0 Gardados para despois

A operación urbanística que pretende expulsar a Aurelia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O intento (frustrado) de desafiuzamento de Aurelia Rey -a muller de 85 anos sobre a que pesa unha orde de desaloxo polo atraso no pago de dous meses de aluguer- situou A Coruña na triste lista de polémicas sobre os lanzamentos que cada semana ocupan as portadas dos xornais. O caso desta anciá, á que apoian centos de veciños desde hai días, non se trata da sentenza xudicial derivada do impago dunha hipoteca e da orde dunha entidade bancaria, senón dun "claro caso de mobbing inmobiliario" derivado "operación urbanística de primeira orde"

Así o denuncian varios expertos e fontes xudiciais, pero tamén o colectivo Ergosfera, unha plataforma de estudantes de Arquitectura e arquitectos que desenvolven traballos de investigación e acción desde A Coruña. A última análise céntrase no caso de Aurelia Rey e que, con detalle, definen como "a consecuencia dun sistema urbanístico-inmobiliario inxusto" que pretende "a expulsión" das zonas céntricas das cidades dunha poboación envellecida e precaria para substituíla por "outra mais afortunada na ruleta da distribución de rendas".

"É un claro caso de 'mobbing' inmobiliario que pretende a expulsión dunha poboación envellecida e pobre do centro da cidade"

Iago Carro, membro de Ergosfera e profesor de Urbanismo na Universidade da Coruña, é un dos autores dun informe que "vai máis aló da grave e triste situación particular" de Aurelia, para fixarse "nas causas técnicas e económicas" deste intento de desafiuzamento. "Na cidade é a primeira vez que se dá un caso tan indignante e mediático de lanzamento e resulta estraño que non sexa debido á estafa global hipotecaria, senón a un caso claro de xentrificación e mobbing inmobiliario que pretende a expulsión dunha poboación dun lugar para levalo a outro", explica, tras aclarar que este "é un proceso científico" que se leva anos estudanto e que "xa se deu  nos Estados Unidos nos anos 60".

Para Ergosfera e Iago Carro, a situación de Aurelia Rey vén derivada da "nova centralidade comercial" do barrio onde vive a anciá desde hai 34 anos. A reconstrución do mercado da Praza de Lugo, a creación dun centro comercial aberto e a atracción de todas as tendas de Inditex e multinacionais como Fnac "aumentaron a presión sobre a zona, provocando unha revalorización inmobiliaria" que rematou coa compra por parte do grupo textil de Zara da maioría de baixos comerciais da rúa perpendicular a Padre Feijoo, onde reside a muller de 85 anos.

O intento de desaloxo "é consecuencia" dun sistema onde "as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública só son recollidas polos propietarios"

Así, tal e como explica Carro, os intentos de desafiuzamento de Aurelia Rey por parte de familia González-Pereira -propietaria de numerosos inmobles na cidade- non é máis que a consecuencia "dun sistema onde as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública tan só son recollidas polos propietarios do solo e non pola cidadanía común". Uns donos que agora ven que "o que valía X, vale X+Y" e buscan un maior beneficio aproveitándose da debilidade legal e humana.

Ademais, tal e como continúa Carro, os arrendadores aluden á suposta inxustiza de que Aurelia Rey siga a pagar 126 euros polo aluguer dunha casa que habita desde 1979 e que supón máis do terzo recomendado dos 356 euros que cobra da pensión. "Aquí pártese dun sistema e dun principio que se basea en que os prezos dos alugueiros deben ser fixados unicamente polo valor do solo e non polas capacidades económicas dos inquilinos xa establecidos nun lugar, cando ademais o valor do solo pode depender de moitas cousas, incluídas as actuacións públicas pagadas por todos os cidadáns", resume.

A oferta de pisos de aluguer social en Novo Mesoiro ou Eirís supón "a expulsión á periferia" das clases baixas

Os beneficios legais que ten este sistema son os que provocan que recaian nas administracións públicas as responsabilidades de dotar de aloxamentos sociais á poboación máis desfavorecida, como Aurelia Rey, á que lle ofrecen alugueres sociais en Eirís ou Novo Mesoiro, zonas situadas a varios quilómetros do centro, o que supón un exemplo máis da "expulsión á periferia" das clases baixas o que, segundo Iago Carro, "converte a cidade nunha cidade peor".

"É necesaria a diversidade; non queremos un gueto de yuppies que enchen as vinotecas coool ou levan modernos bolsos"

"Téndense a homoxeneizar os barrios; non nos negamos a que nesta zona céntrica haxa unha fauna diversa humana, porque non queremos un gueto de persoas envellecidas, pero tampouco de yuppies que enchen as vinotecas coool ou levan modernos bolsos"."Debemos manter a variedade e esa necesaria diversidade inclusiva", insiste, tras aclarar que "Aurelia non é só un individuo, senón parte dunha rede de relacións sociais tecidas durante décadas nun barrio".

