"A crítica ao cambio de hora é un terraplanismo. Moitos non entenden que significa que a Terra sexa redonda"

Imaxe do cambio de hora -do horario de inverno ao horario do verán- sobre un solpor na Mariña da Coruña © Montaxe: Praza.gal. Foto: Concello da Coruña

Esta madrugada cambia a hora, de xeito que ás dúas, serán as tres. O obxectivo é aproveitar mellor as horas de luz polas tardes, no tempo dedicado ao lecer. Con todo, o cambio estacional de hora recibe moitas críticas polo efecto negativo que ten sobre o organismo nos días posteriores ao cambio

Na madrugada do sábado ao domingo cambia a hora, entrando no horario de verán. Ás dúas, serán as tres, de xeito que amencerá máis tarde e tamén se alongará a tarde e chegará despois o solpor. O obxectivo desta medida, iniciada no ano 1974 para aforrar enerxía, é aproveitar mellor as horas de luz polas tardes, no tempo dedicado ao lecer. 

Con todo, o cambio estacional de hora recibe moitas críticas polo efecto negativo que ten sobre o organismo nos días posteriores ao cambio, alterando os ritmos biolóxicos e empeorando o sono e tamén polo escaso aforro enerxético que supón, un factor que apenas xa non se ten en conta.

No pasado quedou unha iniciativa da Unión Europea para suprimir o cambio horario, baseada nunha consulta cidadá de escasa participación que avogou pola supresión. Porén,  xurdiron dúbidas de todo tipo, comezando polas críticas de expertos que defendían o mantemento do cambio estacional e reclamaban un debate rigoroso sobre o asunto. E, sobre todo, abriuse un intenso debate entre as posicións que apostaban por establecer de forma permanente o horario de verán e aqueles que preferían o horario de inverno. En España o 58% apostaron polo horario de verán, que tamén recibiu o 79% dos votos en Portugal. Noutros países, como Finlandia e Dinamarca, optouse polo horario de inverno.

O profesor Jorge Mira © USC

“O cambio de hora funcionou durante cen anos sen perturbacións graves. O problema é que nos últimos anos se asociou só ao aforro de enerxía cando, en realidade, é un mecanismo natural de adaptación”

Jorge Mira, físico e catedrático da área de Electromagnetismo da USC, é un dos investigadores que nos últimos anos realizou máis achegas científicas a este debate, defendendo a conveniencia do cambio horario. Xunto con José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, vén de publicar na revista Royal Society Open Science o artigo Assessing the best hour to start the day: an appraisal of seasonal daylight saving time. O texto, que foi tamén destacado na revista Science, é unha defensa do cambio horario nun momento no que o debate sobre a súa pertinencia se abriu nos Estados Unidos (que mudou a súa hora o pasado 9 de marzo), avogando o presidente Donald Trump por suprimir esta práctica

Mira e Martín Olalla reivindican a vixencia da medida e explican que o cambio horario serve para sincronizar a luz matinal co organismo humano, facilitando a adaptación ao desprazamento do mencer e do solpor. “O cambio de hora funcionou durante cen anos sen perturbacións graves. O problema é que nos últimos anos se asociou só ao aforro de enerxía cando, en realidade, é un mecanismo natural de adaptación”, sinala o profesor Martín-Olalla. 

"O rexeitamento ao cambio de hora é unha especie de terraplanismo funcional. Aínda que a xente saiba que a Terra é redonda, moitos semellan non comprender o que iso significa e o efecto que iso ten", sinala Jorge Mira

O cambio de hora é necesario para adaptar os nosos ritmos vitais aos cambios que a luz solar experimenta ao longo do ano nas nosas latitudes, onde no verán amence moito máis cedo que no inverno e se pon o sol moito máis tarde. "O cambio estacional de hora agroma como unha reacción natural da sociedade para axustarse mellor ás variacións de luz", comenta Jorge Mira, lembrando que antes de que os reloxos definisen os nosos horarios, o cambio estacional non era necesario. Porén, dado que agora nos rexemos por "un reloxo mecánico que non varía estacionalmente", este "debe ter unha adaptación" para non desaxustarse dos ritmos naturais, marcados polo Sol.

"Aínda que o reloxo é un invento vello, o poder do reloxo como controlador masivo dos tempos da sociedade non ten máis que unhas poucas décadas. España non tivo hora oficial ata 1901, porque ata ese momento non era necesario ter unha hora coordinada, porque ata a chegada do tren e doutras tecnoloxías non había nada que correlacionase un extremo e outro do territorio", explica.

