As propostas contra o devalo demográfico: entre a conciliación e a "cultura da vida"

Alumnado dun colexio de Infantil e Primaria © Xunta

A baixa natalidade, o envellecemento da poboación e o despoboamento progresivo de amplas zonas de Galicia teñen sido sinalados como un dos principais problemas do país. Unha cuestión demográfica ligada necesariamente a outras, como o propio sostemento do estado de benestar e do sistema público de pensións (en risco pola caída da poboación activa) ou a propia xestión do territorio, sobre todo nas áreas rurais.

Xa Manuel Fraga facía apelacións ás galegas e galegos ("teñan máis fillos"), pero nos últimos anos a demografía e a natalidade veñen gañando peso no discurso e nas propostas das distintas forzas políticas. Algunhas veces ligándoo de maneira máis de cuestionable ao dereito ao aborto, como fixo Pablo Casado hai uns meses, e outras incidindo en cuestións de tipo económico, laboral, nos instrumentos de conciliación e nas estruturas de apoio ás familias, coma as rede de escolas infantís.

O 48% das galegas que teñen menos fillos e fillas das que desexarían culpan disto a cuestións económicas ou de conciliación laboral

Galicia baixou xa dos 2,7 millóns de habitantes, nun proceso que fixo que a densidade de poboación de Galicia sexa inferior á media española por primeira vez dende que hai datos. A pasada semana o INE púxolle datos á cuestión da baixa natalidade, explorando as razóns que as persoas (principalmente as mulleres) aducen para non ter (máis) fillos e fillas. O 48% das galegas que teñen menos fillos e fillas das que desexarían culpan disto a cuestións económicas ou de conciliación laboral.

Á baixa taxa de natalidade únese unha insuficiente chegada de inmigrantes, o que fai que poboación galega continúe o seu proceso de envellecemento. Tan só 16 concellos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65 e voces de expertas advirten de que "Galicia non adaptou os seus sistemas de solidariedade e servizos á situación de avellentamento".

Que é o que propoñen as forzas políticas galegas que concorren ás eleccións xerais do 28 de abril? Cales son as súas propostas para fomentar a natalidade, apoiar as familias que teñen fillos e fillas, frear o proceso de envellecemento, frear os procesos de despoboamento do rural ou xestionar dun mellor xeito a sociedade galega que se está a debuxar para as vindeiras décadas? 

Imaxe dos programas electorais das distintas formas políticas CC-BY-SA Praza Pública

Apoio ás persoas que teñen fillos/as

Todos os partidos levan nos seus programas medidas de apoio ás persoas que teñen fillos e fillas e iniciativas para mellorar a conciliación, pero entre unhas e outras propostas hai matices e ás veces as diferenzas comezan nos termos empregados. Así, o PP repite con frecuencia conceptos como "poñer en valor a maternidade" ou "defender a cultura da vida", ligando en ocasións as axudas ás situacións nas que unha muller quedou embarazada e dubida se abortar ou non. 

O PP fala da "cultura da vida", mentres que o resto dos partidos fan fincapé na conciliación

As restantes formacións fan máis fincapé na conciliación e na maternidade/paternidade como elección, lembrando ademais que son as mulleres (tanto as que viven en parella coma as que crian soas) as máis penalizadas economicamente ao ter fillos e fillas. A outra gran diferenza é que o PP non inclúe o incremento dos permisos parentais, unha medida que si está presente nos demais partidos, permisos ademais iguais para homes e para mulleres

  • PP: Lei de apoio á maternidade con medidas "para pór en valor a maternidade, ampliar as medidas 
    de conciliación e corresponsabilidade, impulse medidas fiscais en favor das familias e a promoción da orientación familiar". Incentivos fiscais para as empresas que contraten mulleres despois da maternidade. Recoñecemento ás empresas e organizacións "familiarmente responsables" que teñan plans de igualdade, con medidas que favorecen a flexibilidade, a conciliación e a corresponsabilidade.
    Fomentará a "cultura da vida, a maternidade e as familias, situándonos ao lado das mulleres e evitando deixar soas ás que reclaman asistencia das institucións". Propón poñer en marcha oficinas municipais de Axuda á Muller Embarazada "para que ningunha muller deixe de ser nai pola súa situación económica, social ou familiar". 

 

  • PSOE: Elaborar unha nova Lei de Familias que responda ás necesidades das familias numerosas, monoparentais, as de partos múltiples e as familias acolledoras. Universalización da educación de 0 a 3 anos. Promover que organismos públicos e empresas regulen os seus horarios con maior racionalidade e organicen o seu traballo cunha maior flexibilidade, cunha futura lei de usos do tempo e racionalización dos horarios un Pacto Social e Político pola Racionalización dos horarios. 
    Permisos parentales iguais e non transferibles para homes e mulleres. Universalización da educación de 0-3 anos. Aumentar o financiamento ás entidades locais, a través do Plan Concertado, para o sostemento dos equipos e profesionais da intervención familiar no nivel da Atención Primaria.

