Nace a plataforma 'Sanidade Galega con Palestina' para denunciar o xenocidio israelí en Gaza

Integrantes da plataforma Sanidade Galega con Palestina © Plataforma Sanidade Galega con Palestina

No manifesto inicial da plataforma destaca o chamamento a evitar a prescrición e dispensación de produtos de Teva, xigante farmacéutico israelí

Este domingo constituíuse no hotel Araguaney de Compostela a plataforma Sanidade Galega con Palestina, que reúne a profesionais de diferentes colectivos que traballan no sistema de saúde galego. O obxectivo da entidade é agrupar as persoas do eido sanitario que rexeitan o xenocidio en Palestina, instar as autoridades sanitarias e científicas a cortar lazos institucionais ou económicos co Estado de Israel, chamalas a mostraren a súa repulsa ao xenocidio en curso e amplificar o movemento de boicot a Israel, tamén desde o ámbito sanitario e farmacéutico. 

No manifesto inicial da plataforma destaca o chamamento a evitar a prescrición e dispensación de produtos de Teva, xigante farmacéutico israelí, e das súas marcas asociadas Tevagen, Davur, Belmac e Ratiopharm. Tamén solicitan o posicionamento inmediato de sociedades científicas e colexios profesionais fronte ao xenocidio e esixen ás diferentes institucións de goberno a posta en marcha de accións eficaces para detelo.

O texto lembra que máis de 62.000 persoas, civís na súa maioría e máis dun 30% nenos e nenas, morreron como consecuencia dos ataques do exército israelí, pola destrución do sistema sanitario ou pola fame provocada polo sitio de Gaza. A esperanza de vida ao nacer caeu 35 anos en 2024 en Gaza, sinalan, unha cifra superior á rexistrada no xenocidio de Ruanda en 1993. Ademais, salientan que dende outubro de 2023 a taxa de nenos e nenas con amputacións por persoa supera as calquera rexistro bélico previo.

Integrantes da plataforma Sanidade Galega con Palestina © Sanidade Galega con Palestina

Máis de 62.000 persoas, civís na súa maioría e máis dun 30% nenos e nenas, morreron como consecuencia dos ataques do exército israelí, pola destrución do sistema sanitario ou pola fame provocada polo sitio de Gaza

A plataforma subliña que o persoal sanitario "foi albo directo das operacións de secuestro, tortura e aniquilación por parte do exército israelí", na violación "máis evidente e indisimulada do Dereito Internacional Humanitario (Convención deXenebra) desde a existencia do mesmo". O Programa Mundial de Alimentos de Nacións Unidas ven de recoñecer a situación de máxima gravidade de inseguridade alimentaria na que máis de “500.000 persoas están morrendo de fame”.

As organizacións sanitarias, as sociedades científicas e as profesións ligadas á atención sanitaria á enfermidade, e á protección e promoción da saúde "teñen unha responsabilidade moral que transcende ao coidado exclusivo da saúde dos nosos e as nosas pacientes, e deben estar presentes no debate social nunha situación crítica de dimensións históricas", apúntase no manifesto.

A plataforma subliña que o persoal sanitario "foi albo directo das operacións de secuestro, tortura e aniquilación por parte do exército israelí"

O manifesto remata con nove demandas, entre a que destaca a protección e apoio a todo o persoal sanitario e a todas as estruturas sanitarias necesarias para garantir a asistencia á sociedade gazatí. Tamén se reclama que se investigue e se persiga aos responsables das violacións do dereito internacional e dos abusos contra os dereitos humanos, que impidan que o xenocidio palestino pase a ser un exemplo permisíbel pola comunidade internacional.

Finalmente, demándase revisar o catálogo de compras de fármacos, excluíndo os producidos e comercializados pola multinacional farmacéutica TEVA ou as súas filiais. E tamén evitar as compras de "compañías relacionadas coas políticas de apartheid sionistas, ou a venda de material bélico ao exército israelí", como Hewlett Packard, Intel, Dell, Microsoft ou Siemens.

Cartel da manifestación convocada este sábado na Coruña ©

Maniestación na Coruña en apoio da flotilla solidaria con Gaza

O sábado 30 está convocada na Coruña unha manifestación de apoio á flotilla e en denuncia do xenocidio perpetrado por Israel

Este domingo 31 está prevista a saída de Barcelona de parte das embarcacións da flotilla Global Sumud, unha iniciativa civil que pretende romper o sitio imposto por Israel en Gaza por mar, abrir un corredor humanitario e frear o xenocidio actualmente en marcha. Entre os e as participantes confirmados están Saif Abukeshek, Thiago Ávila ou Greta Thunberg. Todas as embarcacións contarán con xornalistas, médicos e figuras públicas.

Un día antes, o sábado 30, está convocada na Coruña unha manifestación de apoio á flotilla e en denuncia do xenocidio perpetrado por Israel. A marcha, que partirá ás 12 horas do Obelisco e se dirixirá ata o Parrote, está convocado por Rede Galega Pola Palestina, Sindicato de Estudantes, BDS Coruña, CGT Coruña, CNT Coruña Coruña Antimilitar e o Encontro Galego contra a OTAN.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.