A Xunta di agora que recibiu o embaixador israelí para "avogar por solucións ao drama" en Gaza

Poboación refuxiada e infraestruturas destruídas polos bombardeos israelís en Gaza, a pasada primavera de 2025 © UNRWA

En maio o director de Exteriores do Goberno galego e a vicepresidenta do Parlamento celebraron encontros co representante diplomático israelí sen incluíreno nas súas axendas públicas

O pasado maio visitou Galicia o encargado de negocios da embaixada de Israel en España e, dende 2024, tamén embaixador en funcións do estado hebreo, Dan Poraz. A viaxe incluíu un encontro con algúns medios de comunicación e tamén senllas recepcións oficiais nas dúas principais institucións galegas, a Xunta e o Parlamento, sen que ningunha delas o incluíse nas súas axendas públicas nin desen detalles sobre o motivo e asuntos tratados nuns encontros celebrados mentres Israel perpetra masacres diarios contra poboación civil en Gaza.

Esas reunións suscitaron fortes críticas dos grupos da actual oposición, que pediu contas ao Goberno a través de iniciativas parlamentarias que empezan a ter resposta por parte da Xunta. Entre elas, que en realidade aproveitou o encontro con Poraz para "avogar" por "solucións" para o que define como "drama" en Gaza.

O director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo (dereita), recibindo a Dan Poraz, embaixador israelí en funcións, o pasado 28 de maio en instalacións do Goberno galego CC-BY-SA Xunta

Unha desas preguntas foi formulada por Iria Taibo, deputada do BNG, que instou a Xunta a aclarar "cal foi o obxectivo da recepción" ao embaixador israelí tanto por parte do Goberno, onde se reuniu co director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; como polo Parlamento, onde a encargada de recibilo foi a vicepresidenta da Mesa, Elena Candia (PP), sen "comunicar esta recepción aos grupos parlamentarios". "Son conscientes o Goberno galego e a presidencia do Parlamento do xenocidio que está a cometer o estado de Israel contra o pobo palestino?", cuestionou a deputada.

"Son conscientes do xenocidio que está a cometer o estado de Israel contra o pobo palestino?", pregunta o BNG á Xunta, que afirma agora que "transmitiu o rexeitamento ao estado da situación humanitaria que se vive en Gaza"

Na súa resposta, redactada pola Consellería de Presidencia -o departamento de Relacións Exteriores depende organicamente da área que dirixe Diego Calvo, o Goberno galego indica que "ten como proceder habitual recibir os representantes diplomáticos dos diferentes países recoñecidos por España e cun corpo diplomático e/ou consular acreditado no territorio nacional". E neste caso, agrega, "valorou o encontro" co embaixador de Israel "como relevante" para, "entre outros motivos, trasladar o seu posicionamento sobre o conflito".

"De feito, entre outros aspectos, o representante da Xunta transmitiu o rexeitamento ao estado da situación humanitaria que se vive na Faixa [de Gaza] e avogou por unha solución urxente para este drama", asegura agora Presidencia. No breve comunicado que divulgou sobre a reunión con Poraz despois que se producise, a Consellería indicara que a reunión estivera centrada na "actualidade política, económica e comercial entre Galicia e Israel".

Unha familia palestina, fuxindo dos bombardeos israelís en Gaza, a pasada primavera © UNRWA

O BNG contextualizaba a súa pregunta lembrando "as máis de 50.000 persoas asasinadas" por Israel en Gaza dende o comezo da ofensiva e ese dato é tamén resaltado por outra das iniciativas ao respecto que a Xunta tivo que responder nas últimas semanas, formulada pola deputada Patricia Rey, do PSdeG. "A data de maio de 2025, máis de 54.000 persoas foron asasinadas en Gaza, entre elas polo menos 16.200 nenos e nenas", resaltou para preguntar "que posición ten a Xunta en relación ao xenocidio que Israel está a perpetrar en Gaza".

En resposta ao PSdeG, o Goberno galego asegura que a súa postura sobre o "conflito" inclúe "rexeitar os ataques perpetrados por Hamás" e a "liberación dos reféns israelís e dos presos palestinos"

A contestación, rexistrada o mesmo día que a dirixida ao BNG, chega tamén de presidencia e afirma que "a postura do Goberno galego" sobre o que denomina como "conflito" é "clara dende o primeiro momento". "Así -continúa o documento- rexeita os ataques perpetrados polo grupo terrorista Hamás o 7 de outubro de 2023" e "avoga pola apertura de corredores humanitarios que permitan a chegada da axuda á poboación civil sen obstáculos".

A Xunta, asegura, tamén apoia o "cesamento das actividades militares en contra da poboación civil" e a "negociación dun alto o fogo entre as partes", así como a "liberación dos reféns israelís e dos presos palestinos" e "por evitar unha escalada rexional do conflito". O texto evita cualificar como xenocidio as accións israelís en Gaza.

 En anos previos, o PP galego apoiara no Parlamento iniciativas como sucesivas declaracións institucionais que apoiaban aspectos coma o dereito ao retorno da poboación palestina expulsada das súas terras por Israel. Unha destas declaracións, en 2014, dera lugar a que o daquela embaixador de Israel en España sinalara a Cámara galega como un dos seus "inimigos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.