24 familias da Coruña, en risco de expulsión das súas vivendas por un holding inmobiliario

A veciñanza do edificio de Gramela organizouse para evitar a expulsión das súas vivendas CC-BY-SA Praza.gal

Veciños e veciñas de cando menos tres edificios da Coruña recibiron burofaxes das empresas Artabria Homes e Brigantia Real Estate que os informaban de que debían abandonar os seus inmobles en canto finalizasen os seus contratos de alugueiro en vigor. En total, son 24 as vivendas afectadas por esta ameaza

Os veciños e veciñas de cando menos tres edificios da Coruña -situados na avenida da Gramela, avenida de Fisterra e rúa Capitán Troncoso- recibiron nos últimos meses burofaxes (notificacións con validez legal) das empresas Artabria Homes e Brigantia Real Estate que os informaban de que debían abandonar os seus inmobles en canto finalizasen os seus contratos de alugueiro en vigor. 

Os edificios foran adquiridos por estas dúas sociedades -que conforman GSC Holding- e as vivendas de Fisterra e Capitán Troncoso, ademais, foron revendidas posteriormente a unha empresa radicada en Madrid, Harvester Scout 1967 S.L., unha sociedade mercantil constituída recentemente. En total, son 24 as vivendas afectadas por esta ameaza. Dende os colectivos de vivenda da cidade alertan de que podería haber outros edificios na mesma situación, na rúa Adelaida Muro, na rúa Faro ou na Avenida dos Mallos, tamén adquiridas por estas sociedades e igualmente con inquilinos e inquilinas en risco de expulsión.

Con frecuencia escoitamos noticias de veciños e veciñas que deben abandonar as súas vivendas, propiedade de fondos voitre. Sucede en grandes cidades como Barcelona ou Madrid (un dos últimos casos foi o de Maricarmen). Pero isto pasa tamén en Galicia, como revela a situación pola que están a vivir estas familias coruñesas.

Este edificio da Avenida de Fisterra, 181, está tamén na mesma situación CC-BY-SA Praza.gal

Os edificios foron adquiridos polas empresas deste holding -probablemente a un prezo reducido-, co obxectivo de levar a cabo neles importantes reformas e así incrementar o seu valor de venda

Todos estes edificios comparten características semellantes: trátase de inmobles antigos nos que nas últimas décadas non se levaron a cabo traballos de renovación ou mantemento. Situados maioritariamente en barrios populares e habitados por persoas diversas que en gran medida levan moitos anos alí establecidas; maiores ou máis novas, de clase traballadora, veñen pagando o seu alugueiro sen problemas ata este momento. Os edificios foron adquiridos polas empresas deste holding -probablemente a un prezo reducido-, co obxectivo de levar a cabo neles importantes reformas e así incrementar o seu valor de venda.

Os primeiros en recibir os burofaxes coa ameaza de expulsión foron os inquilinos e inquilinas de Capitán Troncoso e Fisterra, xa o ano pasado. Porén, foi a chegada destes burofaxes aos veciños e veciñas de Gramela este pasado mes de xullo o que levou á organización dun forte movemento de defensa entre as persoas afectadas. A diferenza, en boa medida, é que os veciños e veciñas de Gramela son máis (o edificio consta de 17 vivendas, tres delas baleiras) e dende un primeiro momento estiveron máis unidos e con vontade de denunciar publicamente a súa situación, en colaboración con entidades coma a Plataforma de Vivenda e o Sindicato de Vivenda da Coruña. 

Dende os colectivos de vivenda da cidade alertan de que podería haber outros edificios na mesma situación, na rúa Adelaida Muro, na rúa Faro ou na Avenida dos Mallos, tamén adquiridas por estas sociedades e igualmente con inquilinos e inquilinas en risco de expulsión

A actual situación do mercado inmobiliario fai moi difícil que as persoas ameazadas de expulsión poidan seguir vivindo nos seus barrios e mesmo nalgún outro barrio da cidade da Coruña. No edificio de Gramela, por exemplo, veciños e veciñas están a pagar un alugueiro de 400 euros e no barrio da Agra do Orzán as opcións que se lles abren elevarían esta cifra ata os 900 euros; no resto da cidade os prezos máis baixos non son moi diferentes. 

