"O 70% das vivendas en Gaza foron destruídas, o mesmo que máis do 90% dos hospitais e o 85% das escolas. Tamén está destruída toda a rede de auga e saneamento. Estamos a levar a cabo reparacións de pozos de auga para poder abastecer á poboación porque esta é outra das carencias máis importantes agora mesmo: a auga potable"
O pasado 15 de xaneiro Israel e Hamás acordaron un alto o fogo que puxo fin á invasión de Gaza que nos 15 meses anteriores provocou a morte dunhas 50 mil persoas na Franxa, entre eles case vinte mil nenos e nenas. Porén, o remate das operacións militares do exército israelí non supón a fin do sufrimento para a poboación palestina. O territorio está practicamente destruído, con centos de milleiros de persoas sen fogar, decenas de milleiros de persoas feridas e a incerteza sobre o seu futuro, incrementada polas recentes declaracións de Donald Trump nas que avoga por unha limpeza étnica en Gaza.
O traballo das organizacións de axuda humanitaria e de cooperación para o desenvolvemento vén sendo fundamental para a poboación palestina. E aínda o é máis nestas circunstancias. Raquel Martí, directora executiva de UNRWA España (a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados), estivo esta semana na Coruña nun acto organizado por Amnistía Internacional Galicia.
O faladoiro “Gaza. O xenocidio a vista de todos”, celebrado no centro Fonseca, Martí falou con Esteban Beltrán, director da Sección Española de Amnistía Internacional, nunha conversa moderada pola xornalista de Radio Coruña-Cadena SER Teba Chacón. Falamos con ela sobre a situación que se segue a vivir en Gaza, o traballo que realiza a UNRWA en Palestina e os ataques que a organización das Nacións Unidas vén sufrindo por parte de Israel nos últimos meses.
Cal é a situación en Gaza. Levamos varias semanas de cesamento do fogo, pero nos últimos meses Israel asasinou a decenas de miles de persoas, feriu a moitas máis e destruíu os seus fogares e infraestruturas. Está a entrar axuda humanitaria? Puideron empezar os traballos de reconstrución? Cales son as principais necesidades que estades a atender?
A axuda humanitaria está a entrar, Israel está a cumprir co pactado durante o cesamento do fogo, están a entrar entre 600 e 800 camións diarios. O que pasa é que non está a entrar na cantidade que nós desexariamos. Dada a magnitude das necesidades da poboación palestina, dado que perderon absolutamente todo e necesitan absolutamente de todo, 600 ou 800 camións diarios para unha poboación de 2.200.000 persoas que o necesitan todo non é suficiente.
E, ollo, o que está a entrar é axuda humanitaria, non está a entrar axuda para a reconstrución, non está a entrar cemento nin materiais de construción, co cal non se está levando a cabo ningunha rehabilitación nin reconstrución. Non estamos nesa fase, pois isto aínda non se pactou por Israel e por Hamas. O 70% das vivendas en Gaza foron destruídas, o mesmo que máis do 90% dos hospitais e as infraestruturas sanitarias ou o 85% das escolas. Tamén está destruída toda a rede de auga e saneamento, as telecomunicacións, as estradas... Estamos a levar a cabo reparacións de pozos de auga para poder abastecer á poboación porque esta é outra das carencias máis importantes agora mesmo na franxa de Gaza: a auga potable.
"A axuda humanitaria está a entrar, pero 600 ou 800 camións diarios para unha poboación de 2.200.000 persoas que o necesitan todo non son suficiente"
Por tanto, a poboación está a vivir practicamente á intemperie en tendas de campaña improvisadas con plásticos ou lonas. Entraron tendas de campaña para máis de cen mil persoas, pero fan falta dez veces máis, posto que moitos están a vivir nas ruínas das súas casas, nas que se cadra non teñen paredes ou teñen un buraco no teito. Isto fai que coa baixada de temperaturas que están a sufrir en Gaza a poboación estea a sufrir moito sen ter onde refuxiarse. De feito, morreron seis nenos por hipotermia nos últimos días e isto é debido a que estes nenos están a durmir en tendas de campaña e non teñen a resistencia suficiente como para poder sobrevivir coas baixas temperaturas.
