"Confiar na tecnoloxía como ferramenta de liberación é como pensar que a auga pode liberar os peixes. É unha perspectiva errada"

Suso Baleato Dominio Público Praza Pública

As novas tecnoloxías e Internet fan (necesariamente) que o mundo sexa máis libre? Abren o campo para unha mobilización política e social e para unha comunicación máis horizontais? A prestixiosa revista Science publica este venres un artigo (Digital discrimination: Political bias in Internet service provision across ethnic groups) que analiza a “forte e persistente” discriminación dixital dos grupos politicamente excluídos, poñendo en cuestión a estendida confianza en que a expansión das redes vai asociada a un incremento de dereitos e á mellora da calidade democrática, a moitas veces denominada tecnoloxía da liberación.

No traballo participa Suso Baleato, membro do grupo de investigación de Análise Política adscrito ao Departamento de Ciencia Política da USC, xunto con investigadores de universidades alemás (coma a de Constanza, na que tamén traballa Baleato), suízas e gregas. En concreto Baleato desenvolveu os indicadores estatísticos do estudo, empregando estimacións de alta precisión sobre penetración de Internet (utilizando mesmo a emisión de luz nocturna rexistrada polos satélites da NASA), cos que analizaron se os grupos politicamente máis desfavorecidos son sistematicamente privados do acceso ás novas tecnoloxías. As conclusións do estudo son consistentes cos resultados da tese doutoral sobre tecnoloxía política desenvolvida polo investigador galego baixo a dirección do catedrático de Ciencia Política da USC, Ramón Máiz.

“Aínda que internet continúa tendo claramente o potencial de promover a mobilización para o cambio político, os gobernos poden impedir este efecto”

Nin apocalíptica nin integrada, a investigación conclúe que os grupos politicamente marxinados presentan significativamente menores taxas de penetración en comparación con aqueles no poder, “un efecto que non pode ser explicado unicamente por factores económicos ou xeográficos”, sinalan. “Os nosos resultados poñen de manifesto a existencia de impedimentos á chamada tecnoloxía da liberación”, afirman os investigadores, que poñen o acento no papel que xogan os gobernos. Tal como sinala o artigo, na maioría dos países en desenvolvemento os gobernos son o principal, se non o único, provedor dos servizos de telecomunicacións. Ao tempo, en moitos destes países un ou máis grupos étnicos manteñen o poder político a expensas de marxinar os outros, “o que permite que a tecnoloxía de Internet se implemente en beneficio duns grupos en detrimento doutros”. 

"As cousas funcionan precisamente ao revés: é a política a que pode deseñar tecnoloxías emancipatorias"

“Aínda que internet continúa tendo claramente o potencial de promover a mobilización para o cambio político, os gobernos poden impedir este efecto”, conclúe Baleato, “o que debería levar aos estudosos dos efectos da comunicación tecnolóxica a reconsiderar as circunstancias nas que Internet pode realmente contribuír ao cambio político”. Confiar na tecnoloxía como ferramenta de liberación é como pensar que a auga pode liberar os peixes. É unha perspectiva errada. As cousas funcionan precisamente ao revés: é a política a que pode deseñar tecnoloxías emancipatorias", resume.

"O movemento do 15M foi explicado como o resultado de Internet, pero os cambios no sistema político que podemos ver nas propostas de novos partidos como Podemos ou Ciudadanos son meramente superficiais"

Cales son os límites prácticos ás posibilidades que en teoría achega Internet para a mobilización política e social, a contrainformación e a fiscalización dos grandes poderes?

En canto ao potencial de mobilización da rede para o cambio político, eu recoñezo que son bastante escéptico. Por exemplo, no contexto da miña tese sobre tecnoloxía política, detectei que se por unha parte Internet incrementa a capacidade dos grupos para mobilizarse, incrementa aínda máis as capacidades dos servizos de intelixencia para neutralizar as protestas. Se nos fixamos na Primavera Árabe por exemplo, o que vemos é que os cambios logrados teñen moi pouco percorrido. O mesmo sucede nos países democráticos que viron as mobilizacións derivadas da crise económica. En España por exemplo o movemento do 15M foi explicado como o resultado de Internet, pero os cambios no sistema político que podemos ver nas propostas de novos partidos como Podemos ou Ciudadanos son meramente superficiais, pois o incremento na fragmentación do espazo electoral, que é o único resultado visible, non ten relación directa nin coa capacidade de reforma institucional nin coa de formulación de políticas públicas innovadoras, ambas cuestións que seguen lucindo pola súa ausencia. Por non mencionar o uso de sistemas de voto electrónico, que dende os anos setenta sabemos que tivo como principal efecto o aumentar a capacidade de fraude dos sistemas decisionais. A xulgar polo que me estou atopando, estou empezando a ver a teoría da liberación tecnolóxica como un mito. E os datos do estudo parecen confirmar a tese.

"As desigualdades no acceso acentúan as que o sistema xera no ámbito económico, político e social"

Que efectos teñen estas barreiras na vida cotiá das persoas, nos seus dereitos políticos e na súa calidade de vida?

O principal problema é que as desigualdades no acceso acentúan as que o sistema xera no ámbito económico, político e social. O exemplo máis claro está na cuestión das habilidades que son precisas para acceder a salarios que permitan a elevación no ascensor social: alguén sen cartos para pagar a conexión queda privado das posibilidades de adquirir os coñecementos e habilidades que despois son requiridos para acadar as competencias sociais e laborais, o que envía a estas persoas ás zonas inferiores do benestar. Cando este mecanismo se aplica non a individuos senón a grupos sociais enteiros, o problema agudízase en forma de segregación e marxinalidade.

