Os traballos para abrir o Parque Central de Galicia comezan cortando eucaliptos

Comezo dos traballos nos terreos que albergarán o Parque Central de Galicia en Nugallás (Antas de Ulla) © Deputación de Lugo

A finais de 2019, o Instituto Geográfico Nacional (IGN) confirmaba ao Instituto de Estudos Ulloáns as coordenadas exactas do centro xeográfico do actual territorio de Galicia. Sitouno en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla. O terreo era propiedade de dona Margarita, unha mestra xubilada, que accedeu á petición da Deputación de Lugo de llo vender para abrir alí o Parque Central de Galicia

A Deputación de Lugo mercou os terreos do centro xeográfico do país en Nugallás (Antas de Ulla) para abrir alí o Parque Central de Galicia, que conservará a súa actual "masa de carballos, bidueiros e piñeiros do país"

A mediados deste mes, a institución provincial lucense presentou en Antas o proxecto do Parque Central de Galicia, que terá uns 45.000 metros cadrados e este 26 de abril comezaron os traballos sobre o terreo en San Fiz de Amarante. Entre as primeiras accións destaca a corta dunha plantación de eucaliptos que actualmente existe na parte dos terreos onde se situará a zona infantil do parque.

Sinala o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que o proxecto ten a intención de "proxectar a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar", alén de xerar un novo atractivo turístico. Neste sentido, sinala que no lugar onde ata agora había eucaliptos a Deputación plantará castiñeiros e carballos. No resto do terreo onde xa existen outras especies, o espazo natural conservará a "masa árborea de carballos, bidueiros e piñeiros do país, dado o seu importante valor ambiental".

Terreos do futuro Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla © Deputación de Lugo

Sinala a Deputación que, paralelamente, este luns principian tamén en Nugallás "tarefas de silvicultura" que implica podar algunhas das árbores e tamén a "entresaca de árbores febles". O obxectivo destes traballo é "que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies".

"Tamén comezaron as actuacións de leboreo, que consisten na preparación da terra", detallan. Neste caso, trátase de "regularizar e alisar a superficie do terreo para poder explanar os lugares" onde se vai construír un edificio multiusos, unha praza cun monolito que situará o centro xeográfico do país, ademais de facilitar os novos viais de acceso.

Os traballos de silvicultura que veñen de comezar na zona tamén pretenden propiciar "que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies"

O seguinte paso, adianta a Deputación de Lugo, é "o proceso de fertilización para lograr uns niveis óptimos de PH" alí onde haberá "novo céspede". "Para o Parque Central de Galicia optouse por unha fórmula de pratenses" que propician unha "fácil adaptación ao terreo" e ao tempo, avanzan, "resiste ben o tránsito de persoas" e "recupérase ben despois da seca do verán".

Segundo Tomé, o Parque Central de Galicia foi concibido como "un proxecto de provincia" no que se "vai poñer en valor un recurso natural moi importante" e tamén pretende ser "un revulsivo para a economía de toda a comarca da Ulloa, pola súa capacidade de atracción turística". O acceso ao futuro parque realizarase dende a estrada LU-0301, dende a que será visible un "pórtico de entrada" coa indicación do recinto.

Recreación dos accesos ao futuro Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.