"O noso alumnado non se maltrata". Profesorado do IES Concepción Arenal de Ferrol posa con este cartel para amosar o seu "ánimo e cariño" á rapazada ferida nas cargas policiais sucedidas tras a mobilización na Coruña a pasada semana contra a presenza do líder da extrema dereita de Vox, Santiago Abascal.
Máis de trinta docentes aparecen nunha fotografía que serve para acompañar un comunicado no que advirten de que "non é aceptable" que de actos de manifestación como os do pasado 21 de outubro saian mozos "feridos, algúns deles de gravidade". E lembran que unha ex-alumna do centro, que deixou o instituto no curso pasado, "case perde un ollo" logo de sufrir unha rotura da órbita ocular.
"Rexeitamos actuacións que poñan en perigo a integridade física destes rapaces e rapazas. Son o noso alumando; vímolos medrar e madurar en paz. Son os nosos fillos, as nosas fillas; son os alicerces da vindeira sociedade", di o comunicado deste profesorado, que lembra que a mocidade que se mobiliza "clama porque se lle permita tomar o seuscamiño". "Non podemos calalos e, sen dúbida, a violencia non é a resposta", denuncian.
Unha ex-alumna do IES Concepción Arenal case perde un ollo tras as cargas policiais logo de sufrir unha rotura da órbita ocular
Ademais, os docentes lembran que entre as súas "tarefas" está a do "ensino de valores democráticos" e que "a liberdade de expresión e de manifestación son algúns deles". "O noso alumnado, a mocidade, ten dereito a reclamar mellor formación e máis medios na educación; tamén unha perspectiva de traballo digna e de vivenda accesíbel", din, advertindo que o fan "exercendo o seu dereito á manifestación".
"Ás veces", din, fano "a berros, porque non se lles escoita suficientemente". "Isto non pon en perigo a convivencia; é un xeito de expresar a súa inquedanza por un futuro desexado, que non dá chegado", expresan.
"O noso alumnado, a mocidade, ten dereito a reclamar mellor formación e máis medios na educación; tamén unha perspectiva de traballo digna e de vivenda accesíbel"
O comunicado deste profesorado refírese aos sucesos acontecidos tras a mobilización de milleiros de persoas antifascistas contra o acto convocado polo dirixente do partido de ultradereita Vox na Coruña hai unha semana.
Naquela xornada, e xa rematado o devandito acto, axentes antidisturbios levaron a cargo cargas policiais contra os manifestantes, moitos deles rapaces e rapazas moi novas, por, segundo asegurou a Delegación do Goberno de España, non respectar os requirimentos policiais e comezar "a lanzar mobiliario urbano e outros obxectos".
Persoas presentes na praza aseguraron, no entanto, que os antidisturbios cargaron antes de que se lanzase obxecto ningún, acúsanos de encerrar a xente e denuncian disparos de pelotas e balas de goma a poucos metros e por riba da cintura de varios mozos, ademais dun empurrón a unha persoa discapacitada ou de actitude desafiante dalgún axente moito antes da chegada de Santiago Abascal. Tamén que permitiron as provocacións de simpatizantes de Vox, ante as que actuaron tarde.
"Brutalidade"
Varios dos colectivos convocantes das mobilizacións denunciaron a "brutalidade" policial e partidos como o BNG ou Sumar cualificaron de "desproporcionada" unha actuación que foi defendida pola Delegación. O balance foi de dous detidos e varios mozos e mozas feridas por golpes de porra ou disparos de pelotas de goma, algúns deles causantes da rotura da órbita ocular dunha rapaza á que se refería o profesorado do IES Concepción Arenal.
As consecuencias das feridas dalgúns e dalgunhas das manifestantes foron denunciadas por colectivos xuvenís que mesmo amosaron fotografías das feridas. Á tardiña do mesmo día, unha manifestación contra a actuación policial acabou tamén en disturbios e enfrontamentos coa policía por parte dun grupo de persoas e unha vez acabada a mobilización. Houbo un detido, case trinta contedores queimados e importantes danos no mobiliario urbano.