Porén, a partir do momento en que se establese unha hora de referencia, comeza a necesidade de facer axustes estacionais para acompasar os horarios de traballo e comerciais coa hora solar, unha necesidade que os críticos co cambio de hora non comparten. "O rexeitamento ao cambio de hora é unha especie de terraplanismo funcional. Aínda que a xente saiba que a Terra é redonda, moitos semellan non comprender o que iso significa e o efecto que iso ten. A Terra non só é unha bola que dá voltas sobre si mesma, senón que ten o eixo de rotación torcido", critica Mira, sinalando a moi diferente duración do día e da noite no verán e no inverno.

En Galicia ficar todo o ano co actual horario de verán (UTC +2) suporía que o Sol sairía despois das das dez da mañá o 21 de decembro. Porén, de igual xeito, ficar todo o ano co actual horario de inverno (UTC +1) adiantaría a saída do Sol en xuño a antes da seis da mañá e en setembro o solpor chegaría ás sete e media

As propostas para eliminar o cambio de hora adoitan recibir un grande apoio ata que se poñen enriba da mesa as consecuencias e as dúas opcións resultantes: quedarmos entón co horario de verán ou o de inverno? No caso de Galicia, por exemplo, ficar todo o ano co actual horario de verán (UTC +2) suporía que o Sol sairía máis tarde das dez da mañá o 21 de decembro (10:01 en Santiago). Porén, de igual xeito,  ficar todo o ano co actual horario de inverno (UTC +1) adiantaría a saída do Sol en xuño a antes da seis da mañá e en setembro o solpor chegaría ás sete e media, acurtando notablemente as tardes nun mes empregado como período vacacional e de lecer.

Porén, o debate sobre a conveniencia de suprimir o cambio estacional de hora permanece, apoiado sobre todo nas negativas consecuencias que esta modificación ten sobre o organismo, especialmente sobre a calidade do sono nos días posteriores ao cambio.

"A evidencia científica dispoñible indica que manter un horario permanente é a mellor opción para a saúde pública e que o horario de inverno mellora o noso sono", defende a  catedrática de Medicina da USC María Rosaura Leis Trabazo 

Precisamente, a pasada semana a catedrática de Medicina da USC María Rosaura Leis Trabazo participou con Jorge Mira nun debate público sobre o cambio de hora, organizado en Santiago pola Sociedad Económica de Amigos del País. Neste encontro, a tamén presidenta da Fundación Española da Nutrición indicou que "o cambio de hora fai que o noso reloxo interno tarde varios días en reaxustarse, o que implica un período de adaptación durante o que moitas persoas manifestan irritabilidade, falta de concentración, baixo rendemento e insomnio".

Leis Trabazo, que recomenda suprimir o cambio horario e establecer de forma permanente o horario de inverno, advirte de que "a escuridade pola mañá e a luminosidade pola noite atrasan o noso reloxo interno e o desaxustan", podendo provocar tamén patoloxías asociadas á falta de sono ou á súa mala calidade.

"A evidencia científica dispoñible indica que manter un horario permanente é a mellor opción para a saúde pública e que o horario de inverno mellora o noso sono, será máis saudable para o noso corazón, o noso peso, a nosa saúde mental e asóciase ademais con menor consumo de tabaco e alcol, así como con maior rendemento escolar e laboral", concluíu.

Liñas do mencer no inverno (esquerda) e no verán (dereita) © José María Martín Olalla

Jorge Mira sinala que rexeitar a mudanza horaria pola existencia dun prexuizo puntual sobre o sono sería "coma se ti rexeitas as vacinas porque teñen algúns efectos secundarios leves"

Independentemente da existencia destes efectos negativos temporaos, Jorge Mira defende a continuidade do cambio de hora estacional polas súas múltiples vantaxes ao longo de todo ano. Mira sinala que rexeitar a mudanza horaria pola existencia dun prexuizo puntual sobre o sono sería "coma se ti rexeitas as vacinas porque teñen algúns efectos secundarios leves".

"A hora do amencer na nosa latitude varía da orde de tres horas e cuarto cada seis meses, polo que a vida natural na nosa latitude fai que a vida se active de modo distinto no inverno que no verán e, en consecuencia, eliminar o cambio estacional de hora forzaría aos seres humanos a seguir un patrón fixo todo o ano", conclúe Mira, para quen manter a mesma hora todo o ano na nosa latitude (outra cousa é o que sucede nos trópicos ou preto dos polos) sería como "obrigar á poboación a andar con abrigo todo o ano, tamén no verán, ou de sandalias todo o ano, tamén no inverno"

E que facemos co fuso horario? Cambiámolo para forzar unha mellor conciliación?