Os burofaxes que veciños e veciñas foran recibindo non respectaban sequera, en moitos casos, a obriga legal de comunicar a non renovación do contrato de alugueiro con catro meses de antelación. Tampouco se ofreceron alternativas habitacionais a ningún dos veciños e veciñas, nin sequera a aqueles con aquelas situacións máis vulnerables.

Manifestación polo dereito á vivenda, o pasado 4 de outubro na Coruña © Sindicato de Vivenda da Coruña

A imposibilidade de marchar a outro lugar

A actual situación do mercado inmobiliario fai moi difícil que as persoas ameazadas de expulsión poidan seguir vivindo nos seus barrios e mesmo nalgún outro barrio da cidade da Coruña

Juan Lesta vive no edificio de Gramela dende hai 15 anos e o vindeiro 14 de novembro vence o seu actual contrato de alugueiro e tamén recibiu en xullo o burofax indicándolle que debía abandonar o inmoble nesa data. “A todo o mundo gústalle seguir vivindo no seu barrio e hai uns anos tiñas a posibilidade de facelo se tiñas que marchar da túa casa. Hoxe non, e a alternativa é marchar lonxe da Coruña", comenta en conversa con Praza.gal.

Lesta salienta que “é certo que eles non iniciaron ningún tipo de proceso xudicial para proceder ao desaloxo dos inquilinos aos que xa lles venceu o contrato, pero é que isto non lles interesa, porque sería un proceso longo. O que queren é que vaiamos marchando sen facer ruído". "Algún xa marchou e é absolutamente normal, non é agradable vivir nesta situación de tensión; se alguén ten a posibilidade de marchar é normal que o faga”, di.

O mesmo destaca, en conversa con Praza.gal, unha das persoas residentes en Capitán Troncoso: “non coñezo ninguén que estea nesta situación nos nos edificios que estea tranquilo: isto vaite queimando, tes pesadelos, vives nunha angustia constante”, di. "A xente ten medo, temos medo, o normal nestes casos é agachar a cabeza e marchar. O que me fastidia é que cada piso que queda baleiro é unha vitoria para eles”, engade.

Juan Lesta, un dos inquilinos, salienta que “é certo que eles non iniciaron ningún tipo de proceso xudicial para proceder ao desaloxo dos inquilinos aos que xa lles venceu o contrato, pero é que isto non lles interesa, porque sería un proceso longo. O que queren é que vaiamos marchando sen facer ruído"

Un caso especial é o da avoa de Daniela, residente no edificio da Avenida de Fisterra, e que fala no seu nome con Praza.gal. A avoa de Daniela vive no edificio da Avenida de Fisterra dende hai 13 anos. Trátase dun edificio pequeno, con catro vivendas, unha por andar, no que o actual propietario -Harvester Scout- quere que os actuais habitantes abandonen as súas casas. Tamén aquí os inquilinos e inquilinas recibiron burofaxes hai meses e todos e eles e elas están xa cos seus contratos vencidos.

“Neste momento mudarse a outro barrio ou a outro concello xa non é unha cuestión de preferencias vitais, é que na práctica é imposible para moitas persoas", destaca Daniela. "A miña avoa ten unha idade relativamente avanzada, non ten carné de conducir e polo tanto é inasumible que ela teña que marchar fóra da Coruña. Mandala a vivir noutro concello no que ela non coñece a ninguén e onde non ten a súa familia cerca, sería matala directamente”, di.

Resoan nesta testemuña o calvario sufrido nos últimos meses da súa vida por Maricarmen ou outros desaloxos, consumados ou non, que tiveron como protagonistas a persoas maiores. Na memoria coruñesa está a figura de Aurelia Rey, de 85 anos, que en 2013 estivo preto de desafiuzada por deber un mes do seu alugueiro. Finalmente, a mobilización social liderada por Stop Desafiuzamentos e accións individuais coma a do bombeiro Roberto Rivas, evitaron o desaloxo e Aurelia foi finalmente realoxada nunha vivenda de alugueiro social.

