Amnistía Internacional pide á policía garantir en Galicia o dereito á protesta e que "non use pelotas de goma"

Carga policial e feridas en varios mozos tras o acto de Vox na Coruña CC-BY-SA Imaxe de vídeo de Fervenza e fotografías da CM Socialista

Amnistía Internacional fai un chamamento ás autoridades, nomeadamente á Delegación do Goberno de España en Galicia, para que a policía "garanta o dereito á protesta e de reunión pacífica, incluídas accións de desobediencia civil pacífica". 

Amnistía Internacional pide á Delegación do Goberno central que garanta o dereito á protesta nos actos contra Vox deste sábado na Coruña e en Ferrol

A delegación en Galicia da entidade que vela a nivel mundial polo respecto aos dereitos humanos fai esta demanda ante as concentracións previstas este sábado en Ferrol e na Coruña para protestar contra actos convocados por Vox e logo das polémicas cargas policiais que tiveron lugar o pasado 21 de outubro na cidade herculina tras unha concentración tamén en protesta contra o partido de extrema dereita. 

“Pedimos que os dispositivos policiais para a xestión da orde pública actúen segundo as normas internacionais de dereitos humanos relativos ao uso da forza, dando prioridade á distensión e á protección do dereito de reunión pacífica e da integridade física de todas as persoas”, asegura Sara Prieto, voceira de Amnistía Galicia, que demanda “que a policía non faga uso das pelotas de goma porque son imprecisas e poden causar lesións graves”.

Feridas en varios mozos e mozas tras as cargas policiais na Coruña, o 21 de outubro de 2026 CC-BY-SA CMS A Coruña

As imaxes relacionadas coas actuacións policiais na Coruña difundidas por diferentes medios de comunicación, lembra Amnistía Internacional , "mostraron disparos de pelotas de goma a pouca distancia e á cara e golpes coas porras na cabeza de manifestantes, así como disparos indiscriminados de pelotas de goma que provocaron lesións por un uso excesivo da forza policial".

Amnistía pide á policía que "dea prioridade á distensión e á protección do dereito de reunión pacífica, non empregue pelotas de goma e respecte as normas internacionais sobre o uso da forza"

Unha rapaza estivo a piques de perder un ollo tras sufrir unha rotura da órbita ocular, e a imaxe da súa lesión foi unha das que algúns colectivos difundiron para denunciar a "brutalidade policial", con fotografías de negróns e feridas provocadas por porras entre xente nova. 

De feito, varios partidos e entidades denunciaron unha actuación "desproporcionada" dos axentes antidisturbios e profesorado dun instituto de Ferrol, onde estudou a moza agredida no ollo, denunciou as cargas e a "violencia" empregada contra rapazada. Ademais, este mesmo sábado presentou a Plataforma Antirrepresiva da Coruña, co obxectivo de "defender as persoas represaliadas nas mobilizacións do 21 de outubro, denunciar a violencia policial e responder á criminalización do antifascismo na cidade". 

A organización critica "disparos indiscriminados" e á cara de pelotas de goma e "golpes con porras na cabeza" tras a mobilización contra Vox na Coruña

Amnistía Internacional lembra que as normas internacionais sobre o uso da forza "limitan o uso das porras contra persoas que estean inflixindo ou ameazando con inflixir dano a persoal das forzas da orde ou a cidadáns, e deben dirixirse contra os brazos ou as pernas do atacante", ademais de establecer que "debe evitarse o seu uso contra toda persoa que non teña nin ameace con ter un comportamento violento". 

"As pelotas de goma deben utilizarse só para golpear a parte inferior do abdome ou as pernas dunha persoa violenta, e unicamente co fin de facer fronte a unha ameaza inminente de lesións contra un integrante das forzas da orde ou un membro do público", explica a entidade. 

Un intre das cargas policiais nun vídeo difundido por Fervenza Sindicato Estudantil

"As porras policiais só deben empregarse contra persoas que están a levar a cabo actos violentos coa finalidade de que deixen de facelo e cesen na súa actitude”, insiste a voceira de Amnistía Internacional en Galicia. "Feitos illados de violencia non implican que a manifestación deixe de ser pacífica, e deben ser abordados de forma específica pola policía, de forma proporcionada e respectando o exercicio do dereito á reunión pacífica do resto de manifestantes", engade a organización. 

"Criminalización"

Amnistía Internacional lembra que a súa denuncia coincide con outras por "uso excesivo de forza policial" en diferentes puntos de España e coas recomendacións do informe do Consello de Dereitos Humanos da ONU sobre o Exame Periódico Universal realizado a España en 2025. 

Nel destacouse, explica a entidade, que "persiste a falta de rendición de contas polo uso excesivo da forza" e advírtese da necesidade "de que a actuación policial respecte os principios de necesidade e proporcionalidade, o persoal reciba formación conforme as normas internacionais de dereitos humanos e todas as denuncias sexan investigadas de xeito exhaustivo".

Amnistía Internacional lembra que os Estados "deslexitiman, estigmatizan, criminalizan e reprimen cada vez máis a quen se manifesta pacificamente, impoñendo restricións inxustificadas e punitivas, recorrendo a medios cada vez máis represivos para acalar a disidencia". "Estas preocupacións están perfectamente aliñadas coas actuacións das forzas e corpos de seguridade no Estado español e Galicia", conclúe. 

Un intre das cargas policiais nun vídeo difundido pola Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.