Onde vai o diñeiro dos alugueiros? Barrios céntricos e clases altas reciben máis rendas inmobiliarias

Peso das rendas inmobiliarias sobre as rendas totais sobre a imaxe dun edificio na Coruña © Montaxe: Praza.gal

Os datos da Axencia Tributaria correspondentes ano ano 2024 amosan que é nos barrios con maior renda total onde as rendas inmobiliarias teñen un maior peso sobre os ingresos totais 

O alugueiro da vivenda está a virar nos últimos anos nun negocio que cada vez move unha cantidade maior de diñeiro. Por unha banda, polo aumento do número de persoas que vive en inmobles arrendados e, sobre todo, pola escalada dos prezos. Onde van eses cartos? Quen son os propietarios destas vivendas? É certo que a propiedade destes inmobles está bastante distribuída, cun gran número de arrendadores (ao redor de 150.000 en Galicia). 

Porén, os datos da Axencia tributaria revelan que cada vez son máis as persoas con ingresos elevados que declaran percibir rendas inmobiliarias, de xeito que o destino final dos cartos que se moven no alugueiro estaría a concentrarse cada vez máis nas clases altas, poñendo en cuestión o moitas veces citado rendismo popular que durante moito tempo caracterizou o mercado de alugueiro no país. Unha concentración que é económica (as rendas inmobiliarias van sobre todo ás persoas con maiores ingresos) e tamén xeográfica, pois son as persoas residentes en determinados barrios quen dependen máis das rendas inmobiliarias.

Nos barrios con menos poder adquisitivo as rendas do traballo adoitan ter un peso maior, mentres que nas zonas máis rico gañan importancia outros elementos coma o patrimonio inmobiliario (vivendas), mobiliario (accións) e os seus rendementos

Os propios datos da Axencia Tributaria correspondentes ano ano 2024 amosan que é nos barrios con maior renda total onde as rendas inmobiliarias teñen un maior peso sobre os ingresos totais das persoas que presentan a declaración do IRPF. Ata o ano 2023 esta estatística viña ofrecendo os datos de Vigo, A Coruña e Ourense, aínda que na última entrega se incorporou tamén a información de Santiago e Lugo (ao superar, por primeira vez, os 100.000 habitantes). Porén, só se pode analizar a evolución dos datos nas tres primeiras cidades.

No gráfico a liña de tendencia indica a relación directamente proporcional que existe entre o peso das rendas inmobiliarias en cada barrio e a renda total. É dicir: que nos barrios con máis ingresos o diñeiro procedente do cobro de alugueiros representa unha maior proporción dos ingresos totais. Nos barrios con menos poder adquisitivo as rendas do traballo adoitan ter un peso maior, mentres que nas zonas máis rico gañan importancia outros elementos coma o patrimonio inmobiliario (vivendas), mobiliario (accións) e os seus rendementos.

Os ingresos procedentes de rendas inmobiliarias medraron entre os anos 2021 e 2024 entre o 8% de Ourense, o 10% de Vigo e o 13% da Coruña. Entre os barrios nos que máis aumentaron están alguhas das zonas con maior renda destas cidades

Nas zonas máis ricas da Coruña, por exemplo (no Ensanche ou na contorna de Juan Flórez e San Pablo) as rendas inmobiliarias representaban en 2024 máis do 5% dos ingresos medios. En cambio, na Agra do Orzán, a Sagrada Familia ou os Mallos a porcentaxe non chega ao 4%. 

O mesmo pasa en Vigo entre as zonas con maior renda (Centro-Areal, O Castro, Oia...), onde as rendas inmobiliarias representan preto do 5% dos ingresos, fronte aos barrios populares como Teis ou Lavadores, onde o peso dos ingresos procedentes dos alugueiros non pasa do 3%. E, igualmente, en Ourense, na zona de San Lázaro-Alameda as rendas procedentes de alugueiros significan de media máis do 5% dos ingresos.

Os ingresos procedentes de rendas inmobiliarias medraron entre os anos 2021 e 2024 entre o 8% de Ourense, o 10% de Vigo e o 13% da Coruña. Entre os barrios nos que máis aumentaron están alguhas das zonas con maior renda destas cidades, coma a Cidade Vella da Coruña (+19%), o Ensanche herculino (+15%) ou o Casco Vello vigués (+16%).

Nas cinco meirandes cidades galegas as persoas con ingresos superiores aos 30.000 euros anuais reciben o 59% de todas as rendas inmobiliarias. A porcentaxe chega ao 64% en Compostela. Estas persoas reprensentan apenas o 33% das declaracións presentadas

As rendas inmobiliarias, aínda que distribuídas entre un número grande de propietarios arrendadores, diríxense en maior medida ás rendas máis elevadas, ben porque estes teñen máis vivendas en alugueiro, ben porque estas teñen prezos máis elevados. Os datos da Axencia Tributaria correspondentes ao ano 2024 revelan que nas cinco meirandes cidades galegas as persoas con ingresos superiores aos 30.000 euros anuais reciben o 59% de todas as rendas inmobiliarias. A porcentaxe chega ao 64% en Compostela. Estas persoas reprensentan apenas o 33% das declaracións presentadas.

As persoas que declaran ingresos anuais superiores aos 60.000 euros son tamén quen declaran maiores ingresos inmobiliarios, que van dende os 3.788 euros anuais de Vigo ata os 5.458 euros anuais de Santiago, a cidade na que as rendas inmobiliarias teñen un peso maior

As persoas que declaran ingresos anuais superiores aos 60.000 euros son tamén quen declaran maiores ingresos inmobiliarios, que van dende os 3.788 euros anuais de Vigo ata os 5.458 euros anuais de Santiago, a cidade na que as rendas inmobiliarias teñen un peso maior. Este dato duplica a media de todas as persoas declarantes nestas cidades e tamén, practicamente, o dato do seguinte nivel de renda, a das persoas con ingresos anuais entre 30.000 e 60.000 euros, que teñen ingresos inmobiliarios moi inferiores.

Se se analiza a evolución dende o ano 2021, iso si, o grupo no que se incrementan máis as rendas inmobiliarias é o das persoas con ingresos entre 12.000 e 21.000, mesmo por riba do aumento nas rendas máis elevadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.