A cabeza de lista ao Congreso polo PSOE na provincia da Coruña cre que o vindeiro 28 de abril está en xogo "a involución ou o progreso" e advirte de que "están en cuestión alicerces fundamentais da nosa convivencia que críamos consolidadas". Lamenta a fragmentación na esquerda, pero defende a colaboración e os acordos nese ámbito e non coa dereita. "Únennos moitas máis cousas e, sobre todo, un modelo de sociedade que compartimos", di.
O PSOE semella estar nunha boa posición de cara ao 28A, como se fai campaña nesta situación?
As campañas son sempre moi intensas, pero se cadra esta algo máis porque están logo moi preto as municipais e entendemos que estes comicios van ter tamén un efecto de tracción e moi positivo. O PSOE está nunha boa posición, non só porque o digan as enquisas, que non son a principal referencia, senón porque estamos no goberno e podemos facer propostas e achegas sobre o que levamos feito en tan pouco tempo. A nosa mensaxe é esa: trasladar que cunha lexislatura consolidada de catro anos e con estabilidade podemos facer aínda máis e reverter todos os recortes que afectaron os piares do Estado de Benestar, afondar na política social e no que importa á xente, que foi tan debilitado tras os anos do PP.
"Xogámonos a involución ou o progreso; non estamos falando do que pode pasar, senón do que xa está pasando en Andalucía"
A posible irrupción da extrema dereita fai que esta campaña sexa máis importante que outras?
É moi decisiva. É certo que sempre o dicimos, porque sempre son importantes, pero a diferenza agora é que nos estamos xogando a involución ou o progreso. Pode parecer que se está apelando ao medo, pero non é así porque non estamos falando do que podería pasar, senón do que xa está pasando en Andalucía, con esas decisión políticas dun bloque das dereitas que ten a folla de ruta marcada pola ultradereita, por Vox, mentres PP e Ciudadanos lle fan seguidismo. Hai moitas cuestións que críamos consolidadas e que agora se poñen en cuestión: a sanidade pública e a ameaza de privatización que promove claramente a extrema dereita; o modelo territorial de convivencia e estable dos últimos 40 anos, aínda que haxa que afrontar reformas lóxicas na Constitución; a igualdade entre homes e mulleres... Son alicerces fundamentais da nosa convivencia que resulta que volven estar en cuestión.
"Hai alicerces fundamentais da nosa convivencia que críamos consolidadas e volven estar en cuestión"
Nunha campaña con tanta relevancia estatal, non está a custar moito meter a axenda galega no debate político?
Galicia non pode quedar á marxe dos grandes temas. O que lle importa á xente é o que lle afecta no día a día: o emprego, a sanidade, a educación, as pensións... E Galicia, por exemplo, ten un problema agora moi importante coa sanidade ou coas decisións de ámbito empresarial que atinxen a política industrial. Está en xogo ter un sector industrial potente e non basearse só no sector servizos, e nese ámbito temos un problema específico con compañías electrointensivas.
Co tema de Alcoa semella que non se dá atopado un amaño...
Parece que este tema xurdise agora de súpeto, cando xa levamos tempo advertindo dun problema co prezo da enerxía que inflúe en casos como o de Alcoa, Ferroatlántica ou outras firmas. Hai unha proposta que pretende dar estabilidade ao sector, un estatuto de consumidores electrointensivos que é un punto de partida, pero que é para consensuar e para sumar.
Que outros problemas urxentes ten Galicia e se deberían afrontar?
Os problemas do sector primario, do sector agrogandeiro e do envellecemento da poboación, un tema que me parece fundamental. O reto demográfico e as eivas en moitos territorios de Lugo e Ourense que se abandonan por falta de oportunidades de vida, de recursos... Eses son os grandes temas que temos que afrontar como país e que temos que colocar na axenda estatal.
A esquerda, habitualmente dividida, afronta en Galicia unha fragmentación importante. Preocúpalle que se poidan perder moitos votos por esa banda?
A esquerda sempre tivo o problema da fragmentación, algo que lle está a pasar agora á dereita e que nunca lle pasaba. Pero temos que poñer en valor a capacidade de diálogo porque as maiorías xa remataron e iso fórzanos a dialogar e a falar. Hai a quen parece que lle proe, como se a democracia ou a política non fose iso. Entendo perfectamente que cada forza intente ocupar o seu espazo, que o nacionalismo reivindique a súa posición e que outros o fagan tamén... Desafortunadamente para a esquerda, agora hai unha fragmentación tamén nunhas forzas que en anteriores comicios foron xuntas. Iso divide máis o voto e non lle permite á esquerda sumar con máis forza, pero é unha realidade e hai que asumila así. Precisamente por iso, nós reivindicamos a necesidade do apoio ao PSOE para que teña unha forza dabondo para se asentar e contrapoñerse ás propostas da dereita que nos levan á involución.
"Canto máis sumen as esquerdas, mellor; sempre defendín a colaboración entre a esquerda, porque nos unen moitas máis cousas, sobre todo un modelo de sociedade que compartimos"
Aposta por un acordo do PSOE con outras forzas de esquerda?
Canto máis poidamos sumar as esquerdas, moito mellor. Eu sempre defendín, no ámbito municipal, galego ou estatal, a colaboración e a afinidade política coa esquerda e non coa dereita. Téñoo clarísimo porque nos unen moitas máis cousas e, sobre todo, un modelo de sociedade que compartimos. Que non se perdan votos polo camiño que nos permitan sumar no bloque da esquerda si é preocupante.
Daquela, descarta que o PSOE pacte con Ciudadanos...
Agora mesmo falar de pactos non é moi respectuoso coa cidadanía que vai votar. Tamén é difícil falar de pactar nada cun partido que che pon un cordón sanitario pero se abraza á extrema dereita ou ao PP, un partido declarado corrupto con sentenza xudicial. Chama a atención. A interlocución non pode ser moi fluída, senón todo o contrario. O que queremos no PSOE é ter unha maioría suficiente, a maior que poidamos ter, e poder consolidar a folla de ruta que empezamos nestes últimos meses, e evidentemente, con acordos e apoio doutras forzas de esquerda para afondar nese modelo de sociedade de igualdade de oportunidades e de protección social. E que España e Galicia avancen nunha sociedade do século XXI e non teñamos que mirar cara atrás, temendo que volvan tempos previos á democracia. O incrible é que teñamos que estar falando disto.