As redes sociais e, en concreto, Twitter, son "un territorio hostil para as mulleres", expostas a insultos e outras situacións violentas por parte doutros usuarios, uns ataques que os homes sofren en menor medida. Son as principais conclusións do estudo Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo, misoxinia e discurso do odio en Twitter, levado a cabo por Xabier Martínez Rolán, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra e Teresa Piñeiro, investigadora da Universidade da Coruña. O traballo, realizado no marco da Cátedra Feminismos 4.0, que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, presentou as súas conclusións, que se poden consultar nunha web específica e tamén a través dunha serie de podcast.
Na Rede "reprodúcense as desigualdades e loitas de poder presentes na sociedade, e mesmo se magnifican, dada a confluencia de dous fenómenos interrelacionados: a sensación de anonimato e a proxección pública de determinadas plataformas sociais"
Martínez Rolán e Piñeiro conclúen que na Rede "reprodúcense as desigualdades e loitas de poder presentes na sociedade, e mesmo se magnifican, dada a confluencia de dous fenómenos interrelacionados: a sensación de anonimato e a proxección pública de determinadas plataformas sociais". "O sexismo ambiental imperante nos social media así como a normalización do discurso do odio é alarmante e perigosa, máxime se temos en conta a visibilidade e o potencial socializador de plataformas como Twitter ou Facebook", destaca a investigación, cuxas principais conclusións poden consultarse tamén neste póster (.pdf).
O investigador e a investigadora subliñan que estes ataques sexistas son especialmente frecuentes e virulentos no caso de mulleres de ámbitos de "especial proxección pública", como a política ou a comunicación, "que cumpren unha función esencial nas sociedades democráticas". Ataques centrados nestes dous ámbitos que supoñen unha “especie de intento de atacar as mulleres que teñen a capacidade de contarnos historias e presentarnos perspectivas diferentes”, sinala Teresa Piñeiro.
Políticas e xornalistas son as mulleres que reciben máis ataques e así foi analizado a través de Carmela Silva, Ana Pontón, Yolanda Díaz, Inés Arrimadas, Cayetana Álvarez de Toledo ou Carmen Calvo
Políticas e xornalistas son as mulleres que reciben máis ataques, e así foi analizado polo miúdo nestes estudo, que tamén seguiu outros perfís (empresarias, científicas, deportistas...). O estudo baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 mulleres de “recoñecido prestixio na esfera pública”, 22 delas vinculadas á provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560 que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o 96%, dirixidos a políticas e xornalistas.
En total, detectáronse 62.560 publicacións que contiñan insultos, presentes no 15% das interaccións directas cos diferentes perfís e no 10% das mencións indirectas
Alí están os insultos dirixidos a Carmela Silva, Ana Pontón, Yolanda Díaz, Inés Arrimadas, Cayetana Álvarez de Toledo, Carmen Calvo, Ana Pastor, Teresa Portela, Chus Lago, Vero Boquete, Ana Peleteiro, Julia Otero, María Obelleiro, María Xosé Porteiro, Lara Graña ou Silvia Jato.
A análise abrangueu as 41.103 publicacións propias realizadas ao longo dun ano por estas 50 profesionais e as 302.790 interaccións que se produciron cos seus perfís, así como outras 208.797 “mencións indirectas”, chíos que as nomeaban sen citar a súa conta nesta rede social. En total, detectáronse 62.560 publicacións que contiñan insultos, presentes no 15% das interaccións directas cos diferentes perfís e no 10% das mencións indirectas.
Entre os insultos máis frecuentes aparecen ‘feminazi’, ‘falsa’, ‘analfabeta’, ‘cerda’, ‘asquerosa’, 'cateta'...
Entre os insultos máis frecuentes aparecen ‘feminazi’, ‘falsa’, ‘analfabeta’, ‘cerda’, ‘asquerosa’, 'cateta', 'cenutria', 'babosa', 'adefesio', 'cornuda', 'puta', 'malfollada', 'comepollas', 'cretina', 'golfa', 'zorra', 'bastarda', 'llorica, 'ñorda' ou 'niñata'. O autor e a autora subliñan a “sensación de impunidade” que se produce entre os usuarios e usuarias das redes sociais, sinalando Martínez Rolán que "na vida real non virtual a maior parte da xente non insulta a alguén directamente, pero sen embargo isto si se dá en internet”.
"Na vida real non virtual a maior parte da xente non insulta a alguén directamente, pero isto si se dá en internet”
A investigación fixo unha análise máis profunda sobre unha peneira de 666 tuits, todos eles mencións directas ás mulleres analizadas. O 33% ían dirixidos ás propias mulleres ás que aludían, mentres que o 66% centrábanse no colectivo que representan, implicando “un ataque á profesión”, como apunta Rolán. O 60% destas mensaxes poderían ser cualificadas como “actitudes prexuízosas, como comentarios insensibles ou bromas ferintes” e o 40% restante situaríase na categoría correspondente “cos actos prexuízosos, que serían xa insultos máis directos, alcumes e intentos de ridiculización”.