A Xunta recibe o embaixador de Israel en pleno masacre de Gaza

O director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo (dereita), recibindo a Dan Poraz, embaixador israelí en funcións, este 28 de maio instalacións do Goberno galego CC-BY-SA Xunta

O director xeral de Relacións Exteriores conversa sobre "actualidade política, económica e comercial" con Dan Poraz, encargado de negocios da embaixada israelí e actual responsable en funcións da legación diplomática, nun encontro non incluído na axenda pública e só divulgado a posteriori

Unha visita diplomática de Israel ao máis alto nivel en pleno masacre en Gaza. A axenda do Goberno galego para este 28 de maio non incluía acto ningún ao respecto, pero a Consellería da Presidencia si deu conta, despois de que sucedese, de que a Xunta viña de recibir "o encargado de negocios da Embaixada de Israel en España", Dan Poraz.

O anfitrión galego neste encontro foi o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. E o seu interlocutor non é na actualidade só o encargado de negocios da embaixada do Estado hebreo. Poraz exerce como embaixador en funcións dende 2024, exercendo o rol que correspondía á embaixadora ata que o Goberno israelí a retirou de Madrid como protesta pola posición do Executivo español sobre a ofensiva en Gaza e o seu recoñecemento ao Estado de Palestina.

Edificios destruídos en Gaza por bombardeos israelís © UNRWA

A referencia da Xunta sobre o tratado por Gamallo con Poraz é mínima. "Analizaron a actualidade política, económica e comercial entre Galicia e Israel", sinala o departamento que dirixe Diego Calvo sobre un encontro con indubidable simbolismo político na actualidade.

Tamén no Parlamento con queixa formal do BNG

Poraz tamén acudiu á sede do Parlamento, cuxa axenda oficial tampouco incluíu mención ningunha a unha visita que non foi comunicada aos grupos. O BNG ve "indecente e inhumano" celebrar estes encontros "mentres recibimos imaxes da limpeza étnica" en Gaza

Poraz non visitou unicamente instalacións oficiais da Xunta. Tamén acudiu á sede do Parlamento, no Pazo do Hórreo, segundo puido confirmar Praza.gal, onde o recibiu a vicepresidenta primeira da institución, a popular Elena Candia, tamén líder do PP en Lugo. A axenda oficial da Cámara tampouco incluíu para este mércores acto ningún ao respecto dunha visita que, pouco despois de transcender, suscitou unha queixa formal do grupo parlamentario do BNG.

Para a vicevoceira do Bloque no lexislativo, Olalla Rodil, é "indecente e inhumano" que "no medio dun xenocidio contra o pobo palestino" e mentres "recibimos cada día imaxes da limpeza étnica" en Gaza, "o PP poña as institucións do pobo galego ao servizo do Estado sionista e terrorista de Israel". Avanza Rodil que, alén de "pedir explicacións" tanto á Xunta como ao Parlamento, o BNG vai formular unha queixa formal na Cámara, toda vez que esta recepción ao representante diplomático israelí non foi comunicada previamente ao resto de grupos, como é costume.

Poboación refuxiada expulsada polos ataque israelís, tentando regresar a Gaza, nunha imaxe divulgada pola UNRWA © UNRWA

Non é a primeira ocasión que o Goberno galego do PP estreita relacións con Israel e tampouco a primeira visita de Poraz ao Parlamento -estivo en 2021, cando foi recibido polo presidente, Miguel Santalices, como acompañante da daquela embaixadora, Rodioca Radian-Gordon. Pero si é a primeira vez que acontece nunha conxuntura como a actual. E a visita chega, asemade, en pleno xiro de relevantes Estados da Unión Europea para condenar as sistemáticas violacións do dereito internacional humanitario por parte do Exército de Netanyahu tanto cos seus ataques como cos seus atrancos á chegada de axuda humanitaria.

Poraz visita Galicia unha década despois de que o Estado de Israel sinalase o Parlamento galego como "inimigo" por apoiar o "dereito ao retorno" da poboación palestina "ás terras e casas das que foron expulsadas"

A visita de Poraz a Galicia prodúcese once anos despois de que os seus antecesores na representación diplomática de Israel en España chegasen a sinalar o Parlamento galego como "inimigo" por aprobar unha declaración institucional apoiando o "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" en Palestina.

En anos seguintes o Parlamento galego seguiu aprobando lembranzas ao inicio do exilio do pobo palestino por mor da fundación do Estado de Israel e a prol do seu recoñecemento como Estado. Faino do mesmo xeito que lembra e homenaxea as vítimas do Holocausto mediante declaracións institucionais e outros recoñecementos. Paralelamente, en 2018 Alberto Núñez Feijóo viaxou oficialmente a Israel como presidente da Xunta. A visita recibira críticas da oposición (na altura, conformada por En Marea, PSdeG e BNG) ao interpretala como un aval político ás accións contra Palestina.

Segundo cálculos da UNRWA, a axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada palestina, dende o 7 de outubro de 2023 -cando Israel iniciou os ataques como resposta aos atentados de Hamas- "cando menos 53.901 persoas foron asasinadas e 122.593 resultaron feridas". A poboación gazatí, agregan, está "confinada en espazos cada vez máis reducidos", co 81% da Franxa "militarizada por Israel ou baixo ordes de desprazamento forzoso".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.