O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo este xoves “un chamamento a todas as galegas e galegos que non queren ver a Vox dirixindo o rumbo de España desde o goberno e marcando a axenda de PP e Ciudadanos” para que voten o PSOE e eviten así que os “retrocesos” da ultradereita.
Nun acto con candidatas e candidatos galegos ao Congreso e ao Senado, xunto á presidenta do PSOE, Cristina Narbona, Caballero apelou “a todos os progresistas”, aos que solicitou o voto nun domingo no que, dixo, a cidadanía xógase “moito”. “Xogámonos o retroceso que supón un goberno tripartito da dereita coa ultradereita, fronte ao avance que supón o Partido Socialista e o goberno presidido por Pedro Sánchez”, engadiu.
“Xogámonos o retroceso que supón un goberno tripartito da dereita coa ultradereita, fronte ao avance que supón o Partido Socialista e o goberno presidido por Pedro Sánchez”
O líder dos socialistas galegos insistiu en reclamar unha “participación masiva de todos os que senten a esquerda e o progresismo” e de “todos os que queren defender Galicia desde posicións de esquerda e progresistas”. Mesmo apelou aos “votantes moderados que nalgún momento votaron ao PP e a Ciudadanos crendo que ese voto era moderado ou de centro”.
Narbona, pola súa banda, insistiu en sinalar a Vox e lembrou medidas impulsadas polo partido ultra no goberno de Andalucía, malia non formar parte del. Ademais, chamou á “mobilización de todos os demócratas para evitar a eventualidade de que se produza no noso país unha involución a causa do peso dun partido de ultradereita”.
Ademais da xuntanza en Santiago, Cristina Narbona e Gonzalo Caballero estiveron tamén en Lugo, onde reiteraron as súas chamadas ao voto "de todos os demócratas" ao Partido Socialista. “Pódese dar a nivel nacional a mesma situación que en Andalucía, que sexa a extrema dereita a que marque as directrices das políticas aínda que non estea no goberno”, advertiron.
O PSdeG pechará a campaña este venres en Ourense, unha circunscrición clave segundo as enquisas porque nesa provincia opta a conseguir o segundo escano.