Unha hora menos en Galicia (e agora tamén en toda España)

Reloxo nunha igrexa galega CC-BY-ND Ricardo Samaniego

O Congreso avoga por que o Estado español adopte o mesmo horario que Portugal, Canarias ou o Reino Unido. Esta é a petición que a Comisión de Igualdade da Cámara trasladou ao Goberno e que forma parte dun amplo informe sobre "a racionalización dos horarios, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e a corresponsabilidade", elaborado por varios expertos e consensuado polos partidos. Que Galicia -e España- conten cunha hora menos é xa unha opción máis que probable e defendida pola maioría do arco parlamentario, incluído o PP. Hai sete anos, a asemblea nacional do BNG aprobara incluír no seu documento de tese unha emenda na que reclamaba que se lle aplicase ao país "un fuso horario galego" adaptado á súa "hora natural" e á súa situación xeográfica e idéntico ao de Lisboa. Daquela, os populares ridiculizaran a proposta e preguntaban se sería debatida, os socialistas cualificábana de "cousa menor sen importancia" e a dereita mediática falaba de ideas de "iluminados nacionalistas" nas que vían pretensións diferenciadoras propias de "tolos". Feijóo falaba dunha proposta "peregrina" e José Blanco, daquela ministro, dunha "chorrada".

Aplicando criterios xeográficos, que Madrid ou Barcelona (pero máis aínda A Coruña ou Vigo) teñan a mesma hora que Berlín ou Praga é pouco entendible. De feito, o horario medio de Greenwich ou GMT é o horario solar medio no Observatorio Real de Greenwich e que equivale a cero graos de lonxitude. Este meridiano cruzaría a costa mediterránea española, polo que tanto España como Francia, Gran Bretaña e Portugal deberían manter un mesmo horario.

O BNG propuxo en 2006 un "fuso horario galego" que se adaptase "á hora natural" e a iniciativa fora ridiculizada polo resto de partidos

Segundo o informe aprobado no Congreso, o Goberno debería analizar a incidencia social e económica dun cambio de fuso horario en España "recuperando a antiga vinculación ao fuso horario de Greenwich" e pide que se estude tamén unha modificación dos horarios laborais co fin de facilitar a conciliación. PP, CiU, PNV, UPyD e o Grupo Mixto votaron a favor -aínda que este último por erro, xa que queríase abster- mentres que IU e PSOE abstivéronse ao non incluírse no informe o influxo da reforma laboral e dos recortes na falta de conciliación.

A adecuación na medida do posible do horario real ao solar implicaría tamén un importante aforro enerxético, tal e como defendera o BNG en 2006 e o autor da protesta, o daquela militante do Bloque en Ourense, Lito Prado, que agora contempla sorprendido a aposta no Congreso por unha proposta súa que daquela foi ridiculizada "e que na que poucos acreditaban". "Incluso podería dicir que foi aproveitada por algúns para non falar doutras cousas máis importantes daquel cónclave nacionalista", conta.

Lito Prado lembra que a reivindicación para que Galicia adoptase o horario GMT "chegou ao ámbito político despois de moito loitar no ámbito ecoloxista". "Sempre se nos denostaba por unha idea que xurdía dunha inquedanza xa histórica no ecoloxismo; como viamos que non conseguiamos nada, os que estabamos tamén implicados en organizacións políticas decidimos levalo a ese foro", lembra. Foi así como presentou a iniciativa na asemblea comarcal do BNG de Ourense, que logo a trasladou á asemblea nacional, onde foi apoiada maioritariamente. "Non foi aceptado porque houbese un claro convencemento, senón pola nosa insistencia", engade.

Lito Prado, ex militante do BNG autor da proposta en 2006, lembra que a iniciativa "xurdiu do ámbito ecoloxista e non do político"

Prado insiste en que a proposta "nada tiña que ver cun tema identitario ou de diferenciación cultural, senón "para evitar o despilfarro enerxético e afondar na racionalización de horarios". Con motivo do último cambio de hora o pasado mes de marzo, a propia Conselleira de Economía recoñecía que Galicia aforraba un 1% no sector doméstico e sobre un 3% no sector servizos, mentres que a diminución total do consumo eléctrico é tan só do 0,4%, moi lonxe da que que se dá no conxunto do Estado, que é do 5%, tal e como estima o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).

 

Un horario irracional froito da afinidade de Franco con Hitler

"Ter a mesma hora que Portugal xa suporía un aforro enerxético brutal e se queremos empezar a ter menos dependencia dos combustibles fósiles, temos que empezar por aí, pero é certo que o caso de Galicia aínda é máis extremo; non esquezamos que cando en Cataluña xa é de noite, aquí aínda queda bastante tempo para o solpor", lembra Prado, que recorda os cualificativos recibidos nalgúns medios de comunicación hai oito anos. "Chamáronnos iluminados e aludían sempre ao nos suposto interese de diferenciarnos doutras culturas, pero en Galicia non precisamos nada para saber que somos diferentes", di quen vía -e ve- "ridículos" os argumentos que xustifican manter o horario actual. "A fronteira entre Portugal e o país é unha das de maior actividade económica en Europa e non vexo que os empresarios poñan problemas porque no Porto hai unha hora menos", explica.

Foi Franco, en 1940, quen decidiu adoptar o horario da Alemaña nazi pola súa afinidade ideolóxica con Hitler

"O problema é cando a todo se lle quere ver unha intención política", insiste Lito Prado, que repara no feito de que o actual horario do Estado fose adoptado tras unha decisión "unicamente política" por parte do ditador Francisco Franco. Concretamente, pola afinidade ideolóxica do franquismo co réxime nazi alemán. Foi o 7 de marzo de 1940 cando o Boletín Oficial do Goberno publicou a orde na que ordenaba que se adiantase en 60 minutos un horario que ata daquela era común ao dos países da súa contorna.

Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, todos estes estados europeos decidiron manter un mesmo horario centroeuropeo, ao que se sumaron logo Andorra, Xibraltar e Mónaco. España, cuxa localización xeográfica non se correspondía en nada coa hora adoptada, mantivo unha hora máis do que lle correspondía e síguea mantendo máis de setenta anos despois. Unha desfeita que agora pode ser corrixida.

Mapa de fusos horarios en Europa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.