Cun cada vez maior problema industrial en Galicia, co futuro das plantas de Alcoa no aire, a incerteza polo peche de térmicas como a de Meirama, os problemas laborais en moreas de empresas ou a necesidade de clarexar unha necesaria transición enerxética, a industria é tamén un dos elementos clave nos programas dos principais partidos de cara ao 28A. Pero non na mesma media nin concreción e con diferenzas evidentes entre a esquerda e a dereita.
En Común-Unidas Podemos, BNG e En Marea, por exemplo, coinciden en sinalar a “reindustrialización” de Galicia como clave para o futuro económico. Así o expresa a formación morada, que propón un “plan de impulso do sector industrial galego” que inclúa o incremento de investimentos para clústeres, programas de apoio financeiro específicos para a industria agropecuaria, forestal, naval, do automóbil ou aeronáutica e que fai referencia á eólica terrestre, pero tamén á “mariña”, tan polémica e rexeitada por unanimidade en todo o arco parlamentario galego hai tan só uns anos.
BNG, En Común e En Marea priorizan a "reindustrialización" de Galicia; as formacións que compartiron candidatura apostan por unha "reindustrialización verde"
En Común propón unha “estratexias de reindustrialización verde e economía circular”, unha aposta moi semellante á de En Marea, que fala dun “programa de reindustrialización verde e de redistribución da riqueza e dos mecanismos de cohesión social e territorial”. A formación liderada por Luís Villares advirte da necesidade de “reverter o proceso de desindustrialización apostando decididamente por modelos de novas tecnoloxías limpas, estruturas de comunicacións en forma de maia e I+D+i”, o que supón “reverter” tamén “o proceso de centralización das empresas públicas, centros de I+D e actividades en Madrid”.
O BNG fala dun “relanzamento da actividade produtiva e a reindustrialización do país” e de políticas industriais “que consoliden os sectores estratéxicos e dean pulo a actividades novas, co apoio á innovación”. A formación nacionalista ve necesario o “saneamento” de sectores industriais en crise, como o conserveiro, lácteo, naval ou do aluminio, e unha “política real de industrialización” que inclúa un “incremento considerábel dos fondos a I+D-i” e un plan de industrialización que aposte polo “reequilibrio territorial”.
O PSOE, pola súa banda, di querer “impulsar” un Pacto de Estado pola Industria coa participación dos axentes sociais que busque “dar cumprimento ao obxectivo da UE de incrementar polo menos até o 20% o peso da industrial no conxunto do PIB”.
Na dereita, o PP propón unha “política de importantes incentivos fiscais” para empresas altamente innovadoras e a “eliminación de cargas impositivas e gravames que limitan a capacidade investidora” das compañías, así como apoiar o financiamento do I+D+i con “plans específicos para a cooperación entre a industria e os centros investigadores”. Ademais, Ciudadanos di que elevará o orzamento en I+D+i para alcanzar o 2% do PIB ao final da lexislatura e que “priorizará” o investimento neste ámbito naquelas autonomías que parten con niveis máis baixos “para evitar unha España a dúas velocidades”.
En canto a problemáticas específicas, Alcoa e a necesidade duns prezos enerxéticos competitivos son tratados nos programas de partidos de ámbito galego. O BNG pide unha “modificación estrutural do sistema eléctrico” que inclúa “control publico galego dun sector estratéxico e implantación da tarifa eléctrica galega que baixe o prezo da enerxía e compense os custos ambientais da produción térmica, hidráulica e eólica”. Ademais, reclama un "estatuto especial para as empresas electrointensivas e o mantemento dos postos de traballo”.
En Marea propón tamén “garantir prezos competitivos para a industria electrointensiva” e a aprobación urxente dun estatuto dos consumidores electrointensivos na liña do proposto pola formación nas alegacións do actual. Tamén unha “auditoría pública dos custos do sector eléctrico”, así como o “control dos oligopolios eléctricos”, esta última unha demanda compartida por BNG e En Común, que aposta tamén por “garantir prezos competitivos, xustos e estables para a industria electrointensiva e as renovables”.
