Rueda di respectar a decisión do Constitucional "pero" lamenta o que considera un ataque "inxusto" á "institución do Dereito Civil galego", que contempla as herdanzas en vida pero nada di sobre a súa tributación
Hai un ano, xusto antes de deixar a presidencia da Xunta pero tras ser aclamado xa como presidente do PP estatal, e só un día despois de reunirse con Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo decidía recorrer ante o Tribunal Constitucional unha lei estatal para tentar que as herdanzas en vida en Galicia pagasen menos impostos. Este mércores o Constitucional fixo pública a súa decisión de avalar esa tributación, pero o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, abriu a porta este xoves a que a Xunta poida “compensar” dalgún xeito aos “afectados” cun “esforzo da facenda pública autonómica”.
A orixe deste conflito entre a Xunta e o Goberno de España está nunha lei estatal que entrou en vigor hai dous anos pensada para evitar certa picaresca á hora de facer pasar por herdanzas en vida o que poderían ser outro tipo de doazóns ou transmisións patrimoniais.
Hai tres anos a Xunta elevou de 400.000 a un millón de euros o límite polo que non tributa unha herdanza, o que beneficiou a menos do 1% da poboación máis rica. Pero un ano máis tarde o Goberno central estableceu para o caso das herdanzas en vida que se unha propiedade herdada é vendida antes de que pasen cinco anos hai que tributar por esa venda (como se tributa por calquera outra venda patrimonial) en función da plusvalía que o ben acumulou non só desde o momento da herdanza senón desde que a adquiriu o testador, cuestión contra a Feijóo recorreu ao Constitucional.
O Constitucional di que as herdanzas en vida “teñen efectos no presente, circunstancias que o lexislador pode lexitimamente ter en conta para non aplicarlles o mesmo tratamento fiscal que ás transmisións por falecemento”
O que di agora o Constitucional, á espera de coñecer o texto íntegro da sentenza, é que o lexislador estatal ten ampla marxe de actuación constitucional para fixar impostos. Un dos argumentos da Xunta era que a reforma legal estatal non diferenciaba entre quen facía esas operacións para con ánimo de defraudar e quen non, pero o tribunal responde a iso que a Constitución “non garante o dereito a un trato desigual” que pretendía o Goberno galego. Tamén di o Constitucional, a respecto do trato dispar entre as herdanzas en vida e as producidas tras o falecemento, que as primeiras “teñen efectos no presente, circunstancias que o lexislador pode lexitimamente ter en conta para non aplicarlles o mesmo tratamento fiscal que ás transmisións por falecemento”.
Tras esta sentenza, este xoves o presidente Rueda dixo respectar a resolución do Constitucional “pero” lamentou o que considera un ataque á “institución do Dereito Civil galego”, que contempla as herdanzas en vida pero nada di sobre a súa tributación. Rueda foi preguntado pola posibilidade de que a Xunta reduza impostos dalgún xeito, talvez a través da cota autonómica do imposto da renda, ás persoas que teñan que tributar por vender herdanzas en vida antes de cinco anos. E a resposta do presidente foi abrirse a esa posibilidade: “imos ver as consecuencias e as posibilidades ou non de compensalos, en todo caso obriga a un esforzo da facenda pública autonómica que é tanto como dicir un esforzo de todos os galegos”, dixo.
A loita de Feijóo contra os impostos ás herdanzas, na que foi beneficiando progresivamente a patrimonios cada vez máis altos, comezou en 2016, cando eximiu de tributar polas herdanzas de ata 400.000 euros recibidas de familiares directos. Naquel momento a propia Xunta salientou que a medida beneficiaría ao 99% das herdanzas de pais a fillos. Porén, catro anos despois o Goberno galego ampliou ese límite exento de tributación ata un millón de euros, cifra na que non se ten en conta a vivenda habitual, o que supuxo estender o beneficio a maior parte do 1% das herdanzas de maior importe. Novamente o propio Goberno galego calculou que con esa nova rebaixa só o 0,06% dos galegos pagarían impostos por herdar.