“Sempre tiven/ un impulso no peito/ para loitar contra/ a merda que nos cae enriba”. Son versos de Poesía da Casa (Inés Mosquera), unha das participantes da final da Poetry Slam Compostela deste curso. Palabras que condensan ben o ambiente que se viviu nunha noite na que, sen dúbida, se cumpriron as arelas que motivaron a organización deste evento: a creación de comunidade e dun espazo de liberdade para a expresión antifascista.
Cinco mulleres, Paula Pier, Isa Mordía, Yamini, Alicia Sanz e Poesía da Casa competían nunha final de notable nivel poético e escénico, cun público entregado que ateigaba a sala de eventos do Riquela. A gañadora, Paula Pier, despediu a Slam cunha canción sobre a decisión de erguerse e deixar de fuxir. Un tema, como moitos dos poemas da noite, no que se podía albiscar un movemento. Unha dinámica. Unha enerxía.
A forza de mulleres novas que non senten, por fin, a necesidade de xustificar a súa presenza nun escenario porque o espazo público deixou de ser simbolicamente só masculino. A de poetas que, situándose nunha tendencia literaria agromada quizais nos 90, confiren outro significado á poesía social. Pasando polo íntimo. Polo existencial, enfocado desde o cotiá.
Comezara o evento cunha canción agoreira: I gotta feeling de The Black Eyed Peas, picada pola DJ oficial da Slam: Queen Rendi. E así aconteceu porque, como di este tema, foi unha boa noite. Tras a intervención da presentadora, Adriana Guede, foi a música Sheila Patricia quen conseguiu nuns minutos, coa súa presenza escénica e a súa voz, poñer o público en situación cunha versión do romance Manolo Mío que se ergue contra o actual avance dos fascismos.
Foi despois a quenda da outra convidada da velada, a poeta Antía Otero, quen conxurou o avance da crise climática cunha elexía esperanzada sobre a virtual desaparición da pega como especie e cun canto á vida, recollido no seu libro O cuarto das abellas, que homenaxea a Boris Vian e a súa listaxe de cousas por facer antes de deixar este mundo. Interveu a seguir o gañador da Slam Poetry Compostela do ano pasado, Miguel Ponce de León, cun poema cosido polo humor que non quedou atrás dun que lera na anterior xornada da Slam, que fora unha decidida denuncia da psiquiatrización das vidas.
O que veu despois foi unha mostra de como a poesía forma un corpus tecido por fíos temáticos e estilísticos invisibles nin conscientes para os seus creadores. Yamini regresou ao escenario do Riquela cos seus robustos -e tan necesarios- versos anticoloniais, antirracistas e feministas. Dise indio e non hindú, subliñou, lembrando a pegada de séculos de mentalidade colonial. Nin ela nin ninguén, engadiu, teñen que agardar a que Europa lles salve a vida por proceder doutro continente. Xa que, aínda que teoricamente non hai fronteiras, na práctica habelas, hainas, dixo.
Continuou Alicia Sanz cun poema sobre saír do rego das vidas predestinadas polo camiño da competitividade e do individualismo
Continuou Alicia Sanz cun poema sobre saír do rego das vidas predestinadas polo camiño da competitividade e do individualismo. Non se trata de triunfar, sinalou, senón de parar para ocuparse do único realmente importante, que son os vínculos. Para deixar de ser sociedade para converterse en comunidade. Paula Pier colleu despois a testemuña da poesía social -ese adxectivo baixo a que se agocha a poesía política, no sentido do público, do colectivo- cuns versos sobre a mala educación recibida polas mulleres nunha sociedade patriarcal. Sobre a concatenación de “Nons” que trata de encarreiralas por uns roles que lles corten as ás xa desde crianzas.
Isa Mordía seguiu por esta mesma senda cun poema sobre as elites académicas masculinas que “nada din” e “todo calan”, fabricando discursos para o poder para afastaren a diverxencia. Inés Mosquera levou despois a reivindicación ao lado do íntimo que se abeira ao político ao reclamar o dereito de ser, de estar, facendo fronte como poidamos ás violencias coas que convivimos, como as guerras do goberno estadounidense.
Na segunda parte da Slam, Yamini volveu denunciar os discursos neorracistas que están a calar na sociedade. Non é doado, dixo, deixar a casa de orixe, renunciando a fogar e redes, como para que te reciban cunha narrativa que te desvaloriza e te sitúa nunha posición subordinada ao afirmar que viñeches quitarlle a alguén o traballo ou aproveitarte do sistema. Mudar de identidade, lembroulle a Feijóo, non é como cambiar de DNI.
Na segunda parte da Slam, Yamini volveu denunciar os discursos neorracistas que están a calar na sociedade
Alicia Sanz proclamou de novo o seu desexo de ser poeta fronte ás expectativas vitais prefabricadas e Paula Pier subliñou como as mulleres xa non precisan, neste patriarcado atroz, duns homes que nin entenden o feminismo nin parecen dispostos a informarse sobre o mesmo antes de abrir a boca para dar leccións. Isa Mordía, dicindo que somos “loita constante e desgarrada”, chamou pola aceptación das propias contradicións na busca dun camiño propio e libre e Poesía da Casa conectou, sen telo planificado, co Manolo Mío do principio da noite cun poema sobre a dor e o silencio agochados nas cunetas que, nalgún momento, emerxen para transformárense en luz do día.