BNG, En Marea e En Común dedican propostas específicas para o conflito de Alcoa; a formación morada aposta por "contratos bilaterais e prezos regulados" e unha Lei contra a deslocalización
A formación morada fai referencia explícita a Alcoa, pero tamén a Ferroatlántica ou Megasa, e propón que o estatuto de industria electrointensiva regule as condicións de participación desta industria en “contratos bilaterais e prezos regulados”, así como “o acceso a liñas de axuda directa”. O obxectivo, din, un horizonte trianual para que estas compañian dispoñan de prezos competitivos e estables. Ademais, aposta tamén por unha Lei contra a deslocalización de empresas que permita activar recursos estatais para “garantir a continuidade e permanencia daquelas empresas que sexan unha fonte crítica ou fundamental de emprego nas súas comarcas”. A idea é que as firmas que reciban axudas ou subvencións públicas asinen un contrato de dez anos de permanencia que a Administración teña a obriga de estudar a viabilidade daquelas que queiran marchar para apoiar “técnica e financeiramente os seus traballadores na adquisición” da empresa, se así o deciden. De non ser así, o Estado “poderá asumir a titularidade das instalacións para evitar a eliminación abrupta dos postos de traballo” e facilitar que asuman a titularidade ou, en casos máis graves e falta de viabilidade, “garantir que se recuperen dous postos de traballa por cada posto desaparecido na mesma comarca”.
O PSOE, pola súa banda, aposta pola “redución do custo enerxético mediante a regulación das redes pechadas de distribución, do estatuto de consumidores electrointensivos e a prórroga da vida útila das instalacións de coxeración”. Mentres, o PP aposta por “utilizar os ingresos adicionais que se dervian do aumento dos dereitos de emsión de CO2 nos mercados europeos para modificar a fiscalidade da enerxía, rebaixando así en cada momento do tempo a factura enerxética da industria”.
"Revogar a prórroga de ENCE"
Tamén hai referencias específicas a ENCE nos programas destas tres formacións. En Marea aposta pola “eliminación definitiva da prórroga” á empresa “na súa ubicación na ría de Pontevedra”. O BNG pide tamén “revogar” a prórroga “tendo en conta a finalización do período vixente da concesión, co fin de posibilitar o pleno saneamento e rexeneración da ría e o fin do impacto no conxunto do país, coa eucaliptización masiva que provocou historicamente”.
En Común-Unidas Podemos, pola súa banda, comprométese a “anular as concesións de Ence e Reganosa”, así como “fiscalizar os incumprimentos da concesión e facer efectiva a derrogación da prórroga por 60 anos”.
En canto ao carbón, o BNG demanda “a débeda histórica do Estado coas comarcas mineiras galegas polo incumprimento e exclusión dos sucesivos Plans do Carbón e do fin á discriminación no reparto de recursos de forma que Galiza poida desenvolver unha transición enerxética xusta”.
A "derrogación" da prórroga de ENCE é compartida por todos os partidos que fan referencia explícita á pasteira; En Común propón anular a súa concesión e a de Reganosa
En Común, pola súa banda, aposta por “reactivar os fondos Miner para as comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas de carbón en Galicia” e garantir o “peche definitivo” destas centrais de non adaptarse “aos límites de emisións fixados pola UE”. O PSOE, ademais, apunta á “creación de novos empregos nas comarcas máis vulnerables ante a transición enerxética”, así como a un “calendario con datas máximas” de peche gradual das centrais térmicas e nucleares.
O PP, pola súa banda, limítase a considerar “necesario que as empresas dispoña dunha enerxía barata, sustentable e segura e avanzar na produción de enerxías renovables e na descarbonización, un ámbito no que España está chamada a estar na vangarda”.