Promover a "igualdade de oportunidades e a conciliación familia-traballo, evitando a exclusión social das mulleres en situacións de posible vulnerabilidade". "Cubrir as necesidades básicas e urxentes en materia de alimentación e gastos de farmacia e das familias con maiores dificultades económicas". "Atención integral ás usuarias e aos seus fillos menores nun ámbito residencial". "Mellora integral da muller e dos seus fillos". "Acoller mulleres que van ser nais con dificultades de tipo familiar ou económico". Estes obxectivos e propósitos ben puideran ser parte dun programa social dun concello ou da Consellería de Benestar. No entanto, son treitos das memorias xustificativas de subvencións recibidas por entidades relixiosas e antiabortistas ao longo do ano 2012.
Estas memorias, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, están asinadas por organizacións de elocuente nome, a saber: Hijas del Divino Cielo, de Burela, Religiosas Siervas de la Pasión, de Vigo, Betania de Jesús Nazareno, na Coruña, Rebaño de María Obra Social Sí a la Vida, de Lugo, Asociación Ayuda a la Vida, en Vigo, ou a Red Madre en Pontevedra, Ourense e A Coruña. Estes colectivos, de marcado carácter antiabortista -a Red Madre non está creada pola Igrexa, senón polo Foro Español de la Familia- recibiron durante o pasado ano subvencións públicas por importe de cando menos, 176.782 euros, segundo unha resposta parlamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade ao BNG.
A asociación promovida polo Foro de la Familia recibiu máis cartos que Cáritas ou que un grupo de apoio a persoas con síndrome de down
No caso concreto da Red Madre, os cartos achegados á asociación promovida polo Foro de la Familia non fan máis que afondar na filosofía da lei aprobada en solitario polo Parlamento en 2010, unha lei que, di a Red na súa memoria, "afortunadamente" deu luz verde á "creación dunha rede de apoio á muller embarazada" que implicará máis achegas de fondos da Xunta a este colectivo. Pero "mentres esta nova rede se fai pouco a pouco realidade" estas asociacións, nas súas diversas sedes en diferentes cidades, seguen a ser financiadas polo Goberno galego. Así, por exemplo, neste caso concreto recibiron o máximo posible (chegaron ao "tope de axuda" nos tres casos) para financiaren gastos de persoal. Concretamente, en Vigo obtiveron 22.800 euros, na Coruña 24.400 e en Ourense, 8.700.
Estes cartos, en parte procedentes de fondos europeos, correspóndense coas subvencións a "programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes" e nelas o Goberno galego forza, a efectos prácticos, que estes grupos, algúns deles protagonistas das protestas contra a aínda vixente lei de interrupción voluntaria do embarazo, sexan postos á mesma altura doutras organizacións cun labor ben diferente, tales como un grupo de apoio a persoas con síndrome de down de Ferrol, a ONG Ecos do Sur, da Coruña, Cáritas de Santiago ou unha federación de mulleres rurais de Verín. Non obstante, os subsidios concedidos á Red Madre en Pontevedra e A Coruña superan os cartos que reciben estes outros colectivos, non caracterizados por defenderen unha posición antiabortista tan marcada. Así, por exemplo, a asociación Síndrome de Down Teima quedou con 10.200 euros, Cáritas Santiago en 15.500 ou a asociación Dignidade Ferrol, en 10.200.