No público estaba, coma sempre, a tamén poeta Luz Fandiño, que acompaña o proxecto desde os seus inicios. Tal como lembra o director da Slam, Diego Horschovski, o xermolo da Poetry Slam Compostela estivo noutros eventos que a precederon. No 2014, as restricións impostas polo goberno local compostelán á cultura ao vivo obrigaron a este promotor cultural a procurar unha alternativa aos concertos. Foi así como naceron os encontros poéticos nun local da Caldeirería, no número 26, na zona vella de Santiago.
“Eu estudaba Filosofía e tiña moitos compañeiros e compañeiras que escribían e lían. Comezou a vir xente que escribía ou que lía poemas doutros autores e autoras. Desde o principio tivo moi boa acollida. Había moita xente que quería participar e eu sempre lle daba prioridade a xente que non tiña recitado antes. Desde o 2014 ao 2016 foi o único micro aberto que había na cidade. E de aí saíron dúas antoloxías”, explica.
Polo micro aberto pasaron poetas hoxe recoñecidas coma Nuria Vil, Lúa Mosquetera, Samuel Merino ou Andrea Nunes
Polo micro aberto pasaron, de feito, poetas hoxe recoñecidas coma Nuria Vil, Lúa Mosquetera, Samuel Merino ou Andrea Nunes. E dos micros abertos, que se celebraban primeiro na Caldeirería e despois no Modus Vivendi, acabou nacendo a Poetry Slam. Horschovski soubo da iniciativa das Poetry Slams e contactou coa xunta das Poetry Slam de España, que conta neste momento con máis de 30 sedes oficiais entre as que se encontra Compostela. “De cada sede local sae un campión ou unha campioa que representan a súa cidade no circuíto estatal. O ano pasado a final estatal foi en Compostela e fíxose dentro do festival Luz Poética. O próximo ano será en Granada”, indica. “Cada curso temos unha tempada desde setembro a xuño. En cada tempada temos cinco clasificatorias das que sae un/unha finalista”, engade.
O micro aberto foi unha oportunidade para a mocidade que se mantivo despois no Modus e no Slam
A Poetry Slam non é só, que tamén, un xeito de tomarlle o pulso á creación poética que está a agromar na xente nova. Como o eran nos anos 90 os numerosos recitais que se celebraban por toda a cidade. “Unha cousa que tiñamos clara na organización era o obxectivo de crear un espazo sociocultural para xente que está fóra do canon do sistema literario oficial”, afirma Horschovski.
Do mesmo xeito que sabían perfectamente que tipo de espazo querían crear. “Un lugar de encontro socio-cultural, de respecto pola poesía e pola xente que recita, que xerase comunidade. A mocidade atopa aquí un lugar onde expresarse. O micro aberto foi unha oportunidade para a mocidade que se mantivo despois no Modus e no Slam. O espectador medio ten pouco menos de 25 anos. E de feito o festival Luz Poética é o primeiro festival de poesía nova de Compostela”, apunta. Os recitais no Modus continúan, de feito, pero como proxecto independente da Slam, igual que o festival Luz Poética.
A nova tempada da Poetry Slam non comezará ata a volta do curso, mais en calquera caso as persoas interesadas en participar deben enviar un correo a poetryslam@santiagodc.gmail.com. Non se establece ningún requisito. As solicitudes son aceptadas por orde de inscrición. Dez persoas participan en cada unha das cinco clasificatorias. E as cinco gañadoras pasan á final.
Non se establece ningún requisito. As solicitudes son aceptadas por orde de inscrición. Dez persoas participan en cada unha das cinco clasificatorias
O xurado está formado por membros do público asistente escollidos de xeito aleatorio. “Para evitar favoritismos ou inimizades, suprimimos a nota máis alta e a máis baixa e quedamos coas dos medio”, explica o director. O voto -unha nota numérica- realízase de xeito público, escribíndoo nunha pizarra. A sede física foi no pasado o Momo e é neste momento o Riquela. A entrada para asistir como público custa 5 euros.
Horschovski coordina un equipo de profesionais co que comparte o traballo de organización da Slam. Xunto ao director e a presentadora, Adriana Guede, e á DJ, Queen Rendi, encárganse de que todo saia ben en cada sesión o encargado do audiovisual, Yago Quintas; o fotógrafo, Alberte Cabo; a a responsable da produción, Teresa Villamor. Entre todos, e coa colaboración do público, crean un espazo seguro no que a poesía social -a poesía feminista, por exemplo- atopa acubillo.
“Os micros abertos foron concibidos como espazo de encontro social. Entón acabamos falando do que nos pasa, como mocidade, como sociedade, como país… Fálase moi abertamente por exemplo de saúde mental desde antes de que se tornase un tema máis mainstream. Penso que porque son espazos de respecto, de escoita, de familiaridade, de acompañamento, de non xulgamento, nos que a xente se sente cómoda falando do que lle acontece a nivel interno, pero poeticamente. Por suposto nós estamos, ademais de para equilibrar en tempo as intervencións -cada participante ten 3 minutos-, para evitar calquera expresión contraria aos Dereitos Humanos, machista, racista, etc. Normalmente non se dá, pero se se dá, non me treme o pulso para paralo”, conclúe Horschovski.