Estamos a tentar rehabilitar cos medios que temos algunhas das nosas clínicas de saúde que foron danadas durante a ofensiva e estamos a atender unha media de 16.000 consultas diarias en distintos puntos. Ademais, tivemos que facer fronte a unha vacinación de polio e vacinamos xunto con outras axencias de Nacións Unidas a máis de medio millón de nenos e nenas porque a semana pasada atopamos polio nas augas residuais.
"Morreron seis nenos por hipotermia nos últimos días debido a que estes nenos, en tendas de campaña, non teñen a resistencia suficiente para sobrevivir coas baixas temperaturas"
Logo tamén teriamos que falar de que hai centos de miles de persoas enfermas, tanto por enfermidades crónicas pero tamén por enfermidades infecciosas debido ás condicións hixiénico-sanitarias que hai en Gaza, con toneladas de lixo sen recoller e con augas residuais aflorando na superficie. Hai moitísima poboación con diarreas, enfermidades infecciosas na pel, enfermidades pulmonares e non hai suficientes medicamentos nin recursos médicos como para poder atendelas.
Hai máis de 12.000 persoas que necesitan saír de Gaza para poder tratarse, entre elas hai máis de 4.000 nenos. Principalmente son persoas que teñen enfermidades crónicas como o cancro, aínda que tamén hai persoas que sufriron mutilacións e feridas graves que necesitan cirurxías que non se poden aplicar dentro da franxa.

"A ofensiva militar sobre Gaza está empezando a estenderse a Cisxordania. Desde o alto o fogo Israel bombardeou masivamente os campos de refuxiados"
Como é a situación en Cisxordania, que tamén está a sufrir os ataques de Israel?
A ofensiva militar sobre Gaza está empezando a estenderse a Cisxordania. Desde o alto o fogo Israel bombardeou masivamente os campos de refuxiados, de feito Jenin está absolutamente destruído e a práctica totalidade da súa poboación desprazada. Pasou o mesmo en Tubas, outro campo de refuxiados, en Tulkaren e recentemente Israel entrou alí con tanques. Hai máis de 40.000 persoas desprazadas destes campos de refuxiados do norte e estamos moi preocupados que todo este incremento da violencia por parte de Israel teña o obxectivo dunha anexión, polo menos, do norte de Cisxordania.
Estamos a dar apoio e axuda humanitaria a esta poboación desprazada e estamos a facer seguimento de toda esta poboación para poder darlle atención humanitaria e psicolóxica. A inmensa maioría da poboación de Cisxordania está moi preocupada porque está a ver que o que pasou en Gaza pódese repetir alí.
"En Gaza Israel non deixou de atacar as instalacións de UNRWA, asasinando a 283 compañeiros e compañeiras. A semana pasada Israel entrou pola forza nas nosas escolas en Xerusalén e no noso centro de formación profesional"
A poboación palestina leva décadas sufrindo os ataques de Israel, pero nos últimos meses Tel-Aviv traspasou algunhas liñas vermellas. Entre outras cousas, puxo no seu foco ás organizacións humanitarias, como a propia UNRWA, con ataques directos aos traballadores e cunha política de criminalización. En que posición vos deixaron estes ataques?
Habería que dicir que en todos os conflitos as axencias humanitarias e a ONG son lamentablemente atacadas e criminalizadas, non é novo. E no caso do conflito palestino-israel, UNRWA leva sendo atacada por Israel desde hai moitísimos anos. Con todo, o que si é novo é que se incrementou esta criminalización e que Israel cruzou varias liñas vermellas, mesmo chegando a aprobar leis no Parlamento nas que se prohibe a UNRWA traballar no territorio palestino ocupado. Isto contravén a lexislación internacional, as decisións tomadas de forma multilateral na Asemblea Xeral de Nacións Unidas, que son quen outorgan os mandatos ás axencias humanitarias.