"Cando este mecanismo se aplica non a individuos senón a grupos sociais enteiros, o problema agudízase en forma de segregación e marxinalidade"

Que diferenzas atopades entre as distintas rexións do mundo? Detéctase esta mesma fenda nas zonas desenvolvidas? Ten outras características?

Sobre países en desenvolvemento, a nosa análise centrouse en grupos étnicos, polo que non foi necesario agregalos por países ou rexións. O que si fixemos foi observar a relación agregada entre desenvolvemento económico e o nivel democrático coa penetración de Internet. Establecendo o límite do subdesenvolvemento nun PIB per capita de 1000 dólares anuais, e a democracia na metade do índice Polity, o que vemos é que a aceleración na conectividade increméntase a maiores taxas de desenvolvemento económico, cun comportamento semellante para maiores niveis de democracia. Isto podería dar a impresión de que a conectividade é unha función do desenvolvemento. Porén, ao desagregar os casos en detalle e normalizar os datos avaliando os casos en relación á media dos seus países en cada mostra temporal, o efecto desenvolvemento -e todos os demais- desaparecen, deixando ao descuberto a exclusión política como principal factor explicativo do grao de conectividade. En resumo, que o factor económico non resulta relevante, comparado coa influencia da exclusión política que é o factor determinante.

"O novo método ten moito potencial tanto científico como comercial, así que a miña prioridade agora é atopar algún centro de investigación interesado en mellorar a precisión e a súa aplicación práctica"

Que indicadores e ferramentas empregastes para chegar ás vosas conclusións?

Comparamos o grao de exclusión social dos grupos co seu nivel de penetración de Internet e outros factores como o desenvolvemento económico, ou o grado de urbanización. A principal innovación científica do artigo son as estatísticas de penetración de Internet, que empregamos no artigo por primeira vez. Precisamente esa foi a miña contribución, realizar a estimación da penetración de Internet dos grupos en todo o planeta. Desenvolvino no marco dunha estadía doutoral en Konstanz en colaboración coa ETH de Zurich, e presenteino o ano pasado na Universidade de Nova York. Despois dun ano probas e calibrado, é a primeira vez que decidimos usalo. O novo método ten moito potencial tanto científico como comercial, así que a miña prioridade agora é atopar algún centro de investigación interesado en mellorar a precisión e a súa aplicación práctica. Neste artigo describo o método empregado. Utilizo un sistema de análise espacial baseado en GIS (Geographic Information Systems, ou Sistemas de Información Xeográfica) aplicado a Big Data. Traballamos sobre os metadatos extraídos do tráfico global de Internet, o cal nos permite observar o tráfico realmente existente. Isto ten varias vantaxes. Primeiro, permítenos obter medicións de calquera área do planeta, por moi remota e pequena que sexa, e ademais observar a evolución de Internet nunha determinada zona incluso por días. Segundo, a estimación produce estatísticas globais de moita de moita maior resolución que as dispoñibles polos organismos oficiais. Finalmente, as estatísticas está libres de nesgos políticos: isto é importante, pois as estadísticas oficiais poden estar manipuladas por exemplo para obter mais subvencións ao desenvolvemento. Trátase do método que actualmente ofrece unha maior resolución tanto espacial como temporal.

"A OCDE amosa impactos negativos moi preocupantes, coma o impacto da robotización na perda de postos de traballo que o ciclo da innovación non está sendo capaz de suplir"

Un exceso de confianza nas posibilidades da tecnoloxía para garantir a pluralidade informativa ou para promover a democratización pode ter consecuencias contraproducentes?

Confiar na tecnoloxía como ferramenta de liberación é como pensar que a auga pode liberar os peixes. É unha perspectiva errada. As cousas funcionan precisamente ao revés: é a política a que pode deseñar tecnoloxías emancipatorias. Fechar os ollos a iso resulta contraproducente como dis, e facilita as derivas autoritarias porque a capacidade a represión da contestación é moito maior. E o caso político non é mais que a punta do iceberg do caso económico, onde as perspectivas dunha recuperación económica dirixida pola tecnoloxía están sendo desmentidas pola OCDE, que amosa impactos negativos moi preocupantes, coma o impacto da robotización na perda de postos de traballo que o ciclo da innovación non está sendo capaz de suplir, a inadecuada formación en novas tecnoloxías e todas as problemáticas fiscais e laborais derivadas de la emerxencia das plataformas de intermediación como Uber, Airbnb e semellantes. Moito me temo que a fe na liberación tecnolóxica é unha crenza estendida, pero a evidencia empírica o que nos está amosando é precisamente o contrario.

"Igual que se fechan as cartas dentro dun sobre cando as mandamos por correo, hai que encriptar os datos. Pode soar complicado, pero é tan fácil como instalar o Telegram no móbil"

De que xeito se poden reducir esta discriminación de orixe?

Nos países en desenvolvemento: promovendo políticas de axuda a desenvolvemento tecnolóxico que condicionen as axudas á equidade na distribución do acceso ao Internet. En todos os países: neutralizando as fendas dixitais de cada lugar, no caso galego as de idade, as territoriais e as de xénero; promovendo regulacións estritas de protección de datos persoais e da privacidade; e adoptando usos tecnoloxicamente responsables, fundamentalmente a encriptación das comunicacións, que é unha responsabilidade individual. Igual que se fechan as cartas dentro dun sobre cando as mandamos por correo, hai que encriptar os datos. Pode soar complicado, pero é tan fácil como instalar o Telegram no móbil, que xa encripta as conversas privadas automaticamente (pero non as de grupo), e outras como Signal encriptan todo automaticamente.

 

Suso Baleato Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.