O edificio de Gramela 30, ao completo CC-BY-SA Praza.gal

A lei, da súa parte

Un caso especial é o da avoa de Daniela, residente no edificio da Avenida de Fisterra. "A miña avoa ten unha idade relativamente avanzada e é inasumible que ela teña que marchar fóra da Coruña. Mandala a vivir noutro concello no que ela non coñece a ninguén e onde non ten a súa familia cerca, sería matala directamente", di

Ao ser A Coruña dende o pasado ano zona de mercado residencial tensionado, inquilinos e inquilinas teñen o dereito de acollerse á prórroga tres anos establecida no artigo 10.3 da Lei de Arrendamentos Urbanos, unha prórroga que segundo a norma o arrendador debe aceptar "obrigatoriamente" nos termos actuais do contrato. Moitos destes veciños e veciñas xa realizaron o trámite, remitindo un burofax ao novo propietario e informándoo da súa intención de acollerse a esta prórroga de tres anos. 

Porén, dende a empresa rexéitase publicamente que o feito de ser A Coruña zona de mercado residencial tensionado permita unha prórroga extraordinaria nos contratos. Apóianse en que a Lei de Vivenda de 2023, que define a normativa en materia de zona tensionada, prestábase a interpretación sobre se esta prórroga de tres anos era aplicable a contratos anteriores á data de entrada en vigor da norma, algo que si queda claro cos recentes decretos de vivenda (tanto o 26/2026 que PP, VOX e Junts botaron abaixo no Congreso coma o posterior 29/2026 que en principio será aprobado pola Deputación Permanente da cámara).

O avogado deste grupo de veciños e veciñas ameazados pola expulsión, Antonio Vázquez, explica para Praza.gal que é certo que no momento en que se recibiron estas comunicacións instando ao abandono da vivenda non foran aprobados aínda os decretos. Porén, di, "pódese defender que esa figura da prórroga extraordinaria de tres anos é perfectamente aplicable a contratos anteriores". "Hai un criterio interpretativo, que é o espírito da lei, a finalidade da lei, e que nos debe guiar neste caso. Se a lei só se aplicase aos contratos asinados a partir da súa entrada en vigor, o seu efecto sería moi pequeno", sinala. Polo tanto, conclúe, todos os contratos que estean vixentes poden acollerse a esta prórroga, se o decreto 29/2026 finalmente é ratificado pola Deputación Permanente do Congreso o vindeiro 12 de novembro, como se espera.

Edificios sen mantemento

Ao ser A Coruña dende o pasado ano zona de mercado residencial tensionado, inquilinos e inquilinas teñen o dereito de acollerse á prórroga tres anos establecida no artigo 10.3 da Lei de Arrendamentos Urbanos, unha prórroga que segundo a norma o arrendador debe aceptar "obrigatoriamente" nos termos actuais do contrato

Os inqulinos e inquilinas afectadas denuncian algunhas das estratexias das sociedades propietarias. Por exemplo, explica, nalgúns casos a empresa está a reclamar a algúns dos veciños e veciñas supostas débedas que aos inquilinos e inquilinas non lles constan, por exemplo as subas do IPC non aplicadas en anos anteriores, un cálculo retroactivo que non é legal e que, denuncian, o novo propietario promete deixar sen efecto se a persoa abandona xa a vivenda. Veciños e veciñas critican que esta manobra buscaría simplemente amedrentar os inquilinos e inquilinas.

En Capitán Troncoso, ademais, denuncian que o edificio se vendeu sen división horizontal, o que permitiu a Artabria non ofrecer sequera o habitual dereito de tanteo aos inquilinos e inquilinas.

