Adif disponse a retirar os vagóns guindados ao Sil, Transición Ecolóxica ultima unha multa e di que a Xunta o sabía

Momento no que os vagóns son guindados ao río, en imaxes divulgadas pola Plataforma Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas CC-BY-SA Plataforma Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas

Un episodio que, con toda probabilidade, pasaría desapercibido se non houbese testemuñas gráficas dos feitos. Pero que, ao habelas, vén de derivar en toda unha controversia política e medioambiental en pleno mes de agosto, así como nun retrato da xestión ferroviaria que atinxe a Galicia alén das obras das liñas da alta velocidade. 

A Confederación Hidrográfica afirma que as súas primeiras pescudas ven claro que os vagóns non caeron, senón que "foron empurrados de forma intencionada" ao leito do río Sil

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), dependente do Ministerio de Transportes asegura ter xa en marcha o "operativo para a retirada" dos vagóns do tren de mercadorías descarrilado en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) que foron guindados ao río Sil. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), do Ministerio para a Transición Ecolóxica, di ver claro que os vagóns non caeron, senón que foron "empurrados" nunha operación sen autorización e por iso ultima unha multa, que non especifica se sería para Adif, Renfe ou ambas. Tamén agrega algo máis: a Xunta sabía que o que ía pasar.

Como informou Praza.gal, nunha primeira reacción tras transcender os feitos, Adif afirmou o pasado martes que estaba a "investigar" o que acontecera nos traballos de retirada do tren, operado por Renfe Mercancías e que se dirixía a recoller mercadorías á planta de Cementos Cosmos en Toral de los Vados (León). Suxería tamén nesa primeira reacción que, durante esas manobras, un dos vagóns se "precipitara" ao río, desbotando así intencionalidade.

Momento en que os vagóns son tirados ao río, nunha gravación publicada polo xornal O Sil © O Sil

Pero a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, coa súa propia investigación aberta dende o domingo pola tarde, asegura que as súas primeiras conclusións son diferentes ás do administrador ferroviario. Apuntan, din, a que "foron empurrados de forma intencionada para que se producise a súa caída polo noiro", cara ao río. "É importante destacar", di nun comunicado o departamento dependente de Transición Ecolóxica, que unha operación coma esta "non sería autorizable", precisamente polo seu impacto ambiental.

A CHMS afirma que o 112, dependente da Xunta, sabía o domingo que "se pretendía deixar caer" os vagóns ao río para despois "recuperalos" e "pediu autorización para tal manobra"; Vicepresidencia asegura que se "limitou a poñer en contacto" á Renfe co departamento estatal responsable do río

É neste punto onde a CHMS implica á Xunta. Nunha gravación remitida aos medios o seu presidente, José Antonio Quiroga, asegura que o domingo 2 pola mañá foi a Axencia Galega de Emerxencias (o 112, dependente da Vicepresidencia do Goberno galego) a que chamou á Confederación para "comunicar a manobra de retirada de vagóns". "Nesa comunicación do 112 pídese autorización para tal manobra e dende a Confederación respóndese que, nas condicións que a solicitan, non é posible dala".

A Xunta di que se "limitou a poñer en contacto" a Renfe coa Confederación

Concretamente, especifica o organismo estatal, a Axega "informa de que, como parte dos traballos de retirada de dous vagóns descarrilados, dada a dificultade da súa recuperación e por cuestións de seguridade, se pretende deixalos caer cara ao leito [do río] para posteriormente recuperalos". "Para a nosa sorpresa, o domingo á tarde atopámonos con que a empresa [en referencia a Adif] executa a acción de retirada dos vagóns, co resultado que todos coñecemos", afirma Quiroga, quen tamén é secretario de organización do PSdeG.

Tras transcender esta información, a Xunta volveu entrar en escena. Non a través da Consellería de Infraestruturas, que no día anterior esixiu explicacións ao Goberno de España polos vagóns guindados e o seu impacto ambiental, senón cun comunicado da Vicepresidencia. "A Axega non autorizou nin solicitou a caída dos vagóns do tren descarrilado ao río Sil", afirma a Xunta, senón que "se limitou a poñer en contacto ás institucións implicadas: Renfe e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil", mantén o departamento que dirixe Alfonso Rueda, tamén presidente do PP provincial de Pontevedra.

Advirte a Xunta de que "a finalidade" do 112 é "poñer en contacto directo aos organismos competentes" en situacións coma esta e, neste caso, "actuou como un transmisor da mensaxe entre as distintas institucións para facilitar a comunicación entre elas. "Ocupouse simplemente de trasladar as mensaxes de Renfe á Confederación Hidrográfica" e de "trasladar os teléfonos de contacto" de ambas. O Goberno galego non aclara nin nega se, como di a Confederación, o domingo pola mañá soubo da intención de guindar os vagóns ao río.

Adif asegura continuar coa súa propia investigación e detalla que prevé "desmontar in situ" os vagóns e "recuperar" a contorna; a CHMS avanza que o seu expediente vai finalizar cunha "sanción económica"

No medio deste tirapuxa entre dous organismos estatais e de ambos coa Xunta, o Adif asegura que dende este 5 de agosto ten en marcha o "operativo de retirada dos vagóns", tanto dos dous guindados ao río como dos outros dous que permanecen xunto ás vías. O primeiro paso, sinala, foi "tramitar os permisos" ante a Consellería do Medio Rural e a propia Confederación Hidrográfica.

Os traballos, especifica, durarán arredor dunha semana, implican dende habilitar un camiño específico á zona ata instalar grúas e, no caso concreto dos vagóns, "desmontalos in situ" para "facilitar o traslado fóra dunha zona de difícil acceso". Ademais, asegura, vai "restaurar a contorna para a súa completa recuperación". Mentres, testemuñas presenciais advirten que o pasado mércores persoal do propio Adif amosou a súa contrariedade a xornalistas gráficos que tomaban imaxes do estado da zona.

Asegura tamén o Adif que "mantén aberta unha investigación" sobre o acontecido na "retirada do material descarrilado", traballos nos que "tamén participou Renfe como titular do tren", di nun contexto no que segue sen especificar se a acción concreta de tirar os vagóns ao río foi decisión dalgunha das dúas empresas públicas ou doutra compañía contratada por elas. "Unha vez que se dispoña de todos os datos depuraranse, no seu caso, as responsabilidades pertinentes", mantén o Adif. Mentres, a Confederación Hidrográfica prevé finalizar as súas pescudas contra finais da semana vindeira, se ben o seu presidente, José Antonio Quiroga, xa avanza que o resultado do expediente "ten que pasar por unha sanción económica e pola restauración" do dano ambiental causado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.