“A algúns, e isto é unha recomendación persoal, o que lles conviña era viaxar un pouco máis para darse conta de que é necesario saír ao exterior para promocionar Galicia, o que ten Galicia e todas as súas oportunidades”. Esa é a resposta que deu este xoves o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao ser preguntado polas críticas que está a recibir desde distintos ámbitos a viaxe a Israel do presidente, Alberto Núñez Feijóo.
A Xunta salienta o contido fundamentalmente económico e minimiza o político da xira do presidente
A visita de tres días que Feijóo realiza a Israel desde o pasado martes e ata este xoves prodúcese catro anos despois de que o embaixador israelí en Madrid situase ao Parlamento de Galicia “entre os peores inimigos” do seu país por pedir de xeito unánime a volta dos palestinos ás terras das que foron expulsados, ao igual que todos os anos lembra o Holocausto xudeu. Ademais doutras entidades sociais, En Marea, PSdeG e BNG coincidiron esta semana en pedir ao presidente que non avalase con esa viaxe a política de Israel cara a Palestina.
Pola súa banda, tanto a Xunta como o PP están a insistir en que a viaxe de Feijóo centrouse en contidos fundamentalmente de promoción económica. De feito, todas as notas de prensa emitidas polo Goberno galego ao respecto centráronse neses encontros económicos, obviando contidos políticos.
Malia que a axenda oficial de Feijóo incluíu este mércores un encontro co presidente do Parlamento israelí, a Knesset, e este xoves unha visita ao Museo da Historia do Holocausto, a Xunta non se referiu nos seus comunicados a ningún deses actos, dos que só fixo públicas dúas fotos no segundo lugar.