"Nunca notei este entusiasmo; a xente ve unha necesidade que o BNG volva ao Congreso"

Carme da Silva CC-BY-NC-SA BNG

Carme da Silva, cabeza de lista do BNG por Pontevedra ás vindeiras eleccións xerais, recoñécese sorprendida polo "entusiasmo" que está a notar na rúa durante a campaña. Cre que "hai ganas" de que o Bloque "recupere a representación no Congreso" e critica o "turismo electoral" dalgúns candidatos nuns días nos que sufriu pintadas ameazantes fronte á súa casa. ""Nunca as valorei en clave persoal porque sei perfectamente que é un ataque político", di. 

Como valora o que vai de campaña?

Levo bastante campañas enriba, desde 1995, e como esta non recordo ningunha en canto ao entusiasmo. Nótase. A xente párate e dáche ánimo, diche que desta vai... E cada día vai a máis. Hai ganas de que o BNG recupere a representación no Congreso e a xente quere que Galiza estea e teña voz en Madrid. Iso traslada unha enerxía enorme porque podes falar con moita xente e coñecer as súas inquedanzas. 

"O pobo galego precisa esperanza, a esperanza de aquí se vai poder vivir do que temos; se marcha a mocidade, quen vai sacar o país adiante?"

Que é o que lle transmite esa xente coa que fala?

A xente cre que na pasada lexislatura non houbo presenza de Galiza nas Cortes do Estado e transmítenos certa decepción. Agardaban outra cousa e nós o que dicimos é que representamos un proxecto político cohesionado, unido, potente e cun obxectivo claro, que é o de defender os intereses de Galiza e das necesidades do pobo galego, dun pobo que precisa esperanza, a esperanza de que aquí se vai poder vivir do que temos porque somos un país moi rico. 

Esa é a gran baza do BNG, reivindicar unha voz galega no Congreso?

A xente víveo como unha necesidade porque todo o mundo ten alguén da familia que tivo que emigrar ou pais que ven como lle marchan os fillos e que cren que xa non van volver. Véxoo na miña contorna todos os días porque se nos vai a mocidade... E se marchan os máis novos, quen vai sacar o país adiante?

"Hai políticos que veñen aquí facer turismo electoral; faime graza que o PP prometa a transferencia da AP-9 tras vetala sistematicamente"

Con todo, non é moi difícil situar a axenda galega nunha campaña tan mediatizada por outros temas?

Pois sacando algúns medios que si a teñen, a verdade é que nesta campaña os temas que afectan a Galiza estaos metendo o BNG na axenda. Parece que a campaña non ten nada que ver cos temas que afectan o país, pero logo veñen aquí políticos facer turismo electoral, algunhas persoas que prometen cousas que xa prometeron mil veces e incumpriron outras tantas. 

Como cales?

Faime graza que o PP prometa a transferencia da AP-9 cando a vetou sistematicamente ou que o PSOE fale de priorizar esa transferencia cando non o fixo na lexislatura pasada. Ou estamos nós para presionar ou non se vai facer. De feito, a lei que chegou ao Congreso saíu do Parlamento e foi iniciativa do BNG. Este é un exemplo claro da decepción que sentiu moita xente ao ver como noutras partes do Estado se acadan cousas porque hai deputados que os representan. Hai deputados canarios, vascos, cataláns, navarros, valencianos... E ten que habelos galegos tamén. 

Carme da Silva, no medio, ante as pintadas ameazantes fronte á súa casa CC-BY-NC-SA BNG

Cando un mira os programas dos partidos á esquerda do PSdeG en Galicia, hai partes que son difíciles de diferenciar porque propoñen case o mesmo. Non teme que se perdan milleiros de votos pola fragmentación en tantos partidos?

Nós o que lle dicimos a toda esa xente que está pensando que facer e a quen votar é que confíe no BNG, porque o voto ao Bloque vale dobre, para que Galiza recupere a súa voz e estea presente no Congreso e para deter esta dereita partida en tres pero única e lograr que Vox e Ciudadanos non teñan representación nas circunscricións galegas. É o BNG quen lles está a pelexar os escanos na Coruña e en Pontevedra. Sábeo perfectamente o PP e a dereita, por iso Feijóo está moi preocupado coa posibilidade de que o BNG obteña escanos, algo que non lle interesa nada. 

"Nunca valorei as pintadas ameazantes en clave persoal porque sei perfectamente que é un ataque político"

Como se vive unha campaña na que a ameazan a través de pintadas en varias ocasións?

Nunca o valorei en clave persoal porque sei perfectamente que é un ataque político. As primeiras pintadas apareceron cando se anunciou que ía ser cabeza de lista ao Congreso polo BNG e as segundas cando se iniciou a campaña electoral. Tanto ENCE como o PP teñen claro quen é o seu inimigo porque saben perfectamente que nunca nos imos render. Sabemos perfectamente quen son e que son capaces de utilizar o poder para modificar leis e alterar a lexislación a prol de ENCE e que son capaces de rebentar plenos e actos e facer o que sexa para conseguir o seu obxectivo. Non imos ter medo. O noso propósito é recuperar a ría de Pontevedra e deixar de ter a política forestal deste país nas mans desta empresa, que converteu o monte galego no maior problema ambiental que temos en Galicia, que son os incendios. Pero o que se nota é a enerxía da sociedade que quere que recuperemos a representación no Congreso. 

A quen pide o voto o BNG?

Chamamos a todas as persoas galeguistas, progresistas, sexan nacionalistas ou non, a que lle dean a súa confianza ao BNG porque non os imos defraudar e imos ser respectuosos coa confianza que depositan en nós. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.