O PP busca en Facebook electorado galego de dereitas para tentar que non lle fuxa a Vox

A publicidade do PP en Facebook dirixida ao electorado galego céntrase nas provincias da Coruña e Pontevedra CC-BY-NC-SA Praza Pública

Santiago, 8 de febreiro de 2009. Falta menos dun mes para as eleccións galegas e destacados dirixentes do PPdeG -agás Alberto Núñez Feijóo, de viaxe preelectoral en América- maniféstanse atendendo a convocatoria dunha asociación denominada Galicia Bilingüe contra a política lingüística da Xunta, gobernada por PSdeG e BNG. Os populares subiran ao carro destes grupúsculos aguilloados por un temor: que os votos do seu electorado máis centralista puidesen ir parar á incipiente UPyD de Rosa Díez, tamén presente naquela marcha, e poñer en risco a maioría absoluta que os devolvería ao poder.

Dez anos despois de temer fugas de votos a UPyD, os populares procuran que en Galicia parte dos seus sufraxios habituais non vaian parar a Vox

Unha década despois daqueles comicios, nos que UPyD quedou no 1,41 % dos sufraxios, os temores no seo do PP en xeral e do PPdeG en particular son outros. Xa non se temen que escapen unhas pinguiñas de voto cara a outras formacións da dereita. As vías de auga son moitas máis e, ao contrario que en anteriores convocatorias, o maior perigo xa non semella ser Ciudadanos, senón a formación de extrema dereita Vox. Os líderes do PPdeG reiteran en mitins e intervencións nos medios a necesidade de "unir o voto". Mesmo nalgún caso con mensaxes que lles deron en xerar problemas, como a chamada do seu secretario xeral, Miguel Tellado, a "meter a man no buzón das mans dos veciños" e tirar ao lixo as papeletas de Vox, palabras polas que se desculpou este venres. Pero tamén saen á procura do dereitista indeciso no Facebook

A ferramenta coa que esta rede social deu en incrementar -relativamente- a transparencia da publicidade política que lle contratan tras escándalos como o de Cambridge Analytica permite coñecer cantos cartos gastan os partidos en campañas publicitarias en Facebook a través dos seus perfís oficiais, así como a distribución territorial das mesmas. No caso galego, na recta final desta campaña do 10N o PP está a lanzar en Facebook e Instagram fundamentalmente unha mensaxe ao electorado de dereitas: que quede cos de Casado e non caia na tentación de marchar a Vox.

Anuncios do PP en Facebook segmentados para Galicia na campaña do 10N CC-BY-NC-SA Praza Pública

El 10N si votas a Vox en La Coruña estarás regalando tu voto a Pedro Sánchez, di un dos anuncios sufragados polos populares e segmentado para a provincia coruñesa. En las últimas elecciones, en Pontevedra 27.426 votantes eligieron Vox pero Vox no consiguió ningún escaño. Si votas a Vox darás tu voto a Pedro Sánchez, di outro deles, encamiñado a ser visto polo electorado da provincia de Pontevedra. Durante os días oficiais da campaña o PP gastou en anuncios en Facebook para todo o Estado uns 12.538 euros, segundo os datos da propia rede.

O gasto en Facebook das formacións da esquerda en Galicia

O gasto do PP en anuncios en Facebook é -dende o seu perfil oficial- moi inferior ao que, por exemplo, leva realizado Podemos. Durante a campaña o perfil oficial do partido que encabeza Pablo Iglesias destinou 124.917 euros a esta publicidade, segundo a propia rede social. 

Unidas Podemos difunde en Galicia vía Facebook extractos de intervencións dos seus líderes e convocatorias de actos

No caso da súa candidatura galega, Galicia en Común, o investimento é moito máis modesto -pouco máis de 200 euros durante a campaña- e destinouse a facer chegar ao electorado mensaxes coma o seu vídeo electoral, convocar actos de campaña ou divulgar pequenos extractos de intervencións de líderes como Iglesias ou Yolanda Díaz no seu acto central da campaña, na Coruña. Xunto a elas, tamén apelacións como Unha AP-9 pública, galega e gratuíta pode ser posible se Galicia está presente no Goberno. En Común-Unidas Podemos busca en Facebook sobre todo xente moza e máis mulleres ca homes.

Anuncios en Facebook das campañas de En Común-Unidas Podemos e do BNG CC-BY-NC-SA Praza Pública

O BNG centra as súas accións nesta rede social en subliñar a importancia de "conseguir voz propia para Galiza" no Congreso

Un chisco máis, aínda que lonxe das grandes formacións estatais, foi o investido polo BNG en publicidade en Facebook nesta campaña electoral. A formación soberanista optou por divulgar múltiples anuncios con menor investimento, ata sumar uns 1.341 euros, segundo Facebook. No seu caso, os vídeos electorais e intervencións de Ana Pontón ou Néstor Rego combínanse con mensaxes como Cando cremos en nós, somos capaces de todo. Con orgullo, xuntos e xuntas, imos conseguir voz propia para Galiza, explicacións sobre o efecto que pode ter concentrar o voto no Bloque para obteren representación ou gravacións nas que se sinala que forzas soberanistas dan "voz" a outros territorios do Estado mentres Galicia non a ten.

Mentres, o PSOE non deseñou campañas especificamente segmentadas para Galicia en Facebook. A formación que encabeza Pedro Sánchez destinou en campaña uns 37.825 euros para todo Estado nesta plataforma e a difusión dos seus anuncios en Galicia varía en función das mensaxes, que fundamentalmente conteñen os seus lemas de campaña, vídeos electorais e convocatorias de mitins de Sánchez.

As campañas escuras

 No derradeiro día da carreira electoral regresou a Facebook a campaña de anuncios encamiñados a desmobilizar o electorado da esquerda

Pero non todas as campañas son máis ou menos transparentes. Así, no derradeiro día da carreira electoral regresou a Facebook a campaña de anuncios encamiñados a desmobilizar o electorado da esquerda -fundamentalmente, de PSOE e Unidas Podemos- e que, como informaron eldiario.es e El País, ten diversas ligazóns co PP pola vía de asesores de Pablo Casado e outros líderes aínda que non fose contratada dende os perfís oficiais do partido.

Campaña á procura da desmobilización do electorado da esquerda, reactivada no día final da campaña CC-BY-SA eldiario.es

Cadrando coa reactivación destes escuros anuncios, que foron denunciados infrutuosamente por Más País ante a Xunta Electoral, os populares lanzaron tamén na recta final da campaña electoral do 10N unha acción de envío masivo de mensaxes SMS co texto Hola, soy Pablo Casado. Te pido tu voto para sumar una nueva mayoría de cambio en España frente a la crisis económica y el desafío separatista. O partido subliña que esta campaña de envío masivo de mensaxes, recibidos tamén por persoas sen vínculo ningún co PP, é "completamente legal"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.