As enquisas publicadas ata o momento, comezando pola do CIS, indican que o PSdeG-PSOE podería obter o 28 de abril unha cómoda vitoria, mellorando moito os seus resultados do 2016 e superando amplamente o Partido Popular. Por iso nos últimos días unha das mensaxes máis repetidas polos líderes da formación socialista é a de evitar o exceso de confianza.
Borrell advertiu de que “non está todo feito” e chamou a “non fiarse” das enquisas
Así o fixo de novo este venres pola noite en Ourense Josep Borrell, ministro de Exteriores e número 1 do PSOE para as eleccións europeas. Nun acto que encheu o salón de actos Marie Curie do edificio politécnico do Campus de Ourense, Borrell advertiu de que “non está todo feito” e chamou a “non fiarse” das enquisas, lembrando que as sondaxes tampouco prediciron as vitorias de Trump nos Estados Unidos, do Brexit no Reino Unido ou das dereitas en Andalucía.
Reclamou nese senso que os e as votantes progresistas acudan a votar o 28 de abril "en defensa dos nosos dereitos" e para rexeitar "políticas machistas, xenófobas e racistas que criamos superadas”. “Nunca se pode dar por feita unha conquista”, engadiu.
Borrell acompañou no acto ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, á número 1 da lista ao Congreso pola provincia de Ourense, Marina Ortega, e ao candidato á alcaldía da cidade, Rafael Rodríguez Villarino.
O líder dos socialistas galegos fixo tamén un chamamento a que “ningún voto de progreso quede na casa”
Gonzalo Caballero centrou a súa intervención na política galega e en Alberto Núñez Feijóo, de quen dixo que "inicia a campaña lastrado pola súa falla de compromiso coa exemplaridade dos cargos públicos” a raíz do “caso Valedora”. Caballero lembrou que o PP tamén “tentou escapar das súas responsabilidades” trala sentenza da Gürtel, "igual que agora tenta facer Feijóo, pese a que os tribunais amosan irregularidades de moita gravidade”.
Finalmente, o líder dos socialistas galegos fixo tamén un chamamento a que “ningún voto de progreso quede na casa”, lembrando que os dez anos de Feijóo na Xunta "teñen suposto un empeoramento da calidade de vida dos galegos"