Adif guindou ao Sil os vagóns descarrilados en 2020 de forma "intencionada" tras ser advertido de que non podía facelo

Vagóns guindados por Adif ao río sil en agosto de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG corrixe unha sentenza previa que eximía a empresa pública da multa de 45.000 euros que lle puxo a Xunta e desbota os seus argumentos de que non afectou á saúde, que fora Renfe ou que xa tivera outra multa da Confederación Miño-Sil

O 2 de agosto de 2020, cinco días despois de que un tren de mercadorías de Renfe descarrilase en Valdeorras a carón do Sil, Adif, empresa pública xestora da rede ferroviaria, decidiu guindar ao río varios vagóns de forma “intencionada” e tras ser advertida previamente de que non podía facelo. Así o vén de establecer o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza coa que revoca outra previa dun tribunal inferior que eximira a Adif de pagar a multa finalmente de 45.000 euros que lle impuxo a Consellería de Medio Ambiente. 

Na nova resolución, con data do 27 de marzo e que aínda pode ser recorrida por Adif ante o Tribunal Supremo pero xa sen mudar os feitos probados, o TSXG desbota argumentos da empresa pública para evitar a sanción como que os feitos non afectaron á saúde humana, que fora Renfe quen tirara os vagóns ou que xa recibira outra multa previa da Confederación Hidrográrfica Miño-Sil, de 10.000 euros.

Retirada dos vagóns guindados ao Sil polo Adif en agosto de 2020

Cinco días despois do descarrilamento do tren, e para facilitar a operación de retirada dos vagóns, Adif decidiu que Renfe os empurrase fóra das vías, o que rematou con eles no río, e mesmo lle facilitou medios para facelo. Tanto a Consellería de Medio Ambiente como a Confederación do Miño-Sil sancionaron eses feitos, pero Adif recorreu na xustiza e un tribunal do Contencioso-Administrativo de Santiago anulou a multa da Xunta cos argumentos de que os vagóns non eran un residuo, que non eran perigosos e que a empresa non tiña intención de deixalos alí de xeito definitivo. Tras esa sentenza foi o Goberno galego quen recorreu e agora o TSXG di que a súa multa estaba ben posta. 

Fronte ao recurso da Xunta Adif presentou alegacións, pero o tribunal desbotounas. Por unha banda, a empresa xestora das liñas ferroviarias argumentou que fora Renfe quen realmente guindara os vagóns ao río. Pero o TSXG di que a operación fíxose “de forma conxunta por persoal e con medios de Renfe e Adif, baixo a competencia decisoria desta última” e “de forma consciente e intencionada”. Tamén di que “se omitiu obter a autorización pertinente, de cuxa necesidade foran advertidos” por un vixiante da empresa pública Tragsatec que actuaba en nome da Confederación Hidrográfica.

Sentenza do TSXG que avala a multa de 45.000 euros imposta pola Xunta a Adif por guindar os vagóns ao Sil CC-BY-SA Praza Pública

Adif tamén argumentou que non tiña intención de deixar os vagóns no río, pero o TSXG di que iso non a exime de culpa e lembra que os retirou despois dunha orde expresa da Xunta unha vez iniciado o expediente sancionador

Adif tamén argumentou que a Xunta non aplicara correctamente a lei sancionadora de verteduras, por unha banda porque os vagóns non podían ser considerados unha vertedura, porque non eran perigosos para a saúde das persoas e porque non había intención de deixalos no lugar de xeito indefinido. Pero o TSXG di que non é necesaria a intención de permanencia das verteduras ou a súa perigosidade para que sexan consideradas como tales. De feito, lembra que a recuperación dos vagóns realizouse despois dunha orde expresa da Xunta unha vez iniciado o seu expediente sancionador. 

E como o sucedido tamén foi sancionado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, con 10.000 euros, Adif tentou argumentar que ninguén pode ser sancionado dúas veces polos mesmos feitos. Pero o Tribunal Superior di que as sancións tiveron por obxecto dous feitos distintos: a Xunta sancionou “a inadecuada xestión dos residuos” e a súa vertedura sen cautelas e sen permiso, mentres que a Confederación Hidrográfica multou “a ocupación non autorizada do dominio público hidráulico e as súas zonas de protección” que resultaron deterioradas.

Un dos vagóns guindados no Sil por Adif en agosto de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ante o argumento de Adif de que a multa non foi proporcionada, a sentenza lembra que a Xunta considerouna unha infracción 'grave', pero hai tamén infraccións 'moi graves' que no caso de residuos perigosos poden chegar a multas de ata 1,75 millóns

Outro argumento empregado por Adif e desbotado polo TSXG é o de que a sanción non fora proporcional, pero a sentenza denégao salientando que a multa de 45.000 euros é a maior para as infraccións graves, como considerou os feitos a Xunta, pero por riba aínda habería infraccións moi graves, de ata 1,75 millóns no caso de residuos perigosos. Nesa ponderación tamén se tivo en conta a complexidade do accidente e da operación para recuperar os vagóns. 

Todas estas e outras argumentacións máis xurídicas esgrimidas por Adif son finalmente desbotadas polo TSXG, que avala a multa de 45.000 euros imposta pola Xunta. A sentenza pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo, pero nesa vía xa non se poden mudar os feitos dados por probados senón só a valoración xurídica que poidan merecer. 

Momento en que os vagóns son tirados ao río, nunha gravación publicada polo xornal O Sil © O Sil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.