Sentín orgullo ao ver miles de persoas -a inmensa maioría delas moi novas- plantarse diante dun dirixente fascista que aspira a eliminar o autogoberno galego e a ilegalizar a forza política que lidera a oposición no noso Parlamento. E sentín medo, verdadeiro medo perante a actuación absolutamente desproporcionada das chamadas forzas de seguridade do Estado
Estiven nas masivas mobilizacións antifascistas deste mércores 21 de outubro na Coruña, primeiro na Praza de María Pita, logo nas rúas do centro da cidade. Sentín orgullo ao ver miles de persoas -a inmensa maioría delas moi novas- plantarse diante dun dirixente fascista que aspira a eliminar o autogoberno galego e a ilegalizar a forza política que lidera a oposición no noso Parlamento. E sentín medo, verdadeiro medo perante a actuación absolutamente desproporcionada das chamadas forzas de seguridade do Estado.
O seu comportamento -cun aparato represivo, espingardas intimidatorias, gases lacrimóxenos, propio dun conflito bélico- estivo complemente fóra de lugar perante unha manifestación chea de rapazada pacífica. Se axen así cun goberno sedicentemente progresista no Estado, que cabe agardar deles se a dereita extrema do PP e a extrema dereita de Vox conseguen conformar goberno a partir do 29N?
Houbo, si, actos vandálicos ao termo da mobilización vespertina. Mais foi iso, ao termo, cando as organizacións convocantes xa se disolveran. Non durante a manifestación, senón despois. E eses actos vandálicos, dos que non gosto en absoluto, ofrécenlle a coartada perfecta á dereita política -e a mediática, xa non sabe un se aquela manda nesta ou se é ao revés- para criminalizar protestas democráticas, pacíficas e galeguistas contra un dirixente que representa a peor estirpe do españolismo, a liquidacionista de nacións como a nosa.
Houbo, si, actos vandálicos ao termo da mobilización vespertina. Mais foi iso, ao termo, cando as organizacións convocantes xa se disolveran. Non durante a manifestación, senón despois
E, non, non podemos tolerar esa criminalización porque o que está en xogo é a propia condición de posibilidade da democracia.
Non quero rematar en plan apocalíptico: por suposto que hai esperanza e por suposto que a esperanza pode e debe vencer o medo.
A esperanza da multitude que honrou onte a secular tradición democrática, galeguista e antifascista da cidade da Coruña.