"Un comportamento continuo de decrecemento poboacional". É o panorama que as proxeccións demográficas elaboradas polo Instituto Galego de Estatística debuxan para a Galicia da vindeira década e media. No horizonte do ano 2030 vivirán no país unhas 230.000 persoas menos que na actualidade e isto sucederá, augura o IGE a partir dos seus modelos estatísticos, porque todo semella indicar que a natalidade continuará a caer e a inmigración non compensará, nin de lonxe, a fenda entre nacementos e mortes.
Os datos de natalidade, falecementos e migracións do últimos anos dan lugar a unhas tendencia de consolidación e alargamento da fenda entre nacementos e mortes. A diferenza será "cada vez máis ampla", augura o IGE, porque aínda que as proxeccións auguran unha estabilización no número anual de falecementos, en torno a uns 32.000, os nacementos seguirán a caer, pasando dos actuais rexistros, duns 19.000 ao ano, a pouco máis de 12.000 na contorna do ano 2030. Así, o saldo vexetativo, a diferenza entre o número de persoas que nacen e morren, profundará na súa tendencia negativa: de -12.600 en 2016 a case -20.000 dentro de quince anos.
As proxeccións indican que en 2030 Galicia perderá uns 20.000 habitantes pola diferenza entre nacementos e mortes e gañará arredor de 3.000 pola vía migratoria
O movemento natural da poboación contribuirá á mingua de habitantes e os movementos migratorios, aos que se adoita ollar de cando en vez como posible compensación, non van remediar a situación. Sempre segundo estas proxeccións do IGE, tras os saldos negativos rexistrados entre 2013 e 2015 -anos con máis saídas que entradas, segundo datos oficiais-, dende este 2016 os valores volverán ser positivos, pero estarán moi por baixo do moi negativo saldo vexetativo.
Así, indica o estudo, na vindeira década e media o saldo migratorio galego mellorará ata chegar, na contorna de 2030, a unha diferenza positiva dunhas 3.000 persoas entre quen emigran e quen inmigran. Así, a combinación de ambos indicadores nese ano provocará, a non ser que se produza un radical cambio de tendencia, que Galicia perderá case 20.000 habitantes pola vía natural e a redución só será compensada en 3.000 persoas pola vía migratoria.
As tendencias demográficas non abandonan os seus prognósticos negativos mentres dende a Xunta se continúa a publicitar o seu Plan de Apoio á Natalidade, con medidas estrela como a alcumada como 'caixa finlandesa' -o paquete de agasallos que Xunta e PP deron en equiparar ás amplas axudas á crianza dese país nórdico- ou a Tarxeta Benvida, o 'cheque bebé' de 100 euros ao mes lanzado o pasado ano ás portas das eleccións xerais e que, como xa avanzara o propio Alberto Núñez Feijóo, vén de ser "ampliado" a 2017 en virtude do aprobado no Consello da Xunta da pasada semana. A contía desta axuda para mercar produtos para a infancia continúa a ser dun montante total de 1.200 euros, 100 euros ao mes durante o primeiro ano da filla ou fillo.