A vivenda, cada vez en menos mans: o país de pequenos propietarios concéntrase aos poucos

Evolución do número de propietarios inmobiliarios en Galicia, en función do seu número de bens, sobre un anuncio de compra de pisos nun barrio da Coruña © Montaxe: Praza.gal

Case 1,2 millóns de persoas son propietarias de vivenda en Galicia, ao redor do 43% da poboación. A maior parte posúen unha soa e en conxunto suman o 55% de todos os inmobles

A propiedade da vivenda en Galicia está distribuída entre moitas mans. Os datos do Catastro debuxan un país de pequenos propietarios que na súa maioría posúen unicamente un inmoble residencial, aínda que hai tamén un importante grupo que suma entre 2 e 5. A realidade non é moi distinta da do resto do Estado, con algunha (pequena) diferenza en Canarias, Baleares, Cataluña e Madrid, onde é maior o peso dos grandes propietarios, con máis de dez vivendas. Pero a estatística revela tamén un proceso que se está dando dende hai anos en Galicia, de concentración da propiedade da vivenda en cada vez menos mans. Galicia (e España) segue sendo un país de pequenos propietarios, pero xa non tanto.

Esta tendencia foi apuntada o pasado mes de abril polo Ministerio de Consumo a través do informe O problema da concentración inmobiliaria en España, realizado en colaboración con investigadores do CSIC como Javier Gil, co que falamos nesta entrevista.

Case 1,2 millóns de persoas (1.185.489) son propietarias de cando menos unha vivenda en Galicia, ao redor do 43% da poboación. Delas, tres de cada catro (o 76,8%) posúen unicamente un inmoble residencial, cun 22,5% que son propietarios de entre 2 e 5. Porcentaxes moito máis cativas son propietarias de seis ou máis, con datos moi semellantes no resto de España. 

As persoas con máis dunha vivenda suman case o 45% do total aínda que os titulares de máis de 5 inmobles seguen a ser unha minoría

A panorámica comeza a cambiar se en lugar de observar o número de titulares se analiza o número de vivendas que teñen rexistradas. Neste caso, vemos como esas 910 mil persoas que en Galicia son propietarias dun só inmoble residencial posúen o 55% de todas as vivendas existentes no país, cun 39% de vivendas propiedade do grupo de persoas (267 mil) que son titulares de entre 2 e 5 inmobles. 

Aparecen tamén 6.751 persoas que posúen entre 6 e 10 vivendas e que concentran 47.319 inmobles. E 1.371 persoas que posúen máis de 10 vivendas -e polo tanto teñen as consideración de grandes propietarios- e que suman 40.485 vivendas.

De novo, non hai grandes diferenzas entre Galicia e o resto do Estado, aínda que a porcentaxe de vivendas en mans de persoas con máis de 5 inmobles -5,4% en Galicia- é inferior á media española -7,3%-, debido principalmente aos datos elevados que rexistran Canarias (12,5%), Cataluña (9,7%), Baleares (9,1%) ou Madrid (7,2%). O dato galego é o sétimo máis baixo, próximo aos indicadores de Asturias, Comunidade Valenciana ou Aragón. 

As vivendas galegas son propiedade maioritariamente de persoas físicas, cun peso relativamente pequeno dos inmobles propiedade de persoas xurídicas, é dicir, empresas, que suman algo máis de 40 mil vivendas rexistradas. As administracións públicas posúen algo menos de dez mil.

A realidade está a cambiar. As persoas que posúen un só ben inmobiliario pasaron de representar o 67,6% do total de propietarias a ser o 49,4%

Nesta investigación sobre os megatenedores (megapropietarios) de vivenda no Estado, Civio detallou as sociedades que en Galicia son propietarias de máis de 50 inmobles, unha porción pequena do parque de vivendas pero que sumaban no ano 2023 un total de 4.210 alugueiros, encabezadas polo Grupo Lavandeira e Avante Electa, ademais do fondo Blackstone e de Abanca.

Esta é a foto fixa da situación actual da propiedade inmobiliaria en Galicia. Pero se abrimos o foco e comparamos os últimos datos cos que se rexistraban hai 10 ou 20 anos vemos como esta realidade está a cambiar. O catastro ofrece unha estatística anual sobre os propietarios inmobiliarios en cada comunidade autónoma, de forma máis detallada a partir do ano 2024.

