Feijóo e Israel: da declaración que virou Galicia en "inimiga" ás mencións dun ministro de Netanyahu

Feijóo en Israel nunha viaxe institucional en 2018, catro anos despois de que ese estado declarase ao Parlamento de Galicia "inimigo" © Xunta

Hai agora dez anos, Israel sinalou o Parlamento galego como parte dos seus "peores e máis extremistas inimigos" por unha declaración institucional de solidariedade co pobo palestino. Como presidente da Xunta, Feijóo atribuírao a unha "mala interpretación"

O pasado día 9 de maio fixéronse dez anos do día en que o Estado de Israel sinalou o Parlamento de Galicia como "inimigo". Fíxoo como resposta a unha declaración institucional do lexislativo galego en solidariedade co pobo palestino. Para saír adiante, este tipo de declaracións requiren de unanimidade nunha Cámara que, como agora, contaba con maioría absoluta dun PP de Galicia na altura encabezado por quen tamén era presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O acontecido daquela ecoa na actualidade. Feijóo agora é o líder estatal do seu partido e el mesmo, xunto con antigos dirixentes do PPdeG, como Miguel Tellado, cuestionan o recoñecemento do Estado de Palestina por parte do Goberno de España mentres contemporizan coas teses do Goberno israelí de Benjamin Netanyahu sobre as intencións do Executivo de Pedro Sánchez. Ata o punto de que, nas súas críticas e descualificacións ás autoridades españolas, o ministro de Exteriores hebreo, Israel Katz, busca abertamente a complicidade do ex-presidente galego a través de mencións nas redes sociais.

Carta remitida en maio de 2014 polo embaixador de Israel sinalando o Parlamento de Galicia como "inimigo" CC-BY-SA Praza Pública

O ton de Katz, considerado do sector duro do equipo de Netanyahu, vai na liña do empregado polas autoridades israelís hai unha década contra o Parlamento galego. A través do seu daquela embaixador en España, Alon Bar, consideraran que reclamar "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" en Palestina suporía "a desaparición do Estado de Israel". "Con esta esixencia o Parlamento de Galicia únese aos peores e máis extremistas inimigos de Israel", acusara.

A Cámara galega aprobou máis resolucións de apoio a Palestina en anos sucesivos, nos que tamén homenaxeou as vítimas do Holocausto

Diante desta reacción israelí, Feijóo minimizara as críticas. Dende o atril da Presidencia da Xunta atribuíra a declaración de inimizade a unha "mala interpretación", toda vez que o expresado polo Parlamento estaba "dentro das resolucións da ONU" a respecto do conflito entre Israel e Palestina.

O certo é que as lembranzas ao inicio do exilio do pobo palestino por mor da fundación do Estado de Israel e a prol do seu recoñecemento como Estado continuaron aprobándose en anos sucesivos no Parlamento de Galicia a través de declaracións institucionais. Así sucedeu tamén, por exemplo, no ano 2021, cando Feijóo aínda era presidente. Do mesmo xeito, a Cámara galega lembra e homenaxea as vítimas do Holocausto mediante declaracións institucionais e outros recoñecementos.

Fragmento dunha declaración institucional a prol do recoñecemento do Estado de Palestina aprobada no Parlamento o 25 de novembro de 2014 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Catro anos despois daquela declaración de Galicia como inimiga, en 2018, Feijóo viaxou a Israel como presidente. A viaxe oficial do popular fora obxecto de críticas dende a oposición, daquela conformada por En Marea, PSdeG e BNG, ao considerar que o titular da Xunta avalaba coa súa visita as accións de Israel contra Palestina. 

O ministro de Exteriores israelí inclúe mencións a Feijóo nas mensaxes nas que acusa a a Pedro Sánchez de "premiar a Hamás" e promover un "Estado terrorista" e ameaza con "facer dano en resposta"

Esas críticas foran respondidas con displicencia polo daquela vicepresidente, Alfonso Rueda: "A algúns o que lles conviña era viaxar un pouco máis para darse conta de que é necesario saír ao exterior para promocionar Galicia", resolvera o actual presidente, que salientara que o contido da viaxe de Feijóo era fundamentalmente económico. Efectivamente, a viaxe incluíra actos nesa clave, pero o popular tamén se reunira co presidente do Parlamento israelí e visitara o Museo do Holocausto, entre outros encontros.

O ton empregado por Rueda en 2018 aproxímase máis ao da actual dirección estatal do PP para cargar contra Sánchez polo recoñecemento de Palestina como Estado. Mentres, o ministro de Netanyahu sobe o ton das súas acusacións en mensaxes que culmina con mencións ao perfil oficial de Feijóo na rede X -o antigo Twitter- tras asegurar, por exemplo, que Pedro Sánchez e Yolanda Díaz pretenden "premiar a Hamás" ou impulsar o establecemento dun "Estado terrorista palestino", ou ameazar con "facerlles dano en resposta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.