Critican tamén o papel que veu desenvolvendo un suposto intermedario "que o que tentou foi dividir os veciños e veciñas, e nalgún caso conseguiuno". Denuncian tamén que dende que adquiriron os edificios non se está a realizar ningún traballo de mantemento ou reparación de avarías, unha estratexia que está a levar a unha degradación dos inmobles.

Manifestación polo dereito á vivenda, o pasado 4 de outubro na Coruña © Sindicato de Vivenda da Coruña

A importancia de denunciar publicamente

Denuncian tamén que dende que adquiriron os edificios non se está a realizar ningún traballo de mantemento ou reparación de avarías, unha estratexia que está a levar a unha degradación dos inmobles

A organización dunha parte importante dos veciños e veciñas afectadas -especialmente os de Gramela, aos que despois se sumaron unha parte dos de Capitán Troncoso e Avenida de Fisterra- e a visibilidade mediática da súa situación puxo ao holding inmobiliario á defensiva. Juan Lesta destaca que "eles agora, a consecuencia posiblemente do golpe mediático que están sufrindo, comezan a dicir que todo foi un malentendido e que os veciños non temos que marchar. Pero de momento a única comunicación oficial que temos deles é ese burofax no que nos obrigan a marchar das nosas casas". "Eu o que creo é que eles agora o que están tentando é enfriar un pouco o asunto", engade.

De igual xeito, seguramente tamén pola presión mediática exercida nas últimas semanas, a empresa comezou recentemente a iniciar -a través do avogado dos inquilinos e inquilinas- algúns contactos encamiñados á realización de ofertas venda dos inmobles aos actuais arrendatarios, un dereito de tanteo que ata agora non ofrecera. En todo caso, Antonio Vázquez aclara que en ningún caso se tratou de ofertas oficiais. "A denuncia pública deste caso e a exposición mediática tivo un efecto moi favorable", concorda Vázquez, "porque deu lugar a que a empresa propietaria contactase con nós e iniciásemos conversas".

Ademais, estas supostas ofertas só se realizaron a algúns veciños e veciñas e non de forma oficial e, ademais, por cantidades inasumibles para eles e elas. "A compra non é unha opción para a maioría dos veciños e veciñas do edificio", subliña Juan Lesta.

Manifestación polo dereito á vivenda, o pasado 4 de outubro na Coruña © Sindicato de Vivenda da Coruña

Lesta conclúe destacando que "isto non pasa só en Madrid ou Barcelona, está a pasar tamén en Galicia e hai que paralo. Por nós e por moita outra xente que está nesta situación ou pode estalo nun futuro inmediato se os actuais propietarios das súas vivendas as venden a este tipo de empresas"

Lesta conclúe destacando que "isto non pasa só en Madrid ou Barcelona, está a pasar tamén en Galicia e hai que paralo. Por nós e por moita outra xente que está nesta situación ou pode estalo nun futuro inmediato se os actuais propietarios das súas vivendas as venden a este tipo de empresas".

Antonio Vázquez remata subliñando que estes veciños e veciñas teñen o dereito a ficar nas súas vivendas porque teñen dereito moral ("o tema moral é indiscutible, non vou entrar nel") e legal. E denuncia que estamos asistindo a "operacións especulativas nas que se quere dar un pelotazo". "Este tipo de empresas buscan uns edificios cunhas características moi concretas, propiedade de persoas de idade avanzada. Moitos propietarios, pode que sobrepasados pola complexidade que presenta esta actividade, o que queren é vender, converter en liquidez a súa propiedade e moitas veces nin se preocupan de obter un prezo elevado. Este é o nicho de mercado que aproveitan estas empresas", explica.

"Estamos vendo como o alugueiro de vivenda se converteu nunha actividade de tipo empresarial, non é como era ata hai 15 ou 20 anos", di, e destaca que "cando as empresas desta natureza especulativa entran no mercado e poñen en alugueiro unha vivenda a prezos moi elevados, isto provoca un efecto chamada tamén nos propietarios individuais, que ven como o piso do lado se está a alugar por moitos máis cartos que o seu e, polo tanto, deciden subir tamén o prezo", sinala Vázquez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.