 PP non inclúe o incremento dos permisos parentais, unha medida que si está presente nos demais partidos, permisos ademais iguais para homes e para mulleres

  • En Común: Protección ás familias monoparentais e monomarentais, coa súa equiparación ás familias numerosas, incremento das prestacións por coidado dos seus nenos e nenas e prioridade de acceso aos servizos e prestacións, como a educación de 0 a 3 anos durante a súa implantación universal, ou as bolsas de estudo. 
    Permisos de paternidade e maternidade iguais, intransferibles e remunerados ao 100%. Equipa­ración inmediata a 16 semanas para ambos os proxenitores ou proxenitoras e un aumento de 2 sema­nas ao ano ata alcanzar as 24 semanas para cada proxenitor ou proxenitora. Flexibilización de xornada específica no caso de manter a lactación natural tras os permisos anteriores. Regulación das excedencias para coidado de fillos por tres anos con dereito á reincorpora­ción no posto de traballo e protección fronte ao despedimento ata un ano despois da reincorporación á empresa. 

 

  • BNG: Recoñecemento legal das familias monoparentais e monomarentais que o son en orixe, por decisión propia. Implantación de permisos iguais e intransferibles para pais e nais e a súa extensión ata o ano de duración. Políticas de apoio para a conciliación persoal e de coidados entre as que se contemple a compensación económica das reducións de xornada e a achega dunha renda para os períodos de excedencia por coidado de crianzas e dependentes. Transferir a Galicia o Programa Educa3 de fomento da Educación Infantil, incrementando as prazas e a construción de Escolas Infantís para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais dende un punto de vista educativo e non asistencial.

 

  • En Marea: Promover servizos públicos de calidade que dean cobertura ás tarefas de coidado de vida. Impulso á conciliación e á corresponsabilidade. Prioridade na ampliación inmediata do permiso de maternidade e equiparación dos permisos de paternidade e maternidade. Deseñar unha estratexia estatal de coidados que garanta redes eficaces de servizos públicos en materia de familia e atención á infancia. Fondos para a universalización do ensino 0-3, como etapa educativa. 

Migracións

O PP fai fincapé no endurecemento dos controis para a inmigración ilegal e En Común e PSOE apostan por facilitar os trámites burocráticos para a chegada de persoas doutros países

A demografía e o envellecemento dun país non só dependen das taxas de natalidade, senón tamén do saldo migratorio. Que é o que propoñen os distintos partidos nesta cuestión? A maior parte das formacións recollen medidas para regular a inmigración (favorecendo máis ou menos a chegada de inmigrantes), pero con matices, pois o PP fai máis fincapé no endurecemento dos controis para a inmigración ilegal e, pola contra, En Común e PSOE apostan por facilitar os trámites burocráticos para que as persoas que chegan poidan acceder a todos os dereitos cos que xa contan os nativos. Hai tamén diferenzas á hora de falar da emigración, nomeadamente da xente nova que nos últimos anos foi traballar a outros países. No programa do PP non hai unha soa mención, mentres que no resto apóstase por favorecer o seu regreso.

  • PP: Impulso dunha política de inmigración "legal, ordenada e vinculada ao mercado de traballo" con "facilidades para a contratación en orixe de inmigrantes". Potenciación do despregamento de FRONTEX para o control das fronteiras.

 

  • PSOE: Aposta por unha política migratoria que flexibilice as vías da inmigración legal. Posta en marcha dun Pacto de Estado por unha Inmigración Segura, Ordenada e Regular. Reforma da nacionalidade por residencia, procurando o máximo consenso, que incorpore unha redución sensible dos prazos máximos establecidos actualmente, a revisión dos supostos de renuncia á nacionalidade anterior e a valoración da traxectoria de integración, máis aló dun exame, como elemento preeminente á hora de avaliar as condicións do acceso. Plan de Retorno a España da mocidade que marchou ao estranxeiro

No programa do PP non hai unha soa mención á mocidade que marchou ao estranxeiro, mentres que no resto apóstase por favorecer o seu regreso

  • En Común: Establecer vías legais e seguras de entrada en España e garantir os de­rechos civís das persoas migradas. Flexibilización dos procesos de reagrupamento familiar e dos procesos de arraigamento, deixando de vincular exclusivamente a renovación das autorizacións de residencia a un con­trato en vigor ou oferta de emprego. Redución dos prazos requiridos para adquirir a nacionalidade e supresión das trabas burocráticas e requisi­tos discrecionais no procedemento de adquisición, como pode ser o exame de nacionalidade. Plan de recuperación de talento científico e profesional na emigración e Plan de Retorno para todas as persoas que marcharon fóra, primando a súa contratación nos novos postos de traballo creados.

 

  • BNG: Financiar o Plan Retorna para impulsar a volta a Galicia da emigración galega. Desenvolver un plan de choque para o retorno das persoas mozas emigradas por causa da crise económica, garantindo unhas condicións dignas de emprego.

 

  • En Marea: Plan de recuperación de talento científico e profesional na emigración. Impulsar de urxencia un plan estatal de retorno da mocidade emigrada.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.