Lara Dopazo gañara o premio literario Illa Nova de Narrativa con O axolote e outros contos de bestas e auga, (Galaxia). Dende entón, non soubemos máis dela como escritora. Aproveitamos a súa estancia en Estados Unidos, onde segue formándose en escrita creativa, para rescatar esta obra, unha das poucas de narrativa que publicou a súa autora, máis coñecida pola súa poesía. O axolote e outros contos de bestas e auga é un libro de contos nos que o animal e o humano e o real e o sobrenatural se mesturan. Onde volven os corpos feridos. Ou a violencia e a morte. Pero tamén a protección da comunidade. Ou dunha natureza que pode ser hostil ou aliada.
Son unha ducia de contos. Algunha razón especial para que estean tan presentes as bestas e a auga? Cales foron os primeiros que escribiches?
Foi un proceso inconsciente. Foron contos escritos en cinco ou seis anos. Cando me dei conta de que había ese fío condutor, xa había varios escritos. E despois xa comecei a poñer aí o foco. Pero non foi algo que pensase demasiado.
Gañaras o premio Ila Nova de narrativa con este libro. Ata entón publicaras poesía e un relato. Seguiches escribindo narrativa desde entón? Tes previsto publicar algo novo proximamente?
Seguín escribindo, pero non está nada publicado. Ben, o último que fixen foi unha tradución ao galego dun libro de Antonia Pozzi, Lume Branco, para Rinoceronte. Pero iso xa foi no 2021. Estou escribindo bastante porque estou dedicándome a escribir, xa que estou facendo un mestrado de escrita creativa en Iowa. Pero non teño nada por publicar á vista.
Comeza o libro co relato dunha muller que, cada vez que se sente mal, métese na bañeira. Están moi presentes, como no teu poemario en claus e o alacrán, os corpos feridos. Por que?
O corpo está presente en todo o que escribo. A miña é unha escrita moi corporal, nese sentido. O conto que abre o libro eu quería que fose o primeiro porque é o que lle dá o título. Este relato está baseado na realidade do axolote, que é un animal que ten a capacidade de rexenerar o 100% do seu corpo cando está ferido. O que eu fixen foi animalizar unha humana, no sentido de que pasaría se alguén fose quen de cicatrizar as súas feridas ao 100% meténdose na auga. Hai neste libro animalización dos humanos e humanización dos animais.
O segundo relato vai sobre un maremoto. A natureza, como nos teus poemarios, é moitas veces neste libro algo hostil. Como é a para ti a relación dos humanos coa natureza nesta obra? Hai diferenza ao respecto en comparación cos teus poemarios?
"Sigo pensando que o máis terrible non vén da natureza, senón dos seres humanos"
No libro hai diferentes tipos de relación dos seres humanos coa natureza. No caso do conto do maremoto si é unha natureza hostil, pero a desolación do personaxe viña de atrás, de antes do maremoto, e tiña causas humanas. Pero hai outros contos nos que hai unha adaptación perfecta entre humanos e natureza, como no da muller que domina as augas. Nese caso hai iso, un dominio total da forza natural. E logo tamén hai unha adaptación ao que hai, como no último conto do libro. Son casos diferentes. Pero, en calquera caso, sigo pensando que o máis terrible non vén da natureza, senón dos seres humanos.
A morte está moi presente tamén. A morte non aceptada polos vivos -e polos mortos-; a morte de persoas e animais violentados, a morte que chega deixando cousas pendentes… Cal é a relación coa morte dos teus personaxes?
A morte está en todos os contos, si, e ademais vai ao fío do tema dos corpos feridos. A morte é un elemento constitutivo básico do que somos. Cando xogo a escribir fantasía, como neste libro, é un elemento que sempre está aí. Tamén pode ser pola tradición popular nosa pero, en calquera caso, paréceme fundamental falar da morte cando se fala da vida. No libro hai diferentes formas de afrontar a morte: hai quen non a acepta e atópase nun lugar que non coñece; hai quen a evita; hai quen a sofre porque é asasinado…
Hai relatos, especialmente algúns, de misterio e mesmo de terror. Aínda que non creo que o teu obxectivo fose facer relatos de terror. Malia que o medo e a violencia estean moi presentes.
Non era o meu obxectivo, e de feito eu non son lectora de terror porque me dá medo. Son sensible cos libros e coas películas de medo. O que quero non é dar medo, senón causar inquietude, desconcerto, que é o que me gusta como lectora. Tamén insinuar pero non dicir claramente, para que sexa a lectora quen acabe de unir os fíos.
En relación con iso, hai varios relatos relacionados coa idea da cova ou a casa na que pasan cousas terribles. Un lugar pechado, segredo, onde se desata a violencia. Aínda que tamén están a casa e a comunidade como lugar seguro, como estaban nos teus poemarios. Como muda a idea da casa neste libro respecto aos teus poemarios?
"Sinto que a casa ten dúas caras: o refuxio e o lugar de violencia"
Sinto que a casa ten dúas caras: o refuxio e o lugar de violencia. Ten que ver con como escribín sobre a casa en claus e o alacrán, no que a casa era o único lugar seguro. Tamén coa idea do que sucede no espazo privado onde ninguén mira, onde pode acontecer o mellor e o peor. O lugar onde pode acontecer a violencia machista, o maltrato á infancia… Esa dobre cara como lugar de refuxio ou de terror. Ou onde sucede o que dá medo, porque non podemos controlalo.
Hai un relato en concreto que ten que ver coas lendas sobre as mulleres que guiaban os barcos desde a costa para que se estrelasen contra as rochas. Tiveches presentes estas lendas para escribir este conto? Con que outras lendas ou relatos da tradición oral ou escrita podería haber nexos?
Non estaba ao tanto desas lendas sobre as mulleres que guiaban os barcos, pero si que son comúns as lendas de seres levan a xente á morte, e que si poden estar aí de fondo. No meu conto, ademais, non está clara a natureza deste ser. Non sabemos se é humana, se é un espírito… Pero si parece un ser capaz de certa maldade, un ser caprichoso do que non se desvela a natureza das súas decisións.
Tamén están moi presentes, como nos poemarios, as ideas do desamparo, da soidade. Personaxes solitarios que se converten en sospeitosos para a veciñanza, por exemplo. Por que?
É importante no libro a idea de comunidade, de pertenza a unha rede. Para o bo e para o malo. Hai persoas que non encaixan na comunidade. É o caso do conto dos lobos. Un home solitario que non se afai á aldea pero que logo se ve que tiña a súa comunidade noutro lugar. Os personaxes buscan alternativa cando non se encontran ben na súa comunidade. Tamén hai un relato no que hai un sentimento de comunidade moi forte en relación coa protección dos nenos.
Nos relatos aparecen aspectos sobrenaturais, ás veces relacionados coa procura da liberdade fronte á violencia. Que papel cumpre a fantasía, neste sentido?
Gústame pensar que a fantasía é un xeito de buscar alternativas, de facer que sucedan cousas que na realidade non suceden. Como o conto no que as mulleres matan os homes, ou o conto no que volve o home maltratador. A fantasía é un xeito de resolver situacións que serían moi difíciles de resolver na realidade. No relato do carpincho quixen resolver con humor unha situación moi difícil da que é moi complicado falar con humor. A fantasía permite buscar unha saída a historias moi difíciles de resolver na realidade. É un xeito de especular que pasaría aí.
Algo máis que queiras comentar do libro?
O sobrenatural é un dos ingredientes fundamentais, como o é a mestura do humano e do animal. Non quixen poñer límites entre o humano e o animal.