Iris Malvido (Vigo, 1989) concorre por primeira vez a unhas eleccións como cabeza de lista de En Marea na provincia de Pontevedra. Tras varias semanas "a patear a provincia" asegura estar "moi optimista" cara á cita coas urnas do 28A, tras a que se amosa convencida de que será deputada. "Xa o dixen cando comezou a campaña, en Pontevedra, de dous non baixamos", afirma rindo.
O espazo electoral de En Marea leva un tempo prolongado de reconfiguración, tamén de convulsión. É máis complexa a competencia nestes comicios fronte ao bloque da dereita ou pola primacía na esquerda?
Estamos nun momento histórico e a palabra reconfiguración é acaída. Están tentando meternos moito medo, pero as enquisas din que a dereita non vai sumar e o que nos imos xogar é o tipo de goberno que queremos, cun PSOE que teña que pactar con forzas como En Marea ou un PSOE que pacte con Ciudadanos. Para conseguir dereitos sociais e defender as demandas da cidadanía galega é mellor un goberno con En Marea.
Reiteran que o seu aval nestes comicios é a coherencia. En que sentido?
"Cando dixemos que iamos defender os dereitos das galegas e galegos, levámolo ata o último punto e estivemos en contra duns orzamentos que supuñan unha redución para Galicia"
En todo momento fixemos o que dixemos que iamos facer. Cando dixemos que iamos defender os dereitos das galegos e galegos, levámolo ata o último punto. Como organización, En Marea estivo en contra duns orzamentos que supuñan unha redución de investimentos en Galicia. Estivemos dispostos a favorecer maiorías alternativas dende o primeiro momento, pero tamén que as galegas e galegos tivésemos voz e as nosas demandas fosen escoitadas, e para iso son necesario investimentos.
Na súa circunscrición a cuestión de ENCE vai ser un dos debates que, seguro, haberá que abordar na vindeira lexislatura. Di o persoal que as forzas de esquerda deberían defendelos como fan noutras industrias… Como o ve?
Eu entendo completamente a posición dos traballadores, pero non teñen que lanzar a súa crítica ás forzas da esquerda. O único que estamos facendo é pedir que se cumpra a legalidade, porque ENCE está ilegalmente na ría de Pontevedra. A prórroga foi ilegal e ten que marchar da ría. Estas demandas deberíanas levar ao consello de administración de ENCE, que é o que non garante os postos de traballo, o que leva aplicados dous Expedientes de Regulación de Emprego. A localización de ENCE non é acaída paisaxisticamente, polo impacto da ría e porque está provocando unha expansión sen control do eucalipto; non podemos estar sufrindo incendios e que ENCE non teña ningunah consecuencia por estar promovendo estes cultivos que acaban coa nosa biodiversidade.
"O que non garante os postos de traballos é o consello de administración de ENCE"
O traspaso da AP-9 foi un dos asuntos que quedou sobre a mesa na pasada lexislatura polo adianto electoral. Se depende de vostedes, esixirano para dar apoio a unha eventual investidura de Pedro Sánchez?
Dende logo. O da AP-9 é unha sangría e por iso non só esiximos a transferencia, tamén solicitamos a gratuidade. Na provincia de Pontevedra estase favorecendo a duplicación desta infraestrutura coa construción da A-57, á cal nós nos opoñemos radicalmente. O diñeiro que se vai gastar en duplicala tense que gastar en facer gratuíta a AP-9. É algo que xa está sobre a mesa doutras comunidades e hai capacidade para negociar neste sentido.
Ven disposición no PSOE a negociar neste sentido?
O PSOE ten capacidade de negociación, pero as galegas e galegos temos que facernos respectar. Se imos cunha axenda galega do cambio e cun compromiso coa cidadanía, temos que poñelo sobre a mesa. Somos capaces de chegar a acordos, pero non somos un cheque en branco.
"Reclamaremos continuar todo o traballo desenvolvido por Alexandra Fernández na investigación de Angrois"
Tamén quedou sen rematar a investigación política do accidente de Angrois. Reclamarían retomala no novo Congreso?
Si, dende logo. Reclamaremos continuar todo o traballo desenvolvido por Alexandra Fernández, continuar escoitando as vítimas e esixir que se cheguen ás conclusión e que pase a existir unha comisión real de control permanente.
Que outras condicións serían irrenunciables para o seu apoio a unha eventual investidura de Pedro Sánchez?
