A borrasca Leonardo deixa media Galicia sen tren e provoca máis de 350 incidencias

Tren circulando polo Eixo Atlántico CC-BY-SA Xunta

Suspendidos os trens con orixe e destino Vigo, onde tamén foi suspendido o transporte marítimo na ría, cortes en estradas por derrubamentos, avións que non puideron aterrar, inundacións en vivendas e máis de 350 incidencias rexistradas polo 112. Esas son algunhas das consecuencias da borrasca Leonardo desde que chegou este pasado xoves a Galicia, que segue a sufrir as inclemencias dos continuos temporais que desde hai semanas azoutan con forza. 

Desde o día de Reis, as borrascas Goretti, Harry, Ingrid, Joseph e Kristin bateron con virulencia no país, que nas últimas xornadas recibiu a Leonardo, que xa nas primeiras horas do xoves obrigou a suspender os servizos ferroviarias desde e cara a Vigo ante o risco de inundación. Unha medida que segue vixente este venres tras estender Renfe o corte para unha xornada na que Meteogalicia advirte de importantes chuvias en todo o país, con chuvascos localmente fortes, acompañados de treboada e de sarabia, e acumulacións de neve superiores os cinco centímetros por riba dos mil metros. Con alerta laranxa na costa e o plan Inungal activado en fase de preemerxencia con varios ríos en vixilancia. 

Estrada cortada en Pantón pola derruba de pedras e terra CC-BY-SA Deputación de Lugo

Non circularon o xoves nin circulan este venres os trens entre Vigo Urzaiz e Santiago, Vigo Guixar e Santiago, Vigo Guixar-Tui nin os Vigo Guixar-Ourense, tras unha medida que afectou tamén os traxectos de servizos comerciais que conectan con Madrid no traxecto Vigo-Santiago e Vigo-Ourense. 

Ante esta situación, a Xunta activou reforzos de bus e critica que Renfe non establecese plan ningún alternativo por estrada, unha demanda que tamén fixo o Concello de Vigo. 

Os trens con destino e orixe en Vigo non circulan xoves nin venres, segundo anunciou Renfe, que ampliou a suspensión do servizo á ruta Ourense-O Carballiño-Santiago

Ademais, a compañía ampliou para este venres o corte ferroviario á ruta Ourense-O Carballiño-Santiago. "Derivado das condicións meteorolóxicas adversas, segue activo o risco de inundacións e desprendemntos de terras no Eixo Atlántico. Mantense suspendido o servizo ferroviario con orixe e destino Vigo e amplíase a Ourense-Carballiño-Santiago. Non se establece Plan Alternativo de Transporte por estrada", comunicou Renfe a última hora da tarde deste xoves

Xa que logo, os traxectos afectados este venres serán Vigo Urzaiz –Santiago, Vigo Guixar – Santiago, Vigo Guixar – Tui, Vigo Guixar – Ourense e Ourense - Carballiño - Santiago 

Por outra banda, o transporte marítimo na ría de Vigo tamén foi suspendido o xoves polas condicións adversas no mar, cancelando os servizos entre O Morrazo (Cangas e Moaña) e a cidade olívica. Ademais, o forte vento obrigou a que fosen desviados tres avións en Peinador, que sufriu atrasos de máis de dúas horas. 

A borrasca Leonor obrigou a suspender o transporte marítimo na ría de Vigo, desviou avións e provocou inundacións en vivendas en Monforte, Barbadás, Beariz, Ribadavia, Moaña e Silleda

A borrasca Leonor provocou, ademais, que o 112 Galicia rexistrase máis de 350 incidencias dende a medianoite do xoves 5 ata a tarde deste venres. 

A maioría das incidencias concentrouse no día 5. Entrambos días, advirte o 112, destacan os problemas como árbores caídas (máis de 60), accidentes de tráfico sen feridos (máis de medio cento) e prevención de riscos por parte dos servizos de emerxencias). Na madrugada do venres só houbo cinco incidencias menores: dous accidentes sen feridos, unha relacionada coa presenza sinais ou carteis na estrada, un asolagamento nunha rúa e unha acción preventiva dos servizos de emerxencias.

Temporal en Galicia neste mes de febreiro CC-BY-SA Xunta

Entre os incidentes destacados, todos eles durante o xoves, figuran estradas anegadas en Amoeiro e Crecente, desprendementos de terra e pedras en estradas en Pantón e Navia de Suarna, e inundacións en vivendas de Monforte, Barbadás, Beariz, Ribadavia, Moaña e Silleda, resoltos polos equipos de emerxencias sen maiores complicacións.

Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada con 116 casos, seguida de Ourense (78), A Coruña (69) e Lugo (48). Os concellos con máis incidencias foron Vigo (14), A Estrada (11), Ourense (10), Santiago de Compostela (7) e Tui (7).

Ademais, tamén houbo que cortar este venres a autovía que une Pontevedra con Marín por quinto día consecutivo, unha medida que leva varios días activa e que fixo que este venres todas as administracións implicadas e as forzas de seguridade manteñan unha reunión para abordar o asunto. 

Ríos en vixilancia

Por outra banda, numerosos ríos manteñen unha vixilancia especial por parte da Xunta por risco de desbordamento, unha situación que xa se deu nalgunhas zonas como en Betanzos. As crecidas inundaron as ribeiras fluviais en varios concellos, con Ribadavia, Tui, Salvaterra e A Peroxa en nivel vermello. 

Co Plan Inungal activo en fase de preemerxencia, o foco está posto nos seguintes ríos: na provincia de Coruña: Mero (Cambre), Río Grande de Xubia (San Sadurniño), Sar (Ames), Barcés (Abegondo), Tambre (Oroso e Trazo) e Mandeo (Coirós); na de Pontevedra: Lérez (Pontevedra), Miñor (Gondomar), Maceiras (Redondela), e Gallo (Cuntis); na de Ourense: Miño (A Peroxa, Ourense, Ribadavia, Salvaterra de Miño), Avia (Ribadavia e Leiro), Arnoia (Baños de Molgas e Arnoia), Limia (Bande), Tea (Salvaterra de Miño) e Támega (Castrelo do val e Oímbra); na de Lugo: Rego do Batán (Lourenzá).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.