Rueda defende a reunión co diplomático sen avisar ao Ministerio de Exteriores pero admite que a violencia israelí debe ter un límite
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, defendeu este luns que a Xunta recibise a semana pasada o embaixador en funcións de Israel en España en pleno masacre da poboación de Gaza. Segundo Rueda, Israel é "un país co que España mantén relacións diplomáticas" e a Xunta actuou como fai "ante unha petición de entrevista" de calquera outro país coa mesma condición.

O presidente da Xunta si admitiu que non se comunicou o encontro ao Ministerio de Exteriores do Goberno de España, malia as malas relacións que se veñen evidenciando entre os dous estados nos últimos meses. Segundo Rueda, a Xunta si comunica ao ministerio "cando temos saídas fóra", pero non cando se recibe a representantes doutros estados.
Sobre as críticas recibidas polo encontro entre o embaixador en funcións e o director xeral de Relacións Exterior e coa UE, Jesús Gamallo, o presidente dixo que respecta todas as opinións, pero que "leccións de ética e moral dos de sempre non teñen que ser admitidas". O presidente mesmo admitiu estar disposto a recibir críticas "con sinceridade", pero "os que sempre dan leccións de ética e moral, a eses non o admito", diferenciando así os principios éticos e morais en función non do seu contido ontolóxico senón de quen os defende.
Porén, o presidente foi preguntado sobre se a violencia que está a despregar Israel en Gaza ten que ter un límite. "Si, sen dúbida", foi toda a súa resposta.