Primeiro aniversario de Angrois sen manifestación tras a condena dun cargo de Adif co maquinista

Concentración no Obradoiro das vítimas de Angrois nun dos anteriores aniversarios do accidente CC-BY-SA Praza Pública

A petición de xustiza dos afectados é modulada pola sentenza xa emitida polo xulgado do Penal 2 de Santiago, pendente de recursos, mentres que a lembranza de falecidos que se celebraba na curva da Grandeira é mudada por un acto privado

Este xoves 24 de xullo hai 12 anos do accidente de Angrois no que morreron 79 persoas e 143 resultaron feridas. O aniversario chega despois de que hai case un ano o xulgado do Penal 2 de Santiago emitise a primeira sentenza sobre o caso, condenando como igualmente responsables ao maquinista do tren e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif. A sentenza está pendente de varios recursos, pero á espera do que poida pasar con eles a Plataforma de Vítimas do sinistro considera que xa non ten sentido realizar este ano a súa tradicional manifestación por Santiago reclamando xustiza.

Concentración na curva da Grandeira, en Angrois, nun aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Tampouco se vai celebrar o outro acto que adoitaban organizar as vítimas, o de lembranza das persoas falecidas na propia curva da Grandeira, en Angrois. A cambio a plataforma celebrará un encontro privado de familiares este 23 de xullo. O único acto público será unha convocatoria o día 24 ás 11 da mañá fronte á estación de tren de Santiago para ler un comunicado e atender os medios de comunicación.

Tras a condena penal, e ás espera dos recursos presentados contra ela, seguen pendentes as investigacións técnica e política do sinistro

Este 12 aniversario chega despois de que a Plataforma de Vítimas amosase hai uns días a súa indignación coa afirmación do ex-presidente Rajoy, no cargo cando ocorreu o sinistro, de que con el "os trens funcionaban". "Hai que ter pouca vergoña", lamentaron os afectados.

Tras a sentenza, o presidente da Plataforma, Jesús Domínguez, valoraba para Praza.gal que o pronunciamento xudicial "é un triunfo non só das vítimas e familiares, é de todos porque a próxima vez, antes de inaugurar unha infraestrutura vano pensar e ata que non estean todos os sistemas de seguridade e toda a normativa cumprida non se fará. Contribuímos a que as cousas se fagan mellor".

Á espera do que poida decidir a Audiencia Provincial da Coruña sobre os recursos presentados contra a condena penal xa emitida, pronunciamento que á súa vez poderá ser recorrido ante o Tribunal Supremo, a plataforma de vítimas mantén abertas outras loitas arredor do sinistro. En particular queren que España realice, como esixe a Comisión Europea, unha investigación técnica do sinistro conforme coa normativa comunitaria. Esa cuestión está a ser analizada desde comezos deste ano polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Ademais da sentenza penal xa emitida e da investigación técnica pendente, tamén segue pendente de rematarse a investigación política iniciada en 2018 no Congreso dos Deputados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.