Hai agora dúas semanas, o bombeiro Roberto Rivas compareceu no xulgado tras presentar un recurso á multa de 600 euros que a Subdelegación do Goberno lle puxo por "alteración da orde pública" logo de negarse a cortar a cadea que impedía a entrada dos funcionarios xudiciais á casa de Aurelia Rey, anciá que intentou ser desafiuzada hai ano e medio na Coruña. Dixo que o volvería facer. A súa imaxe co casco cubríndolle a cara, marchando da vivenda e erguendo un cartel de Stop Desafiuzamentos deu a volta ao mundo e converteuse en símbolo da desobediencia civil, esa que el mesmo segue a defender con firmeza nesta entrevista na que insiste en que antes de facilitar un desaloxo deixaría a profesión.
Lembra con claridade o que aconteceu aquel día? Pode resumilo?
Lembro case todo o que pasou porque é obvio que foi un día especial. Á hora de comer houbo unha chamada ao parque e tocounos saír cara á vivenda de Aurelia Rey. Eu xa sabía o que ocorría porque estaba metido en movementos sociais e apoiaba as convocatorias de Stop Desafiuzamentos. Sabiamos que había unha resistencia pacífica, que xa cargaran dúas veces e que se paralizara o desaloxo, por iso pensabamos que nos chamaran porque había algún altercado ou algún colector ardendo. Ao chegar xa nos advertiron de que as cousas estaban moi tensas e puidémolo comprobar alí mesmo.
Pero non sabía exactamente a que ía?
Non. Certo é que meu compañeiro e eu xa falaramos durante o camiño do que fariamos no caso de que nos mandasen colaborar no desafiuzamento e acordaramos que non iamos axudar e que asumiríamos as consecuencias. Ao chegar, un policía da UIP díxome: "Vaia putada que vos tocara isto tamén". Foi o único que me dixeron. Ao achegarme ao portal a xente berrábame para que non rompese a cadea e reaccionei espontaneamante. Pedín un cartel de Stop Desafiuzamentos e regresei ao camión con el levantado antes de regresar ao parque. Foi todo o que pasou.
"Se me tivesen sancionado por negarme a colaborar no desafiuzamento, eu sería o primeiro en culparme e achegar as probas"
Porque vostede foi multado por "alterar a orde pública" pero non por negarse a colaborar coa policía...
Sempre o dixen: se realmente se me tivese sancionado por negarme a colaborar coa policía, eu sería o primeiro en culparme e achegar todas as probas porque son culpable diso e asumo todas as consecuencias, as que sexan. Pero os bombeiros tampouco temos claro cales serían esas consecuencias porque non sabemos se estamos a incumprir algunha norma.
Pero debía obedecer as ordes?
Debemos obedecer as ordes das autoridades competentes, neste caso da comisión xudicial, pero non podes obedecer calquera cousa porque o que está fóra do teu ámbito laboral é de sentido común non obedecelo. Creo que é o normal e que outros profesionais deberían facer certos labores. Esa serie de servizos, como os que reclaman nos desafiuzamentos, deberían facelos os policías e se non teñen os medios, que os consigan porque os bombeiros estamos para as emerxencias e para salvagardar os bens inmobles e as persoas.
"O proceder da policía foi erróneo; tiñan que ternos solicitado o material e colaborar eles no desaloxo"
Pero iso non foi así...
O proceder da policía foi erróneo porque o que tiñan que ter feito é solicitarnos o material e facer eles o traballo. E iso non é a primeira vez que o facemos. Cada profesión ten os seus labores, os seus deberes e as súas obrigas. Nós o que reclamamos é que se especifiquen claramente cales son as nosas funcións. Debería estar reflectido na Lei de Emerxencias de Galicia, pero non está, nin aí nin nas normas que se nos aplican do Concello. No día de mañá, se temos que volver facer estes servizos, buscariamos a forma de procurar legalmente a maneira de loitar contra as ordes.
Pase o que pase?
Eu non entrei nos bombeiros para facer este tipo de traballos e se os teño que facer pois non estarei traballando de bombeiro ou estarei loitando para cambiar as cousas.
"Non entrei nos bombeiros para facer estas cousas e se me obrigan a facelas, pois marcharei e dedicareime a outra cousa"
Pero póñase no caso de que as autoridades deciden recorrer habitualmente aos bombeiros para este tipo de casos.
Habitualmente non, non o farei nin unha soa vez. Téñoo clarísimo, e mira que quero a miña profesión, pero hai que ser consecuente cos teus principios e valores e creo que non temos a obriga de facer estes traballos. O día que sexa obrigatorio, pois dedicareime a outra cousa.
Recibiu moito apoio de compañeiros de todo o Estado, pero houbo quen o criticase polo que fixo?
É certo que recibín moitos apoios e que foron maioritarios na miña profesión, pero tamén hai xente que opina o contrario, que pensa que debemos acatar as leis e que para iso nos pagan. Cren que non é o noso labor cuestionar as normas. Respecto ese criterio e gústame que a xente exprese o que sente, pero eu téñoo moi claro. Unha cousa é a legalidade e outra a lexitimidade. É incrible que haxa leis que poidan ser legais. É brutal a represión que hai na rúa, as desigualdades que se están a crear na sociedade... Pero botar unha señora de 85 anos da súa casa como se pretendía é legal? Pois será, pero para min é totalmente ilexítimo e inmoral e un xeito de violencia institucional.
"É legal botar unha señora de 85 anos da súa casa? Pois será, pero para min é ilexítimo e inmoral e un xeito de violencia institucional"
O día no que acudiu a xulgado tras recorrer a sanción fixo unha clara defensa da desobediencia civil.
É unha ferramenta que temos e que temos que usala ante certo tipo de represión. É normal que se reúnan vinte persoas nun parque e poidan multarte? Son normal os desafiuzamentos? Son moitas leis que as que están é afundir a sociedade.
Tamén dixo que a policía modificara os atestados policiais, que eran falsos e que omitiran cousas...
É unha ferramenta máis de represión que eles teñen, estas cousas inxustas ás que lle dan forma para que sexan legais. Non me entra na cabeza que calquera policía obvie a realidade do que pasou, e máis aínda se é un cargo. Ao final, a súa palabra vale moito máis que a túa polo cargo que ten, pero senta ao teu carón no xulgado e non che pode nin mirar á cara. Fan un atestado e ao mes e medio fan outro poñendo as cousas que, seguramente, lles dixeron desde arriba que tiñan que poñer. Non teñen maneira de legar de amolar a alguén pero danlle a volta e buscan o xeito de facelo. Que sexan eles os lacaios do poder, unha ferramenta para facer estas cousas... Paréceme moi triste.
"É moi triste que haxa policías que modifiquen un atestado, que sexan lacaios do poder e se presten para estas cousas"
Cre que a sociedade está o suficientemente mobilizada e concienciada ante os problemas?
Creo que vivimos nun tempo no que debería estar moito máis revolucionada e implicada. A xente está moi acomodada na súa casa e non é activa. Quizais nos adormeceron todos estes anos con cousas moi banais como o fútbol, a televisión e mil cousas. A xente non se implica e non está na rúa e dá moita pena cando vas a unha manifestación a reivindicar os dereitos de toda a sociedade e hai xente que te mira como preguntándose que fas ou dicíndoche que vaias traballar. É moi fácil implicarse se iso supón só darlle un click co rato do ordenador, pero o que hai que facer son cousas, cousas efectivas que visualicen realmente os problemas.