Na provincia de Pontevedra potenciar a mobilidade, potenciar o Corredor Atlántico ferroviario e a saída sur de Vigo para nós son irrenunciables de cara á futura investidura. Precisamos o desenvolvemento económico da provincia porque se á provincia lle vai ben, vaille ben a Galicia. Hai que apostar pola investigación porque permitirá que se xeren as ideas e haxa valor engadido para que as empresas non se deslocalicen. Ademais, unha aposta moi clara pola loita contra a precariedade e iso implica que se poña enriba da mesa a necesidade de derrogar as dúas reformas laborais. Isto afecta fundamentalmente ás mulleres e ás persoas mozas con contratos de formación encadeados que permiten que só nos paguen o 75% dos salario. Tamén a recuperación do talento a través de atraer persoas mozas emigradas, como fun tamén eu no pasado.
Apunta ao voto da mocidade, un grupo electoral que cada vez é menos numerosos en Galicia. Confía en que o voto mozo se fixe en En Marea? Estudos previos ás eleccións dinnos que a mocidade é pouca e que se abstén máis que a media da poboación....
"Animo á 'Xeración Xabarín' a que vote coa idea de que En Marea é un voto necesario que vai crear maiorías progresistas e que as galegas e galegos teñamos voz"
A maior parte das persoas indecisas son mozas. Por iso eu animo á Xeración Xabarín a que vote e a que vote coa idea de que En Marea é un voto necesario e pragmático, porque vai permitir crear maiorías progresistas e que as galegas e galegos teñamos voz. E isto non é unha aposta só pola mocidade, hai unha solidariedade interxeracional, igual que cando falamos de pensións non falamos só de persoas maiores.
Outro dos asuntos que marcou a fin da lexislatura foi o frustrado proxecto de orzamentos do Estado. A fin das grandes partidas do AVE minguará, previsiblemente, o investimento territorializado para Galicia nos vindeiros anos. Como afrontan o debate?
Para nós a prioridade é conectar o territorio e vertebralo non só para as mercadorías, tamén para as persoas e que as conexións por ferrocarril teñen que ser públicas. Tamén hai que potenciar o porto seco da PLISAN, que as mercadorías se movan tamén no interior para dinamizalo e tamén como forma de descargar os portos que están asumindo recheos innecesarios que afectan directamente ás rías cun impacto clave para os nosos recursos naturais. Tamén apostamos por un tecido industrial que reparta beneficios e se adapte á transición ecolóxica.
Nese sentido, é partidaria da conexión de Vigo co tren de alta velocidade a través de Cerdedo?
Non é unha cuestión de opoñerse ou non, senón de que temos outras prioridades. O diñeiro ten que investirse con moita cabeza. Que se quere levar adiante? Se non é excluínte, pódese estudar, pero non é unha prioridade. Sábese que é excesivamente custoso; quen o impulse ten que explicar as razóns para facelo e non optar por outras alternativas.
"Parece mentira que en pleno século XXI esteamos dando debates sobre o tema do aborto, o matrimonio igualitario ou a violencia machista"
A igualdade é outro dos asuntos transversais nesta campaña, na que algunhas forzas mesmo cuestionan a propia terminoloxía en materias como a loita contra a violencia machista. Cales son as súas prioridades neste eido para a nova lexislatura?
Parece mentira que en pleno século XXI esteamos dando debates sobre o tema do aborto, o matrimonio igualitario ou a violencia machista. Nós, por suposto, defendemos a lei de protección fronte á violencia machista e tamén estamos dando o debate para non falar só de teitos de cristal, tamén de chan pegañento, da imposibilidade que temos as mulleres de saír dos ámbitos domésticos, de vérmonos abocadas á precariedade... Os datos están aí e cómpren políticas reais.
Que lle diría ao potencial electorado de En Marea desencantado polos conflitos internos?
Que aquí hai unha alternativa que está configurada por persoas reais con problemas reais e solucións reais. Que é un voto pragmático que vai ter en conta as demandas de galegas e galegos, vai apostar polo desenvolvemento económico e pola mellora social. Ademais, somos a única organización que foi a primarias abertas e temos a vontade de seguir xerando espazos de participación. O que nos estamos xogando son escanos que se disputan entre En Marea e Ciudadanos e é moito maís positiva unha maioría progresista na que estean diferentes alternativas a nivel estatal que un PSOE que pacte con Ciudadanos.