“Eu marcharía para a casa cun informe así sobre a miña xestión”, di Leiceaga de Ana Pastor na sesión das Cortes que analiza agora o informe que o ente fiscalizador emitiu hai ano e medio
A comezos do pasado ano o Tribunal de Cuentas, ente independente fiscalizador das administracións públicas, emitiu un informe, avanzado por Praza.gal, que desvelou a paralización de múltiples obras do AVE galego por parte de Adif en 2016 e 2017 con decisións que cualificou como contrarias á lei, incoherentes ou froito de “inadecuada planificación”. Aquel informe non foi analizado ata este martes, ano e medio máis tarde, pola comisión conxunta de Congreso e Senado que se encarga das relacións co Tribunal de Cuentas.
"Hai un custo social, que é a falta de posta a disposición dos cidadáns dun servizo público para o que se estableceu unha data”, di a presidenta do Tribunal de Cuentas
Na sesión a presidenta do ente fiscalizador, María José de la Fuente, foi preguntada polo senador e coordinador dos parlamentarios do PSdeG en Madrid, Xoaquín Fernández Leiceaga, polos posibles custos sociais, ademais dos económicos, que tiveron as paralizacións de obras, que lembrou que se produciron durante o mandato da popular pontevedresa Ana Pastor á fronte do Ministerio de Fomento. A presidenta do Tribunal de Cuentas admitiu que efectivamente ademais do sobrecusto económico “tamén hai un custo social, que é a falta de posta a disposición dos cidadáns dun servizo público para o que se estableceu unha data”, pero considerou “dificilmente cuantificable” ese custo.
Na súa intervención Leiceaga lamentou que aqueles atrasos das obras sexan empregados nos últimos tempos polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para criticar ao actual Goberno central socialista, do que salientou que porá finalmente en servizo o AVE “en poucos meses”. Leiceaga pola contra puxo o foco en Ana Pastor, da que lamentou que segue a ocupar responsabilidades políticas. “Eu marcharía para a casa se un informe sobre a miña xestión di algo así”.
“Nestas obras resulta fundamental a planificación inicial, as actuacións preparatorias dos contratos”, salienta a responsable do órgano fiscalizador
Desde o PP a senadora asturiana Mercedes Fernández González apelou a mudanzas legais que non concretou e que segundo dixo se produciron naqueles anos para xustificar a “complexa” xestión das obras. Tamén lembrou que as alegacións que Ana Pastor presentou no seu momento ao informe de Cuentas atribuíron a parálise á herdanza que recibiu do socialista José Blanco, que lle pasou a carteira do ministerio a finais de 2011 e que pola súa banda negou tales acusacións.
Sobre aqueles tempos previos a presidenta do Tribunal de Cuentas reflexionou de xeito indirecto e sen poñer o foco en ningunha data concreta ao sinalar que “nestas obras resulta fundamental a planificación inicial, as actuacións preparatorias dos contratos”, nas que non se prevén todas as incidencias que despois poden ocorrer durante a construción, “circunstancias moi similares en grandes infraestruturas”.