A semana pasada Israel entrou pola forza nas nosas escolas en Xerusalén e no noso centro de formación profesional, lanzando gases lacrimóxenos e bombas de aturdimiento aos nenos e as nenas, interrompendo as clases e forzando a que os alumnos e os profesores abandonasen esas instalacións. Con todo, nós seguimos comprometidos a levar a cabo o noso traballo e, de feito, ao día seguinte abrimos as escolas e o centro de formación profesional. Ademais, no norte de Cisxordania nosas escolas están pechadas, posto que moitas delas están dentro dos campos de refuxiados que se destruíron.
En Gaza Israel non deixou de atacar as instalacións de UNRWA, asasinando a 283 compañeiros e compañeiras, pero non fomos os únicos atacados. Tamén atacaron e asasinaron a membros da World Central Kitchen e a membros doutras axencias de Nacións Unidas. As nosas instalacións están en Gaza practicamente destruídas, pero aínda así temos a forza e a vontade de seguir levando a nosa axuda á poboación.
"Estamos estupefactos coas declaracións de Trump nas que propón expulsar a poboación gazatí, co cal estamos a falar dunha limpeza étnica en Palestina. Nunca pensabamos que puidésemos ver a un dirixente internacional facendo ese tipo de declaracións tan obscenas"
Nas últimas semanas asistimos a declaracións sorprendentes por parte de Trump, nas que avoga pola expulsión permanente de toda a poboación de Gaza. Que cambia para Palestina coa chegada de Trump ao poder? Cres que vai supor un punto de inflexión, na dirección que sexa?
A verdade é que estamos estupefactos coas declaracións de Trump, nas que propón facer un negocio inmobiliario na franxa de Gaza, un negocio que probablemente supoña millóns de dólares de beneficio e para o que hai que sacar á poboación gazatí, co cal estamos a falar dunha limpeza étnica en Palestina, dun desprazamento forzoso que está prohibido por parte da lexislación internacional. Nunca pensamos que puidésemos ver a un dirixente internacional facendo ese tipo de declaracións tan obscenas.
Estamos a falar dunha poboación que leva sendo masacrada desde hai 15 meses, con miles de persoas mutiladas, máis de 20.000 orfos e que agora que chegou un momento de tregua, o que oen por parte do dirixente internacional de Estados Unidos é que vai converter Gaza nun resort para turistas. Esperemos que sexan declaracións que non vaian a ningún lado. Outros dirixentes da comunidade internacional xa están a traballar noutros plans para reconstruír Gaza que esperemos que sexan os que se leven definitivamente a cabo.
"Hai ferramentas diplomáticas a disposición de todos os gobernos para poder deter violacións de dereitos como as que leva a cabo Israel. Fíxose con Rusia e non vexo por que non se podería facer con Israel"
Como valoras a posición que mantivo España en relación ao ataque israelí nos últimos meses e na actualidade e en apoio do pobo palestino? Deu algún paso simbólico, pero puiden facer máis? Como valoras, igualmente, a posición da UE?
Por suposto que sempre se pode facer máis, tendo en conta a situación absolutamente miserable na que se atopa o pobo palestino, na que son constantemente vulnerados os seus dereitos. Pero teño que dicir que nós estamos como axencia moi agradecidos á axuda que nos presta España. Aumentou moitísimo o seu financiamento e con todos os ataques que estivemos recibindo por parte de Israel, España sempre saíu a defender, a honrar e porse á beira do sufrimento da poboación palestina.
Pero, como digo, pódese facer moitísimo máis e hai ferramentas diplomáticas a disposición de todos os gobernos para poder deter violacións de dereitos humanos como as que leva a cabo Israel contra o pobo palestino. Fíxose con Rusia e non vexo por que non se podería facer con Israel. O mesmo diría para a Unión Europea: pódese facer moito máis, fixérono con Rusia e evidentemente deberían de facelo con Israel tamén.