A sanidade ocupa dende hai meses o centro do debate político en Galicia, ao igual que noutros territorios do Estado. O efecto dos recortes para a calidade da atención recibida pola cidadanía, a falta de persoal e as súas precarias condicións laborais teñen motivado as máis importantes mobilizacións sociais nos últimos tempos no noso país.
Aínda que a sanidade é unha competencia transferida ás comunidades autónomas, esta cuestión tamén está presente na campaña electoral do 28 de abril. En primeiro lugar por unha serie de debates que afectan a temas sobre os que o Estado central si ten competencia, como a universalidade da atención sanitaria ou a aprobación dunha lei que regule o dereito á eutanasia. E, ademais, porque as propostas que algúns partidos realicen a nivel estatal poden ter un efecto directo nas que no futuro poñan sobre a mesa en Galicia.
Unha análise dos programas amosa, ao igual que noutras temáticas, unha relativa coincidencia entre as propostas de PSOE, En Común Unidas Podemos, BNG e En Marea e, fronte a elas, un posicionamento do Partido Popular que se sitúa moi lonxe en moitas cuestións. A reversión dos recortes e do copago farmacéutico ou a ampliación de dereitos (por exemplo a asistencia bucodental gratuíta) son elementos que as catro forzas de esquerda levan nos seus programa. E, pola contra, no do PP atopamos a defensa da “colaboración público-privada” para a dotación tecnolóxica e a xestión dos hospitais, ao igual que unha teima pola uniformización da política sanitaria en toda España.
PP: Unha das medidas estrela do PP en sanidade é a de garantir que "todos os españois sexan atendidos en condicións de igualdade no conxunto do territorio nacional", para o que propón a aprobación dunha tarxeta sanitaria válida para todo o Sistema Nacional de Saúde. De igual xeito, aposta por un calendario de vacinación único en toda España e, ademais, fai fincapé en que "a única lingua cuxo coñecemento será un requisito indispensable para o acceso a un emprego público como o sanitario será o castelán" e que "as linguas cooficiais porán considerarse un mérito, nunca un requisito excluínte".
O PP promete "garantir o acceso a probas diagnósticas e intervencións nun tempo mínimo", aínda que non aclara se será incrementando os recursos da sanidade pública ou remitindo os pacientes á sanidade privada
En canto á xestión sanitaria, defende "os recursos da colaboración público-privada para poder afrontar a permanente modernización dos hospitais, a incorporación da innovación tecnolóxica". E, igualmente, "revisar" os centros, unidades e servizos de referencia "desde o prisma da especialización". Ademais, promete "garantir o acceso a probas diagnósticas e intervencións nun tempo mínimo", aínda que non aclara se será incrementando os recursos da sanidade pública ou remitindo os pacientes á sanidade privada cando se supere un determinado tempo de espera, como xa sucede en Galicia.
PSOE: Os socialistas fan fincapé en "avanzar no desenvolvemento do Real Decreto-Lei que recuperou a universalidade para que a súa aplicación sexa efectiva en todo o territorio". E, igualmente, prometen "revisar os copagos farmacéuticos inxustos aprobados en 2012", que serán primeiro eliminado para os pensionistas con rendas anuais inferiores aos 11.200 euros.
Así mesmo, propoñen incorporar á carteira básica de servizos "de forma progresiva" a asistencia á saúde bucodental de toda a poboación. E prometen a aprobación dunha lei para regular a eutanasia e a morte digna. Defenden desenvolver o Observatorio de Saúde das Mulleres "para incorporar o enfoque de xénero en todas as estratexias de saúde e na investigación biomédica".
En Común: O programa en En Común Unidas Podemos en sanidade ten moitas semellanzas co do PSOE, defendendo o acceso universal á sanidade, rexeitando o copago farmacéutico e apostando igualmente por "incorporar a perspectiva de xénero en toda a política sanitaria" e por garantir o servizo de odontoloxía gratuíto nos servizos do sistema de saúde, ademais de mellorar a investigación, diagnóstico e tratamento da endometriose. Ademais, propón a despenalización do cánnabis e a legalización do seu uso con fins terapéuticos e medicinais.
As catro forzas de esquerda comparten os obxectivos do dereito universal á sanidade pública, da supresión do copagamento farmacéutico, a atención bucodental gratuíta ou o dereito á eutanasia
Porén, dedica tamén un grande espazo a achegar propostas para acadar a redución das listas de espera en Atención Primaria, Atención Especializada, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas. Unhas medidas que pasarían polo incremento do número de camas hospitalarias, a mellora da capacidade resolutiva da Atención Primaria ou a esixencia da dedicación exclusiva dos traballadores sanitarios. Así mesmo, propón incrementar o orzamento dedicado a sanidade do 6% ao 7,5%, cun 25% destinado á Atención Primaria. Promete, igualmente, loitar contra a precariedade do persoal sanitario, recuperar o persoal que tivo que saír a traballar ao estranxeiro e incrementar as prazas MIR.
BNG: O BNG comparte con PSOE e En Común os obxectivos do dereito universal á sanidade pública e da supresión do copagamento farmacéutico, así como a proposta de "incorporar progresivamente a asistencia odontolóxica gratuíta até os 18 anos". O Bloque fai fincapé en mellorar o financiamento da sanidade pública, "incrementando significativamente o valor dos parámetros de dispersión e envellecemento da poboación e asegurando maior racionalidade no gasto farmacéutico" e, igualmente, reclama eliminar a taxa de reposición de persoal.
No seu programa tamén destaca a proposta de "reforzar o carácter público da sanidade e reducir as súas
posibilidades de privatización", mediante unha modificación da Lei 15/97, sobre habilitación de novas formas de xestión do Sistema de Saúde, que "asegure que a titularidade, o financiamento, a xestión e a provisión de servizos sanitarios se fará con entidades exclusivamente públicas".
En Marea: Finalmente, o programa de En Marea contén boa parte das medidas propostas polas tres formacións anteriores, comezando polo acceso universal á sanidade pública, a atención odontolóxica ou polo copago, que pide "revisar". Tamén suxire "reforzar a atención primaria", incrementando "un punto e medio anual na vindeira lexislatura nos orzamentos dedicados ao nivel asistencial de Primaria".
Propón tamén modificar a Lei 15/1997 "co obxectivo de reducir as súas posibilidades de privatización" e aposta pola creación "dunha empresa farmacéutica pública que sexa capaz de garantir os medicamentos necesarios en situacións de desabastecemento ou de necesidade vital". Por último, defende ao igual que PSOE, En Común e BNG "regular de forma clara os coidados paliativos" e "despenalizar a eutanasia para posibilitar unha morte digna".