Mira cre que, de mudar a hora para termos o fuso no que actualmente está Portugal, produciríase un movemento de horarios para compensar o adianto, de xeito que ao final a actividade volvería ao mesmo punto do que partía

Un debate completamente distinto, aínda que se refiran a cuestións semellantes, é o do fuso horario que Galicia e o conxunto do Estado español deben ter. En todo caso, Jorge Mira amósase moi crítico coas voces que se introducen neste debate sen o necesario rigor científico e lembra que o fuso horario escollido, o nome que lle damos ás distintas partes nas que dividimos o día, é unha convención, un estándar.

Fai fincapé en que, de mudar a hora para termos o fuso no que actualmente está Portugal, Canarias ou as Illas Británicas, produciríase un movemento de horarios para compensar o adianto, de xeito que ao final a actividade volvería ao mesmo punto do que partía, pero cun nome distinto. É dicir, para non perder unha hora de Sol polas tardes (pois nese horario o Sol poríase unha hora antes), os horarios laborais tenderían a adiantarse unha hora, entrando e saíndo do traballo unha hora antes, pero co mesmo aproveitamento solar.

"A xente prefire madrugar para ir ao traballo, se con iso ten horas de luz polas tardes para gozar do lecer, facer deporte, ir ao parque cos fillos...", apunta, en relación a un hipotético cambio de horarios provocados por un cambio no fuso horario.

Comparativa do ritmo de traballo entre España (azul) e Francia (vermello) © J.M. Martín Olalla

"O ritmo diario de activación de países que están na mesma latitude de España, que son cos que se pode establecer a comparación, como Italia, amosa que os nosos horarios son os mesmos, axustados á hora solar"

Destaca, igualmente, en que é "unha cuestión que depende da latitude", polo que non se pode comparar o que pase na Península Ibérica cos horarios seguidos en París ou Berlín. "O ritmo diario de activación de países que están na mesma latitude de España, que son cos que se pode establecer a comparación, como Italia, amosa que os nosos horarios son os mesmos, axustados á hora solar", indica. 

Mira rexeita finalmente a necesidade de aproveitar un hipotético cambio do fuso horario para forzar unha mudanza nos horarios, de cara a -por exemplo- adiantar a hora de saída do traballo ou a hora de inicio do sono. "Mellorar a conciliación non require alterar o fuso, só require mellorar a conciliación", resume.

Cando é mellor facer o cambio de hora?

Na investigación publicada por Jorge Mira e José María Martín Olalla, os dous investigadores a indican ademais que a primeira fin de semana de abril e a primeira de outubro (dúas semanas despois de cada equinoccio) serían as máis adecuadas para efectuar a mudanza horaria

Na investigación publicada por Jorge Mira e José María Martín Olalla, os dous investigadores a indican ademais que a primeira fin de semana de abril e a primeira de outubro (dúas semanas despois de cada equinoccio) serían as máis adecuadas para efectuar a mudanza horaria. 

O cambio estacional faise coincidindo cos equinoccio porque son o momento do ano no que "a taxa de variación da duración do día é máis rápida", explica Mira. Porén, mentres que o cambio na primavera si se achega moito ao cambio de estación, aínda que "podería facerse unha semana despois", o cambio no outono "si que debería adiantarse tres semanas" para ser máis eficiente. 

Mira explica que, ao comezo, Europa facía o cambio de hora a finais de setembro coa única excepción do Reino Unido e Irlanda, que o facían a finais de outubro. "Curiosamente toda Europa axustouse ao sistema das Illas Británicas e así o mantivo dende entón", engade.

Reloxos do mundo, no Parque do Pasatempo CC-BY-SA Óscar (xindilo/fotosderianxo)

"En Finlandia o cambio horario non lles achega nada, o mesmo pasa en Florida. Outra cousa moi distinta é o que sucede nas latitudes medias, coma a nosa, onde o cambio horario é moi necesario", conclúe

Noutro traballo publicado tamén nos últimos días, Jorge Mira Pérez e José María Martín Olalla analizan que na devandita consulta convocada pola UE sobre a supresión do cambio horario, a cidadanía dos países que en maior medida apoiou a eliminación desta ferramenta correspondeu a territorios que iniciaban a súa actividade máis cedo.

"En Finlandia o cambio horario non lles achega nada porque en boa parte do país no tempo dos equinoccios a luz solar varía case unha hora nunha semana, mentres que en Galicia a variación é de tres minutos cada día. Para que vas cambiar a hora se nunha semana vas estar igual?", explica Mira. 

"O mesmo pasa en Florida, nunha latitude case tropical, dende onde precisamente se está impulsando a supresión do cambio de hora nos Estados Unidos, onde apenas varía o mencer e o solpor ao longo do ano. Por iso aí o cambio de hora case non ten utilidade", engade. "Outra cousa moi distinta é o que sucede nas latitudes medias, coma a nosa, onde o cambio horario é moi necesario", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.