Nuria Vil estrea a peza audiovisual 'Delincuente', baseada nun poema sobre La Maradona. "No poema rescato o que pasou en Vigo desde os 80 e vexo moi claramente como se repite a historia", conta
A poeta, resitadora e performer viguesa Nuria Vil descubriu a La Maradona por casualidade, como adoitan suceder as mellores cousas na vida. Daquela, conta a Praza.gal, estaba dándose unha enchedela de cine quinqui e decatouse de que esa líder dunha banda de delincuencia xuvenil do Vigo dos anos 80 facía o mesmo que as personaxes desas películas que tanto lle gustaban. Con ese imaxinario, a forza obreira da súa cidade natal como pano de fondo e unha potente reivindicación do colectivo LGBTIAQ+ lanzouse a construír o proxecto que deu en chamar Delincuente.
Eu quería ser La Maradona, di no longo poema que escribiu con eses vimbios e para o que tiña claro que quería facer un vídeo. “Estaba nun momento malo, todo era mal, e case o único traballo que tiña era en vodas, bautizos e comuñóns. Entón, vin a convocatoria da bolsa Ensaia, que pedía proxectos con impacto, e pensei que non perdía nada por probar: non tiña perspectivas de futuro e estaba arruinándome porque os dous primeiros anos como autónoma son moi malos”, lembra.
Cando contaba con abandonar a súa intención de dedicarse á arte porque era economicamente inviable a pesar de que recibía boas críticas e valoracións das cousas que ía facendo, gañou a bolsa para facer Delincuente: “E por primeira vez tiña cartos para facer o traballo que quería, cunha equipa de xente talentosa á que lle podía pagar dignamente. Agora si podía facer un vídeo quinqui para o poema de La Maradona”.
“Nese momento dixen que se despois de que saia este vídeo, eu sigo sen poder ter unha vida medianamente digna facendo este traballo artístico, xa non podo demostrar nada máis. E a día de hoxe sigo pensando o mesmo, se Delincuente sae e a situación non mellora xa non podo demostrar máis que o traballo ten calidade, que hai unha conciencia detrás, un coidado e un estudo. Delincuente podería ser a miña tese, pero escollín que fose un vídeo e un poema”, engade Nuria Vil.
'Delincuente' é un híbrido entre curtametraxe e vídeoclip que acompaña un poema a partir de La Maradona, a líder dunha banda de delincuencia xuvenil nos 80 en Vigo
Porén, Delincuente xa superou as expectativas da súa autora, Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña – Vigo,1993), ao estrearse este luns 24 de xuño no marco do Festival Ambienta, no Teatro Principal de Pontevedra.
Delincuente ten un formato híbrido entre unha curtametraxe e un vídeoclip que ten como base o poema de Nuria Vil e a música composta por Olga Martínez, de nome artístico MorlitaM. Ademais, mestura as imaxes do Vigo dos anos oitenta en Super 8 cedidas por Manoel da Costa do seu arquivo histórico co filmado entre Rial (Santo André de Comesaña), Chandebrito (Nigrán) e o autobús histórico ‘El Cometa’, da compañía Vitrasa. “Mestura a parte histórica e documental coa fantasía”, resume Nuria Vil.
“Manoel da Costa ten gravada unha das primeiras manifestacións do Orgullo de Vigo, que foi no parque de Castrelos, e poderías esperar unha manifestación con xente facendo cousas súper tolas, pero non, en realidade foi un pique-nique con familias moi tranquilo. Sorprendeume para ben poder ver o seu arquivo porque quizá pensaba que ían ser imaxes máis violentas, porque ten gravadas as grandes manifestacións daqueles anos tamén, pero non: en xeral vese xente gozosa. Isto veunos moi ben porque o poema xa é bastante escuro e así a imaxe é un contraste”, detalla a poeta.
“A nivel persoal a visión do mundo cambioume un pouco, porque traballei para non estar mal, pero a situación social non cambiou en exceso. Vimos dunhas eleccións europeas que o confirman. No poema rescato o que pasou en Vigo desde os 80 e vexo moi claramente como se repite a historia. Cando era cativa pensaba que non me ía tocar, que o franquismo e a ditadura xa pasaran, e igual a día de hoxe teño que comerme algo diso con patatillas. Quizá é que non se fixo todo o que se podía para evitar o auxe do fascismo. Agora vivo en Santiago e paso por rúas que están cheas de papel de prata polas mañás, e iso tamén está no poema. Busquei referentes daquel momento e no texto falo de Xela Arias, Marga Doval, María Xosé Queizán ou María do Carme Kruckenberg, que todas teñen vínculo con Vigo”, debulla Vil.
"Hai como un silencio herdado. E penso que xa pasou tempo abondo para que o falemos, antes de que se repita", di Nuria Vil sobre os anos da Transición que retrata en 'Delincuente'
Na estrea en Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, Nuria Vil presentará a peza audiovisual, dirixida por Alba Domínguez, e contará con María Lado e Lucía Aldao para realizar xuntas unha intervención poética. Tras a proxección de Delincuente deste 24 de xuño haberá un coloquio coa educadora social e activista antirracista Angelly Ferreiro, que tamén participou na rodaxe. A artista viguesa quere percorrer os centros de ensino con este proxecto e que chegue a cantos máis lugares, mellor; comezando por buscar unha estrea en Vigo.
Todo o proxecto de Delincuente xoga coa idea de repensar que é a delincuencia, de onde vén o termo e á quen llo aplicamos por defecto, pero non queda aí: pon o foco no antirracismo e cavila sobre a súa propia identidade. “Unha cousa que me sorprende do poema é que empata moi ben cos señores, un público ao que non chegara ata agora. Veñen falar comigo porque lles lembra unha época que viviron. Eu, realmente, entendín a Transición polo cine quinqui. Ademais, hai unha imaxe de que á xuventude non nos interesa o que viviron na xeración dos nosos pais ou avoas. Pero non ten que ser así, o que teñen é que falarnos diso e non sei fai, hai como un silencio herdado. E penso que xa pasou tempo abondo para que o falemos, antes de que se repita”, argumenta Nuria Vil.