Adif "investiga" o caso dos vagóns de tren guindados ao río Sil e asegura que os retirará

Os vagóns, instantes previos a ser guindados ao río Sil, nunha imaxe divulgada pola plataforma Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas CC-BY-SA Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas

O pasado 28 de xullo, un tren de mercadorías que transitaba pola liña ferroviaria Monforte-Ponferrada cara unha planta de Cementos Cosmos na provincia de León descarrilou á altura de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras. Foron, concretamente, 4 dos seus 15 vagóns os que se saíron das vías, segundo a Axencia Galega de Emerxencias, que aclarou que o tren accidentado circulaba baleiro.

Gravacións dos traballos de retirada do tren accidentado en Sobradelo amosan como dous dos vagóns son guindados ao río. Adif asegura estar a investigar "os detalles deste suceso" e que "se depurarán, no seu caso, responsabilidades"

O incidente, que non provocou feridas ao maquinista, non tivo máis consecuencias inmediatas que a interrupción do tráfico ferroviario. Non ata esta semana, cando comezaron os labores para retirar os vagóns descarrilados. Como amosan varios vídeos divulgados polo medio comarcal Valdeorras de cerca, pola conta de Twitter Maltrato da paisaxe  ou pola Plataforma en Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas, cando menos dous deses vagóns foron guindados ao leito do río Sil.

Ante as imaxes que amosan ás claras como as máquinas escavadoras despregadas na zona empurran os dous vagóns para que caian ao río, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) non ofreceu inicialmente explicación ningunha. Preguntada por Praza.gal a respecto de se existiu orde oficial de tirar os vagóns ao leito fluvial, a entidade empresarial dependente do Ministerio de Transportes deslígase da decisión e asegura que "abriu unha investigación para coñecer todos os detalles deste suceso".

A empresa pública asegura que retirará os vagóns e restaurará a zona afectada "na maior brevidade"

"Analizaranse todas as accións efectuadas e depuraranse, no seu caso, responsabilidades", asegura un voceiro oficial do Adif a este xornal. Cuestionada sobre se os vagóns permanecerán indefinidamente nas augas do Sil, o responsable da infraestrutura ferroviaria asegura que "se vai traballar na retirada dos dous vagóns e na restauración da contorna" afectada polo accidente e as consecuencias destes traballos "na maior brevidade". Na súa resposta Adif non aclara polo momento se os traballos foron realizados por persoal propio ou por unha empresa contratada para este labor.

Nun comunicado remitido posteriormente, Adif subliña que "nos labores de encarrilamento" do tren, "operado por Renfe-Mercancías", foi preciso "apartar catro vagóns para reparar a vía". "Dada a complicada accesibilidade da zona" e "co obxectivo de garantir a seguridade dos traballos", esta era unha "condición indispensable" para instalar un guindastre ferroviario e "suspender" os vagóns para devolvelos á vía. "Durante esas manobras, un vagón púidose desprazar correctamente, pero o segundo precipitouse ladeira abaixo, ata a ribeira do río Sil", indica.

Mentres, como confirma o propio Adif a Praza.gal, "o tráfico ferroviario permanece interrompido entre O Barco de Valdeorras e Ponferrada", o xornal La Región e a edición galega de eldiario.es informan de que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten aberta tamén a súa propia investigación sobre os feitos co foco posto, precisamente, no Adif porque, sinalan, a CHMS advertiu ao administrador ferroviario de que non estaba autorizado a realizar unha operación coma esta. Este diario púxose en contacto coa entidade responsable da xestión do río e, polo momento, non obtivo resposta. Durante a tarde do martes a Xunta confirmou tamén, a través da Consellería de Infraestruturas, que está a investigar o acontecido.

Peticións de explicacións de partidos e colectivos ecoloxistas

Mentres o Adif asegura ter unha investigación en marcha para aclarar o sucedido, tanto o administrador das infraestruturas ferroviarias do Estado como a Confederación Hidrográfica e o propio Ministerio de Transportes teñen xa ante si diversas peticións de explicacións e de asunción de responsabilidades polo acontecido. Tanto por parte de varios partidos políticos como pola banda de entidades ecoloxistas como Adega, Greenpeace, Ríos con Vida ou Ecoloxistas en Acción, entre outras. 

BNG e PSdeG reclaman a Adif investigar o acontecido, retirar os vagóns e restaurar a zona; tamén o fai Galicia en Común no Congreso, quen mantén que o Ministerio xa se "comprometeu" a facelo

No eido político, as dúas formacións actualmente representadas na oposición do Parlamento de Galicia pediron contas ao Adif. O BNG fíxoo a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, que ve "inconcibíbel" que o Adif puidese "tomar a decisión consciente de tirar os vagóns ao río, xa bastante contaminado, en lugar de facer o necesario para retiralos como corresponde". Nunha iniciativa xa rexistrada no Congreso, Rego esixe "investigar" de onde partiu a decisión de guindar os vagóns ao Sil, que "podería constituír un delito contra o medio ambiente", ademais de reclamar a "retirada inmediata" e a "reparación do dano causado".

Tamén o PSdeG reclamaba este venres, a través dun comunicado, que o Adif "retire inmediatamente os vagóns caídos ao Sil e a restitución dos danos medioambientais causados". "É incomprensible que a recuperación dos vagóns non se leve a cabo seguindo procedementos que non impliquen danos para o medio e para a seguridade ferroviaria", din.

Dende Galicia en Común, os seus representantes no Congreso aseguran estar xa "en contacto co Adif" para "pedir explicacións" sobre os vagóns guindados ao río, solicitar "unha investigación interna" e reclamar a retirada e "reposición ambiental da zona", toda vez que, aseguran, "os vagóns contan con elementos contaminantes que danan o ecoosistema fluvial". "Tanto Adif como o Ministerio comprometéronse" a facelo "na maior brevidade posible", aseguran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.