Nestes datos podemos ver como o número de persoas que teñen rexistrado un só ben inmobiliario urbano -non só vivendas, tamén locais comerciais, garaxes...- en Galicia (967 mil) é máis ou menos o mesmo que había en 2006 (935 mil) e que, de feito, esta cifra vén desdendo dende o 2011. En cambio, aumenta de forma acelerada o número de persoas con máis dun ben inmobiliario. 

2026 significou, de feito, un fito histórico para a propiedade inmobiliaria en Galicia: por primeira vez hai máis multipropietarios que persoas propietarias dun único ben

En 2006 unhas 411 mil persoas tiñan rexistado no Catastro entre 2 e 5 bens inmobiliarios e hoxe son o dobre (839 mil). De igual xeito, 29 mil persoas tiñan entre 6 e 10 bens inmobiliarios e hoxe son tres veces máis (118 mil). Hai vinte anos unhas 8 mil persoas posuían máis de 10 bens inmobiliarios e hoxe esta cifra se multiplicou por catro (32 mil).

Neste tempo aumentou o número de persoas propietarias de bens inmobiliarios en Galicia, que pasou de 1,38 a 1,95 millóns de persoas. Os cambios experimentados na distribución deste grupo de propietarios obsérvanse mellor se traducimos as cifras a porcentaxes. As persoas que posúen un só ben inmobiliario pasaron de representar o 67,6% do total de propietarias a ser o 49,4%. 2026 significou, de feito, un fito histórico para a propiedade inmobiliaria en Galicia: por primeira vez hai máis multipropietarios que persoas propietarias dun único ben.

Esta tendencia foi apuntada o pasado mes de abril polo Ministerio de Consumo a través do informe O problema da concentración inmobiliaria en España, realizado en colaboración con investigadores do CSIC como Javier Gil

No citado informe sobre a concentración da propiedade de vivenda en España, alertábase da redución do número de familias que posúen só un inmoble (do 58,3% ao 40,9%, un 22% menos en 14 anos) ao tempo que se disparan os fogares non propietarios (do 15% ao 22%, un 63% máis) e tamén as unidades familiares con 2 ou máis vivendas (do 26,8% ao 37,1%, un 54% máis). 

Durante décadas o habitual era que cada familia posuíse unha vivenda, ese era o modelo maioritario. Nos últimos anos este modelo fai augas por debaixo (moitas persoas non son propietarias e aumenta a porcentaxe que vive de alugueiro) e por arriba, cun grupo de persoas que acumula cada vez máis propiedades.

"España ten máis inmobles que hai quince anos, pero ese aumento non serviu para incorporar a máis fogares á propiedade, senón para reforzar a posición de quen xa estaban dentro do mercado e, especialmente, de quen xa acumulaban varios inmobles", dicían os seus autores

Estas son as cifras do número de propietarios, referidas ademais ao conxunto de bens inmobles. Pero que pasa especificamente coas vivendas? Está a concentrarse a súa propiedade? Lamentablemente o Catastro só ofrece certa información estatística detallada dende o ano 2024. Pouco espazo, polo tanto, para concluír a existencia dunha tendencia. Con todo, os datos comparados de 2024 e 2025 (último ano dispoñible) si amosan cambios nesta dirección.

Entre 2024 e 2025 non só aumentou máis o número de multipropietarios (+0,61%) que o de propietarios dunha única vivenda (0,13%), senón que tamén o fixo o número de vivendas en mans destas persoas titulares de dous inmobles ou máis (0,5%), case catro veces máis. Haberá que agardar aos anos seguintes para comprobar se se mantén a tendencia.

O informe do Ministerio de Consumo concluía que "o crecemento do número total de inmobles construídos non ampliou o acceso á propiedade". "España ten máis inmobles que hai quince anos, pero ese aumento non serviu para incorporar a máis fogares á propiedade, senón para reforzar a posición de quen xa estaban dentro do mercado e, especialmente, de quen xa acumulaban varios inmobles", engadían os seus autores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.