o Estatuto á autonomía. 

O presidente do Goberno central invocara mesmo o artigo 161.2 da Constitución, que tal e como aclarara o Constitucional, suspendía a vixencia dos preceitos imputados desde a interposición do recurso, a finais do mes de setembro, ata a súa resolución, o que deixara "no aire parte das medidas tomadas pola Xunta". Pero só ata este 19 de febreiro, data na que se emitiu a sentenza. 

 

Salvemos Cabana celebra a sentenza

A plataforma Salvemos Cabana celebra o ditame do Constitucional, que "reafirma un fito logrado pola sociedade galega no seu conxunto na defensa do medio ambiente e a saúde pública", e desexa mostrar o seu "agradecemento a todas aquelas persoas, organizacións e institucións que apoiaron a loita contra o proxecto mineiro dende os seus inicios". "A anulación da iniciativa de Edgewater en Corcoesto é un triunfo da sociedade civil, da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfo da razón e do sentido común fronte á irracionalidade dos mercados e a economía transnacional", din. 

"É un triunfo da sociedade civil, da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfo da razón e do sentido común"

Logo de que a Xunta cancelase os dereitos mineros da súa filial sobre a mina de Corcoesto e de que a Administración autonómica confirmase este golpe final para o proxecto, Edgewater anunciou accións legais contra o Goberno central por cancelar "unilateralmente" estes dereitos de explotación a través do Executivo galego. Reclama máis de 20 millóns de euros a un Estado ao que advirte da posible ruptura dos "termos do tratado bilateral de investimentos entre España e Panamá". Unha reclamación por un proxecto mineiro na Costa da Morte, dunha multinacional de Canadá que apela ao incumprimento dun acordo do Estado español con Panamá. E que ademais puido verse beneficiada polas accións xudiciais da Administración española con este recurso agora rexeitado. 

Eses máis de 20 millóns de euros que reclama Edgewater baseábanse na resolución ditada ao abeiro da modificación da lei de minería de Galicia, que introducira nese artigo 84 a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que un proxecto non se aprobe. A cláusula Corcoesto incluída pola Xunta para garantir o punto final do proxecto e á que o Constitucional vén de dar o visto e prace. 

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.