O PPdeG mantivo este luns unha xuntanza con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística dentro da rolda de contactos que a entidade está a manter coas formacións políticas para lles presentar o Manifesto a prol da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia, promovido por este colectivo e outros na defensa dos dereitos lingüísticos de todos os idiomas do Estado. O deputado popular César Fernández Gil asegurou, segundo A Mesa, que “tomará en consideración” o documento, ademais de comprometerse a presentalo tanto ao grupo parlamentario como ao partido. Todo tan só uns días despois de que o seu líder a nivel estatal, Pablo Casado, presentase un programa electoral para os comicios do 28 de abril no que promete abertamente rebaixar o rango legal dos idiomas oficiais diferentes do castelán e faino mesmo contradicindo varias leis aprobadas baixo gobernos do poulares, tanto en Galicia como en España.
O PPdeG di que tomará en consideración o manfiesto a prola da pluralidade lingüística que reclama "igualdade" para o galego mentres Casado aposta por rebaixar aínda máis o seu rango legal
O manifesto --promovido pola Mesa e Kontseilua (País Vasco), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Catalunya), Acción Cultural del País Valenciá (Comunitat Valenciana), Obra Cultural Balear (Illes Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias)-- recolle a situación de “desigualdade manifesta” das linguas diferentes do castelán no Estado, que recentemente foi denunciada en organismos internacionais como a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, o Parlamento Europeo ou o Consello de Europa e mais no Congreso español.
Fronte a esa discriminación tantas veces denunciada o PP propón no seu programa impulsar unha "lei orgánica de uso do castelán como lingua oficial do Estado" pola que "só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, cando menos, en castelán". Xa que logo, calquera texto en galego sen tradución anexa non sería aceptado en ningunha Administración. Nese novo marco, o castelán sería a "única lingua cuxo coñecemento" tornaría en "imprescindible" para "o acceso a un emprego público".
A realización do plan de Casado traería consigo a desmontaxe de parte do corpo lexislativo que avala a cidadanía para relacionarse coas Administracións públicas en linguas oficiais que non sexan o castelán e contradicir en boa medida o espírito do artigo 3 da Constitución e a lexislación que se apoia nel.
Alén disto, a proposta de Casado batería contra dúas leis recentes que proceden da lexislatura da maioría absoluta de Mariano Rajoy. Unha delas, a nova redacción do Estatuto Básico do Empregado pública, que fixa a obriga de "garantir a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio" e que as Administracións deben "prever a selección dos empregados públicos debidamente capacitados para cubrir os postos de traballo nas comunidades autónomas que gocen de dúas linguas oficiais".
A outra, a vixente lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que fixa entre os "dereitos das persoas nas súas relacións coas Administracións públicas" o de “utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma” segundo a lexislación vixente.
A promesa de Casado que non teñan "carácter oficial" os os "actos administrativos" en galego se non son traducidos ao castelán contradí a Constitución e normas aprobadas polo Executivo de Rajoy en 2015
As propostas do PP irán tamén contra a lexislación galega. Por exemplo, contra a lei de normalización lingüística de 1983, aprobada naquela altura por unanimidade durante o primeiro goberno de Alianza Popular -dous membros deste grupo non asistiran á votación, un deles era Rajoy-. Esta norma, entre outros aspectos, evidencia que "as actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada". Isto é, as comunicacións oficiais en galego son plenamente válidas, igual que as ditadas en castelán.
Ademais, por exemplo, a lei de garantía da calidade dos servizos públicos do ano 2015 evidencia como dereito das persoas usuarias destes servizos o de "utilizar e ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá". Tamén agrega que o galego é a "lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos".
"Máis de 500 disposicións que amparan o español"
Malia as intencións de Casado, tal e como lembra A Mesa, “existen máis de 500 disposicións legais que amparan o español". “Coñecer a lingua propia de cada territorio, no caso de Galiza o galego”, explica, "non é requisito para o acceso á administración pública, incluída xustiza ou os corpos de seguridade; a presenza nos medios de comunicación públicos do Estado é anecdótica; e a lexislación restrinxe a presenza das linguas na etiquetaxe e información de produtos”, di , a secretaria xeral da entidade, Mónica Pazos. “O incumprimento da Carta Europea das Linguas é flagrante", iniste, "e tal e como recolle o manifesto conxunto esta situación debe ser recoñecida, para avanzarmos nun Estado democrático”.
O manifesto avoga por que o Estado “estenda deberes e dereitos dos que até agora só se beneficiou o castelán, como son a capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, incluída a de xustiza, o seu uso xeralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nivel internacional e paridade co castelán”.
O BNG, que tamén se reuniu este luns coa Mesa, amosou o seu apoio ao documento que será presentado a outras formacións políticas durante os vindeiros días. Mentres o PPdeG di que que o tomará en consideración, o seu líder estatal insiste en reducir o rango legal do galego e poñerlle máis atrancos dos que xa ten.