"Desde o punto de vista do urbanismo, a única solución razonable posible é que se manteña a Aurelia na vivenda porque calquera outra opción é darlle a razón a ese sistema inxusto que fixa os prezos", remata Carro, que ve a anciá de 85 anos como "unha parte da máquina de resistencia inconcsciente contra o proxecto capitalista e non democrático co que se deseña o futuro dun barrio". Un sistema favorecido pola lei de desafiuzamento express aprobado polo Goberno de Zapatero, pero que nin tan sequera se valeu disto no caso da anciá coruñesa, que está afectada por unha lei de arrendamento que data de principios dos 80 e do ministro socialista Boyer. "Este é un caso claro de mobbing inmobiliario favorecido por unha lei aplicada de maneira estrita", explica o avogado Xoán Antón Pérez Lema, que deita luz sobre a legalidade que supón poder expulsar unha persoa que non ten débeda ningunha co seu caseiro e que se atrasou no pago de dous recibos de aluguer, un deles hai máis de ano e medio e outro hai catorce.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Stop Desafiuzamentos censura que nin Xunta nin Concello contactaron aínda con Aurelia

O colectivo Stop Desafiuzamentos Coruña insistiu este xoves a través da lectura dun comunicado en que a solución proposta para a anciá -piso de aluguer social ás aforas da cidade- provocaría suporía unha "grave limitación do desenvolvemento social e persoal" dunha persoa que leva máis de 30 anos vivindo no centro da Coruña. Ademais, censuran as declaracións tanto do Concello como da Xunta, nas que seguen aconsellando a residencia ou as vivendas sociais como solución, logo de que nin a Administración autonómica nin a local "teñan mantido contacto ningún nin coa plataforma nin coa afectada".

Ademais, Stop Desafiuzamentos considera que "existe certo interese en aproveitarse dos medios de comunicación para retratar a articulación do forte apoio cidadán a Aurelia como unha ameaza á orde pública e un factor desestabilizador na cidade". "Desexamos que fique clara a vontade dos que participamos nestas accións de causar as menos molestias posibles", insisten.

Por outra banda, Joaquín Díaz, portavoz do colectivo, anunciou que a última hora deste xoves levarase a cabo unha reunión entre o avogado de Aurelia Rey e os representantes legais dos propietarios da vivenda para intentar chegar a un acordo e, de ser posible, paralizar polo momento a orde de desaloxo. De non haber solución, varios membros de Stop Desafiuzamentos pasarán a cuarta noite consecutiva no portal da vivenda da rúa Padre Feijoo.

O TSXG recorda que "ninguén pode elixir" que leis cumprir ou non

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, pronunciouse este xoves sobre o intento de desafiuzamento de Aurelia Rey e admitiu que existe "un problema social subxacente" nos desaloxos, pero lembrou que "ninguén" pode "elixir" que leis cumprir. "Estamos a falar de executar unha sentenza firme e iso, nun Estado de Dereito, é algo habitual, normal e obrigado", asegurou, logo de que ser preguntado polo caso da anciá de 85 anos, que grazas á presión social continúa na súa casa aínda que baixo ameaza de lanzamento.

    "No caso de Aurelia estase intentando executar unha sentenza firme ratificada pola Audiencia Provincial", recorda Cadenas

Ademais, Cadenas pediu que se desvincule "o problema legal" do "xudicial" e do "social". "O poder xudicial ten por función constitucional xulgar e facer executar o xulgado", insistiu, tras recordar que no caso de Aurelia "estase intentando executar unha sentenza firme" tras "unha demanda de desafiuzamento por falta de pago" que foi ratificada pola Audiencia Provincial.

"Non é posible exixir dun órgano xudicial" que paralice este desaloxo, porque ese "problema social subxacente" é "alleo realmente ao xudicial". "O Xulgado xa deu conta da situación desta señora aos servizos sociais do Concello", lembrou Cadenas, tras insistir en que non existe "o dereito a elixir" que normativas cumprir ou non. Ademais, estendeu este principio á comisión xudicial encargada do desaloxo, pero tamén á Policía e os Bombeiros.

   O TSXG defende que se suspenda o desaloxo se hai perigo "para a integridade física da comisión xudicial ou dos presentes"

Aínda así, deixou claro que "non é responsabilidade" da citada comisión "realizar un acto de desaloxo" cando existe "risco para a súa propia integridade física ou das persoas que están alí reunidas". "O que ten que facer neses casos é suspender e viabilizar que o acto xudicial de execución dunha sentenza se realice coa debida seguridade e garantía para todos os que interveñan nese acto", concluíu o presidente do alto tribunal galego.