Tras anos de espera por melloras da liña Vigo-Ourense, o descarrilamento en novembro dun convoi de mercadorías por un corremento de terras, co maquinista ferido, está a ser investigado agora pola CIAF como "grave" polo seu elevado custo
O 15 de novembro un tren de mercadorías da empresa Captrain descarrilou nas Neves ao chocar cun muro de contención tras un dos habituais corrementos de terras que se veñen rexistrando na liña Ourense-Vigo polo Miño. O maquinista resultou ferido e os danos á infraestrutura e o material rodante superaron os dous millóns de euros, un dos criterios que obrigan á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a estudar o sinistro como un "accidente grave", análise que agora vén de activar.
Fronte a ese custo sen concretar de máis de dous millóns xerado polo accidente, e tras anos de incidencias previas, Adif está comezando agora a acometer a renovación da liña Ourense-Vigo con investimentos planificados duns 265 millóns de euros.
Segundo os datos iniciais da CIAF, o tren de mercadorías de Captrain con destino a Vigo-Guixar chocou "cunha sección de muro de contención de formigón" tras pasar pola estación das Neves. Acabaron descarrilados e envorcados a locomotora e os nove primeiros vagóns. "O maquinista resulta ferido leve, e os danos á infraestrutura e o material rodante resultan elevados, superando os 2 millóns de euros, o que converte este suceso nun accidente grave", di a CIAF, que engade que "se rexistraran chuvias abundantes os días anteriores".
A normativa establece que se considera accidente grave e polo tanto ten que ser investigado todo aquel no que se produza cando menos un falecemento, cinco feridos graves ou "grandes danos ao material rodante, á infraestrutura ou ao medio ambiente" cuxo custo poida avaliar a propia CIAF "en cando menos un total de dous millóns de euros".
A liña do Miño foi pechada a comezos deste mes polos riscos que supuña a circulación por ela con mala climatoloxía
O accidente nas Neves chegou cando Adif ten en marcha diversas actuacións para a "renovación" da liña Ourense-Vigo polo Miño tras reiteradas incidencias. Unha liña que tras o accidente quedou pechada durante varias xornadas e que foi novamente pechada a comezos deste mes polos riscos que supuña a circulación por ela con mala climatoloxía.
Segundo a empresa pública xestora da rede ferroviaria, están planificadas actuacións por 265 millóns de euros para adecuar a liña ao Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, unhas actuacións que se van acometer no treito entre Guillarei (Tui) e Ourense tras realizarse xa nos últimos anos diversas obras entre Vigo e Guillarei e entre Guillarei e a fronteira portuguesa.